21.3.11

Ribeira: presentan o boceto do novo mercado, que terá soto e catro alturas, con opción a cinco


A praza de abastos máis moderna da contorna é a da Pobra agora mesmo

Ribeira, 21 de marzo de 2011. Praceiros e usuarios do mercado de abastos de Ribeira (neste último caso representados pola Asociación de Amas de Casa) acolleron "con satisfacción", segundo o equipo de goberno do PP de Ribeira, o borrador do novo mercado que lles foi presentado hoxe nunha reunión celebrada na casa consistorial.

Este encontro contou coa participación do alcalde, José Luis Torres Colomer, e da concelleira de Mercados, Esther Patiño Rey, ademais da do arquitecto municipal, quen foi o encargado de explicar as características deste novo e moderno inmoble, chamado a ocupar o mesmo emprazamento no que se levanta a instalación actual e que, segundo o boceto presentado, constaría dunha planta soto e catro alturas. 

No soto situaranse as cámaras frigoríficas, un almacén xeral, vestiarios e duchas masculinas e femininas, así como un cuarto de instalacións. A planta baixa albergará 35 postos con claro predominio dos destinados a pescados e mariscos, pero con concesión tamén aos de carnicería, conxelados e froitería. Este espazo, no que irían destinados a práctica totalidade dos praceiros que traballan no mercado actual, será de dobre altura, de tal xeito que garde relación visual coa planta inmediatamente superior co fin de estimular así a mobilidade dos consumidores entre un e outro espazo. De dimensións máis reducidas, esa planta primeira contará con 12 postos entre carnicería, froiterías, conxelados e verduras.

Restaurante, como no da Pobra

A segunda planta irá  destinada a produtos non perecedoiros que non entren en competencia coas mercadorías que se venden nas dúas anteriores; mentres que a terceira planta dará cabida a unha cafetería/ restaurante con vistas á ría de Arousa. Enriba haberá unha terraza que preste servizo a este local.

As distintas plantas irán conectadas con montacargas, de uso exclusivo para os praceiros, ademais dun ascensor, dúas escaleiras convencionais e outras dúas mecánicas.

Locais para sindicatos e extensión agraria

Por outra banda, xa se buscou unha alternativa de espazo para os sindicatos e o servizo de extensión agraria que operan nestes momentos no edificio da praza, e en breve o alcalde falará cos correspondentes representantes para escoitar a súa opinión. De non cristalizar esta opción, habería que levantar unha planta máis.

De calquera xeito, e vista a satisfacción das partes implicadas, a idea do equipo de Goberno municipal é comezar coa redacción do proxecto de inmediato.   


 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical