Dodro, 31 de agosto de 2012. O Concello de Dodro clausurou hoxe a “Escola de Verán”, na que participaron medio cento de menores de 3 a 12 anos. Esta actividade estivo cofinanciada polo propio Concello e a Deputación da Coruña e tivo por obxecto fomentar a igualdade de xénero e favorecer a conciliación da vida laboral e persoal das familias de Dodro durante as vacacións estivais. Coa axuda das monitoras, os menores despedíronse da “Escola de Verán” organizando un festival no colexio Eusebio Lorenzo Baleirón o que asistiron as súas familias e o Alcalde de Dodro, o popular Valentín Alfonsín Somoza. Este acto serviu como punto e final a unha actividade de convivencia lúdica de dous meses de duración que incluíu xogos, visionado de películas, deportes, obradoiros de manualidades, costura, bricolaxe e cociña e que puxo de relevo a importancia destas aprendizaxes desde a infancia para o logro da igualdade real entre mulleres e homes e a construción dunha sociedade máis xusta. Reforzo educativoTamén hoxe, 31 de agosto, remataron en Dodro as clases da Aula de Reforzo Educativo de Verán, proxecto cofinanciado polo mesmo Concello e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que tiña por obxecto a prevención e redución do abandono escolar dos menores que cursan a ESO. Na experiencia participaron un total de 15 escolares que durante os meses de xullo e agosto asistiron o colexio Eusebio Lorenzo Baleirón tanto para preparar as materias nas que tiñan dificultades de cara as probas de setembro como para aprender técnicas de estudo que mellorasen o seu rendemento académico. A aula contou ademais cun servizo de titorías e de orientación e asesoramento ás familias dos menores. No acto de clausura da actividade o alcalde de Dodro fixo a entrega de diplomas e destacou a "importancia da constancia no traballo así como o valor dunha boa formación", e animou ás/ós participantes a resolver con éxito ás vindeiras probas académicas.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario