Para sensibilizar sobre non coller o coche cando se consume alcol
Ribeira, 16 de marzo de 2011.- As Concellerías de Cultura e de Xuventude do Concello están inmersas nestes intres nas tarefas de difusión da campaña “LIBRE. Libre de Alcol, Libre de Preocupacións” que promove a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia. Con tal motivo, esta semana serán enviados máis de 300 DVDs pertencentes a esta campaña (acompañados das cartas explicativas correspondentes) a outros tantos colectivos ou entidades ribeirenses aos que, por unha ou outra razón, lles pode resultar interesante a mensaxe transmitida a través desta iniciativa, coa que se pretende sensibilizar á mocidade para que non consuma alcol durante o tempo de ocio se logo vai conducir e se designe un condutor alternativo para coller o volante.
Entre os contidos da gravación hai un vídeoclip do tema “Flores en la Carretera”, pertencente ao álbum homónimo de Jabon Blue, con localizacións en distintas paraxes da comarca e colaboración do actor Manuel Manquiña e do compositor Luis Cobos. Tamén contén esta mesma canción en formato audio e versión karaoke do videoclip, ademais doutras opcións.
Locais hostaleiros
150 dos DVDs serán enviados a outros tantos locais hostaleiros e de ocio do municipio, co obxectivo de que a canción ou o vídeoclip sexan emitidos durante as horas de afluencia de clientes e, a poder ser, antes do peche do establecemento. Para esta acción cóntase coa colaboración da Asociación de Empresarios de Ribeira.
Ademais, unha quincena de copias irán destinados a cada un dos centros de ensino de Primaria e Secundaria que hai no termo municipal a fin de facer chegar o mensaxe de “LIBRE” ao alumnado e incluso para que poida ser utilizado en actividades, charlas, etc... Outros 150 serán repartidos entre ANPAs, ONGs, asociacións culturais, sociais, recreativas e veciñais que teñen a súa sede en Riveira, para difusión entre os socios.
Cabe lembrar que a presentación en Ribeira desta campaña tivo lugar o pasado 2 de marzo no Auditorio Municipal, con presenza duns 200 estudantes de ESO e Secundaria e miniconcerto acústico de Javi Maneiro e Kuervo, vocalista e guitarrista de Jabon Blue respectivamente.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario