Noia, 11 de marzo de 2011. O Portavoz da Área Institucional do PSdeG-PSOE, Jose Manuel Lage Tuñas rexistrou hoxe no parlamento de Galicia unha nova iniciativa co obxecto de coñecer os motivos polos que o goberno galego non executa a obra de acondicionamento e mellora da estrada AC-550 entre Noia-Taramancos e Porto do Son (A Coruña), tal e como contemplaron os orzamentos da Xunta de Gaicia que reservaban máis de 7 millóns de euros para esta actuación de seguridade vial.
Lage Tuñas denuncia “a paralización dunha importante inversión de sete millóns de euros para Noia e Porto do Son” e explica que “a ausencia de explicacións por parte do goberno galego está sendo a tónica habitual”.
O deputado noiés do PSdeG-PSOE recorda que “durante o ano 2010 o conselleiro Hernández respondeu con evasivas ás miñas preguntas sobre este tema, sen dar ningunha explicación sobre a paralización desta inversión, por iso será bo que se produza un debate sobre este importante investimento”.
Lage Tuñas dixo que “a mellora da seguridade vial nas estradas de titularidade autonómica forma parte das preocupacións constantes dos socialistas galegos, co obxectivo de reducir a siniestralidade e adecentar e mellorar diferentes tramos da rede viaria pública. E con este fin foi concebido un proxecto que xa foi elaborado no ano 2008 e que agora non sabemos porque está paralizado”.
“Na comarca de Noia a Xunta de Galicia ten contemplado nos seus orzamentos unha importante actuación viaria denominada Mellora e Acondicionamento da AC-550 entre Noia, Taramancos (Noia) e Porto do Son, tal e como reflexan as memorias orzamentarias autonómicas dos últimos anos”, explica Lage, quen lembra que “a obra de acondicionamento e mellora do vial que une Noia con Porto do Son contemplaba unha inversión de 7,4 millóns de euros tendo como obxectivo fundamental a mellora do firme, a dotación de equipamentos de seguridade, a mellora de beirarrúas e unha boa sinalización nos diferentes núcleos de poboación polos que discorre a AC-550.
O parlamentario socialista denuncia que “durante o ano 2009 o goberno galego non executou a citada obra, e durante o ano 2010 tampouco comezaron os traballos da citada mellora na seguridade viaria. En 2011 seguimos sin noticias, non sabemos porque está paralizada a inversión” e engadiu que “os socialistas galegos entendemos que é necesario coñecer os motivos polos que o goberno galego non executa a obra de acondicionamento e mellora da estrada AC-550 entre Noia-Taramancos e Porto do Son (A Coruña), tal e como contemplan os orzamentos da Xunta de Gaicia que reservaban máis de 7 millóns de euros para esta actuación de seguridade viaria.”
“Os socialistas galegos estamos interesados en que se fagan inversións na comarca de Noia e se mellore a seguridade viaria e entendemos que de non executarse a obra a Xunta de Galicia debería dar a coñecer os motivos polos que ten paralizada esta actuación viaria”, explica José Manuel Lage.
“A falta de información existente ao respecto é alarmante, e unha vez máis un dos múltiples proxectos anunciados polos responsables do goberno galego queda paralizada sin que se poida coñecer os motivos polos que non se executa esta obra.”
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario