21.3.11

Ribeira: segue a bo ritmo a repoboación do parque de San Roque, con 800 exemplares de árbores autóctonas

Ribeira, 21 de marzo de 2011. Os responsables municipais de Educación e de Turismo, Juana Ermitas Crugeiras Vidal e Vicente García Rivas, achegáronse esta mañá ao Parque Periurbano de San Roque co fin de visitar e inspeccionar dúas actuacións que se están a realizar neste espazo aledaño á cidade barbanzana. Trátase, por unha banda, do obradoiro de emprego Airoas, iniciado oficialmente o 27 de decembro e do que xa se poden observar resultados tanxibles do labor efectuado, e, por outra, dunha acción de repoboación forestal desenvolvida polo Concello con financiamento da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. 

Polo que respecta ao obradoiro Airoas, cabe recordar que neste programa mixto de emprego-formación participan un total de 35 persoas maiores de 25 anos nalgunha destas tres especialidades: xardinería, carpintería e pavimentación con lastros. A directora do obradoiro, Uxía Argibay, foi explicando aos edís riveirenses as obras que se están a facer, como a substitución do firme de zahorra existente por un acabado de adoquín de granito  nas zonas de acceso rodado e peonil do parque, así como a dotación de axardinamento e mobiliario na área de aparcamentos existente pola banda da estrada de Frións. 

Outra das accións que están a realizar os alumnos-traballadores do obradoiro Airoas é  a construción dunha pasarela de madeira dende o acceso ao parque ata o Centro de Interpretación Arqueolóxica. Irá equipada con barandas e farois de madeira. 

800 árbores

A outra grande iniciativa que se está a facer nestes momentos é unha repoboación forestal que obra sobre diferentes zonas do parque periurbano, de 171.000 metros cadrados de superficie. Con financiamento da Consellería de Medio Rural, a actuación ascende a 59.000 euros e inclúe a plantación de case 800 árbores de distintas especies: entre eles, 125 carballos, 125 carballos cerquiños, 250 castiñeiros, 150 bidueiros, 25 sobreiras e 50 loureiros. 

Con cargo a esta mesma iniciativa figuran tamén a limpeza dos marxes de tres accesos (o que parte da zona dos Xulgados, o que provén de Cruxeiras e o da capela de San Roque), o desbroce con tractor debaixo do miradoiro e no contorno do lavadoiro, ademais de nunha zona concreta de plantación con frondosas; e a eliminación de árbores invasores, especialmente os eucaliptos xóvenes. 

Vicente García resaltou o interese do Concello de seguir actuando sobre a que é unhas das principais áreas de esparcemento do municipio, á que se pretende potenciar como elemento de atracción turística ademais de servir de lugar de uso e disfrute dos veciños e un pulmón verde para a Centenaria. 

Pola súa parte, Crujeiras Vidal puxo de releve o importante labor que están realizando os alumnos do obradoiro Airoas, que ademais de abundar na súa propia formación de cara a súa inserción laboral redunda na mellora do municipio en xeral e do parque de San Roque en particular.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical