O Concello de Boiro e os veciños inaugurarán o sábado día 12 ás 13.00 horas a reforma da antiga escola unitaria
En decembro de 2010 inaugurouse o centro social de Abanqueiro
Boiro, 10 de marzo de 2011. O Concello de Boiro e os veciños do Esteiro, na parroquia de Santa María do Castro, inaugurarán este sábado, día 12 de marzo, ás 13.00 horas, a reforma da antiga escola unitaria do lugar, que foi desafectada polo Concello e convertida en Centro Social, unha infraestrutura que contribuirá a revitalizar e dinamizar o lugar. Ao acto, presidido polo Alcalde, Xosé Deira Triñanes, está convidada a corporación municipal e as asociacións da parroquia. Este rematará cunha festa promovida pola Asociación de Veciños A Marxa, que preside Mario Fontán Ramos.
A adecuación do Centro Social do Esteiro contou cun investimento próximo aos 50.000 euros, financiados ao 100% pola Deputación da Coruña. O edificio, ao que se lle meteron vigas para reforzar a súa estrutura, foi obxecto dunha reforma integral. No interior tiráronse tabiques e dividiuse en dúas plantas; a baixa está dedicada basicamente a sala de reunións e na planta alta hai aulas e oficinas. Tamén se fixeron tres aseos (un deles adaptado para persoas con mobilidade reducida), colocouse tella nova, habilitouse un porche e retirouse parte do peche, que se atopaba en mal estado.
O Concello anima a tódolos veciños a participar neste acto.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario