Ribeira, 14 de marzo de 2011. O Auditorio Municipal deu cabida esta fin de semana a un acto de conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora organizado polo Concello, no que as protagonistas foron o colectivo de coidadoras de persoas dependentes existentes no municipio. Medio centenar destas mulleres puidéronse achegar á instalación municipal para asistir a un acto no que se lles rendeu tributo, e que comezou cunha charla sobre masaxes terapéuticos impartida por Elena Isabel Lagoa Pazos, profesional deste ramo. Acto seguido subiuse ao escenario a presidenta da Asociación de Amas de Casa, Magdalena Bringas, quen enxalzou o labor realizado por este colectivo, non sempre recoñecido pola sociedade como se merece, e deu paso á actuación do grupo de baile e do grupo de cantareiras que forman parte desta asociación. Despois falou o alcalde, José Luis Torres Colomer, quen non quixo deixar de aproveitar este momento para lembrar o labor desenvolvido por Clara Campoamor, principal impulsora do sufraxio universal en España. A continuación, entregou diplomas acreditativos e cadanseu ramo de flores ás 50 mulleres coidadoras que estiveron presentes no evento. Tamén estiveron presentes no evento a concelleira de Igualdade, Acción Social, Maiores e Dependencia, Esther Patiño, a directora do Centro de Información á Muller, María Dolores Crujeiras, e moitas outras persoas que non se quixeron perder este acto de homenaxe.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario