18.3.11

Ribeira: concédenlle a Cáritas, Pescanova e Isaac Díaz Pardo os premios do Concello desta edición, a decimoterceira

Foron distinguidos nos apartados de Traballo desinteresado, Traballo ben feito e Cultura

Ribeira, 18 de marzo de 2011.- O alcalde, José Luis Torres Colomer, e a presidenta da Asociación de Amas de Casa, Magdalena Bringas Miralles, deron a coñecer na mañá de hoxe o nome das dúas entidades e da persoa en que recaeron os Premios "Concello de Ribeira" na súa décimo terceira edición. Trátase de Cáritas na categoría de Traballo Desinteresado; Pescanova, polo Traballo Ben Feito, e Isaac Díaz Pardo no apartado de Cultura.

O rexedor explicou as principais razóns polas cales estas distincións foron a parar aos tres galardoados. Así, sobre Cáritas Ribeira resaltou o extraordinario e desinteresado labor que está a realizar esta entidade, tan necesario nuns tempos tan difíciles como estes. 

Polo que respecta á  empresa Pescanova, Torres Colomer aludiu ao seu coñecemento de primeira man da traxectoria desta entidade, nacida en 1960, na que traballou de oficial e capitán de pesca. O alcalde do concello fixo fincapé nalgúns dos avances propiciados por Pescanova, como o descubrimento de novos caladoiros, a construción de barcos máis modernos e a introdución de innovacións no mundo da acuicultura.

De Isaac Díaz Pardo puxo de relevo a súa contribución ao desenvolvemento da cultura galega como pintor, editor, escritor e no mundo da cerámica a través do complexo de Sargadelos e de Cerámicas do Castro.

Pola súa parte, Magdalena Bringas fixo alusión á orixe destes premios, que foron promovidos por Román Padín Montenegro, de La Onza de Oro, a instancia da Asociación de Amas de Casa: institución que sigue colaborando na organización dos mesmos, agora xunto ao Concello.

Así mesmo, lembrou que entre os premiados figuran Gonzalo Torrente Ballester, Alfredo Conde, Carmela Arias y Díaz de Rábago, Proyecto Hombre ou Ciudad de los Muchachos ou tamén outras persoas e institucións máis vinculadas a Ribeira como Carlos Garcia Bayón, Francisco Lorenzo Mariño, Manuel Ruiz Rivas, Román Padín Montenegro o Centro Comercial Haley ou a Cruz Bermella do Mar. Os últimos distinguidos foron a Asociación Antidroga Renacer, o Comité do Centenario de Ribeira e o xornalista Fernando Ónega.

A gala na que serán outorgados os premios terá lugar o venres 1 de abril, ás 21 horas, no restaurante Baiuca, na parroquia de Artes. Quen queira acudir pode adquirir a súa entrada na Asociación de Amas de Casa ou no Concello (Secretaría de Alcaldía). Hai ata o 25 de marzo como data límite.

Está confirmada a presenza de María Teresa Pérez, presidenta de Cáritas Ribeira; de Manuel Fernández de Sousa, presidente de Pescanova; e de Isaac Díaz Pardo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical