Lage considera que mentres "o goberno galego segue enterrando centos de millóns de euros na Cidade da Cultura, contedor cultural que non se sabe para que serve, está a desprotexer o castro de Baroña, patrimonio cultural galego"
Porto do Son, 10 de marzo de 2011. O deputado barbanzano do PSdeG-PSOE José Manuel Lage Tuñas interviu hoxe no Pleno da Cámara para interpelar ao goberno galego sobre o motivo polo cal a Consellería de Cultura e Turismo non dispón dunha partida dedicada á urxente actuación da restauración e protección do Castro de Baroña.
Lage Tuñas recordou que “foi o propio presidente da Xunta o que dixo que a axuda para protexer o castro de Baroña tiña que vir de fóra, pero nós cremos que a consellería de Cultura deste país ten que protexer o noso patrimonio e non botar balóns fóra.” O deputado do PSdeG-PSOE ve “inaprazable” que a Xunta de Galicia protexa o castro de Baroña e pídelle que destine unha partida orzamentaria á aplicación urxente do plan especial de protección do citado xacemento.
Lage Tuñas manifestou na súa intervención que “o goberno galego segue a enterrar centos de millóns de euros na denominada “cidade da cultura”, contedor cultural que segue sen saberse moi ben para que serve ao mesmo tempo que asistimos á desprotección do castro de baroña, patrimonio cultural de tódalas galegas e galegos”
Asegurou que “esta grave contradicción no ámbito da cultura e do patrimonio require doutra política diferente á que está desenvolvendo o goberno galego en materia de protección do patrimonio cultural.”
Ben de Interese Cultural
Sinalou tamén que “é fundamental o recoñecemento do castro de Baroña, sito no concello de Porto do Son (A Coruña) como ben de interese cultural BIC)” e asegura que “despois de vintetrés meses de goberno presidido por Núñez Feijóo con ausencia de noticias sobre a xestión do goberno galego nesta materia, entendemos que é preciso facer un balance da situación na que se atopa o recoñecemento cultural e patrimonial do castro de Baroña.”
Os socialistas galegos queren que en 2011 se declare BIC (ben de interese cultural) o castro de Baroña, despois de dous anos “en blanco”, “onde a consellería de Cultura non tramitou o expediente administrativo que agora anuncia a bombo e platillo.” apunta Lage Tuñas.
O conselleiro de Cultura recoñeceu que a Xunta aínda incoará o expediente no primeiro cuadrimestre deste ano, tendo prevista a súa culminación administativa e declaración definitiva a finais de ano.
“Esto demostra que este goberno durante os anos 2009 e 2010 non fixo absolutamente nada respecto da tramitación do castro como BIC” advertiu José Manuel Lage.
Partida para urxente actuación no castro de Baroña
O parlamentario socialista explicou que “os socalistas galegos defendemos en moitas ocasións a importancia de poñer en valor o noso patrimonio histórico e cultural, e a necesidade de que os poderes públicos adopten decisións encamiñadas a acadar este obxectivo amplamente compartido pola sociedade galega.”
Na súa intervención reclamou ao conselleiro de Cultura que adique unha partida orzamentaria ao coidado, restauración e protección do castro de Baroña, patrimonio de tódolos galegos e galegas, e que está sufrindo un serio deterioro pola inacción da xunta de Galicia, que é a administración competente en materia de protección do patrimonio cultural.
“Así as cousas consideramos urxente que o Goberno Galego adique unha partida económica neste ano 2011 para a execución das actuacións urxentes previstas no plan especial de protección do citado xacemento, nos prazos que sexa posible e seguindo os criterios técnicos do citado plan.”
Por todo isto Lage Tuñas considera imprescindible que a Xunta de Galicia proceda a:
1.-Concluír, durante o ano 2011, os trámites do correspondente expediente para a declaración do castro de Baroña, sito no concello de porto do son (A Coruña), como ben de interese cultural (BIC).
2.-Dispoñer unha partida orzamentaria para a urxente actuación de restauración e protección patrimonial como fixa o plan especial de protección do castro de Baroña (Porto do Son- A Coruña).Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario