7.9.12

Barbanza: o Bng pon en marcha unha campaña a prol do comercio local


A Pobra do Caramiñal, 7 de setembro de 2012. O BNG do Barbanza, como xa fixo antes o de Noia e Muros, inicia unha campaña en defensa dos intereses do pequeno comercio, que se está levando a cabo en toda Galiza.

O PP busca beneficiar ás grandes superficies e transnacionais

O motivo desta campaña está en dous reais decretos-lei (19/2012 e 20/2012) que o goberno de Rajoy aprobou recentemente e que contemplan, entre outras cousas como a subida do IVE ou os recortes nos soldos dos funcionarios, "varias medidas que son moi lesivas para o comercio tradicional", aseguran os nacionalistas. Destacan a liberalización de horarios, o aumento no número de domingos e festivos de apertura e a modificación na temporada de rebaixas. "Estas medidas, amparadas polo paraugas da crise, responden ao interese do PP en beneficiar ás grandes superficies e transnacionais en detrimento do pequeno comercio, contrario desde sempre a esta liberalización. Por outra parte son medidas que invaden competencias autonómicas sen que Feijoo abrise a boca ao respecto, someténdose, coma sempre, ás decisións impostas desde Madrid", argumentan dende o Bng barbanzán.


 O BNG vén de pór en marcha esta campaña que inclúe carteis de promoción do comercio tradicional e reparto de información explicando as medidas aprobadas polo PP e as alternativas do BNG. Tamén se presentou no Parlamento Galego unha iniciativa na que se insta ao parlamento e ao goberno galego a rexeitar os reais decreto-lei, a promover un recurso de inconstitucionalidade por invasión de competencias e a elaborar un plan sectorial con medidas que realmente benefician ao pequeno comercio. Estas medidas propostas polo BNG inclúen o fomento das asociacións de comerciantes, o fomento dos centros comerciais abertos, a aplicación de plans de promoción do turismo e do comercio local, axudas para comercios que promocionen produtos do país, entre outras propostas.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical