13.9.12

Cultura: curso sobre xogo tradicional na Illa de Arousa o 21 e 22 de setembro

12 de setembro de 2012.- Diferentes localizacións da Illa de Arousa –instalacións do IES da Illa, Auditorio Municipal, Escola de Navegación e Aparellamento de Embarcacións Tradicionais...– acollerán, desde a tarde do venres 21 ata a noitiña do sábado, 22 de setembro, o IV CURSO DE FORMACIÓN SOBRE O PATRIMONIO LÚDICO: PATRIMONIO LÚDICO COSTEIRO E EDUCACIÓN. O Curso está dirixido a profesionais da educación e do tempo libre de todo o país e nel intervirán, entre outros relatores, os investigadores galegos APOLINAR GRAÑA VARELA, da Universidade da Coruña, e UXÍO RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ, da Universidade da Coruña tamén pero que desenvolve parte do seu traballo profesional no Concello de Boiro.

A actividade está apoiada polo CONCELLO DA ILLA DE AROUSA e a prestixiosa ASOCIACIÓN CULTURAL E DEPORTIVA DORNA terá un papel fundamental no seu desenvolvemento, xa que será a encargada de lles ensinar a navegar aos asistentes en diferentes embarcacións tradicionais, entre elas a propia dorna. Precisamente por esta razón, e por ser preciso xestionar un seguro de navegación para cada participante, A MATRÍCULA NO CURSO PECHARASE O 18 DE SETEMBRO.

O Curso está organizado polo movemento de renovación pedagóxica NOVA ESCOLA GALEGA e pola ASOCIACIÓN GALEGA DO XOGO POPULAR E TRADICIONAL (AGXPT). Para a AGXPT, entidade nacida por e para a divulgación do patrimonio lúdico galego e formada por profesionais de diferentes ámbitos laborais, o Curso representa a consolidación dunha actividade de formación que vén organizando desde hai catro anos, e que se circunscribe nas máis de 300 actividades de divulgación desenvolvidas desde a súa fundación no ano 2003. Con el, preténdese cubrir un oco existente nos programas oficiais de formación do profesorado, que só nalgunha época concreta ofreceron algunhas actividades de formación para educadores/as sobre o xogo tradicional.

Galicia é un país enormemente rico en xogos. No conxunto da Península, atópase nos primeiros lugares en canto ao número e á vixencia das súas prácticas lúdicas tradicionais, a carón do País Vasco, de Navarra e da propia Portugal. Nos últimos anos, son constantes as iniciativas de recuperación do xogo tradicional que teñen xurdido por todo o país, tanto desde a perspectiva deportiva –é o caso dos birlos ou da chave, por exemplo– como desde outros ámbitos, entre eles o escolar. En efecto, son numerosos xa os centros educativos galegos que contemplan entre os seus proxectos estratexias de recuperación dos xogos de cada zona.
O xogo tradicional contén en si mesmo moitos elementos educativos que non debesen desaproveitarse, constituíndo este feito un motivo máis para a súa recuperación e práctica, e por iso tamén o Curso tentará achegar propostas para traballar na aula os contidos curriculares –especialmente nesta ocasión nas áreas de Ciencias Naturais, Arte, Educación Plástica, Tecnoloxía e Música– a través do xogo tradicional. O Curso compaxinará as sesións teóricas coa práctica dunha mostra significativa de xogos tradicionais.

Os procesos de recuperación do patrimonio lúdico son comúns a toda a nosa contorna europea próxima, onde existen tamén infinidade de proxectos de recuperación articulados a maior parte deles a través da ASOCIACIÓN EUROPEA DE XOGOS E DEPORTES TRADICIONAIS, entidade na que a AGXPT está integrada. A asemblea anual da Asociación Europea do ano 2013 desenvolverase, precisamente, en Galicia.

triptico_curso_illa_2012.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical