Dodro, 13 de setembro de 2012. A Concelleria de Servizos Sociales e Igualdade do concello de Dodro pon en marcha esta semana o novo Programa “Conta con Nós”.
Esta iniciativa, pioneira na zona, vai dirixida a todas as persoas maiores de 65 anos residentes no Concello que vivan soas e que non son usuarios dos servizos sociais do concello. Con este programa preténdese oferecer información individualizada e personalizada nos domicilios a cada veciño que reúna os requisitos para que coñezan como é o funcionamento de Servizos Sociais, os recursos que teñen dispoñibles e as prestacións e axudas as que poden acceder.
Asemade, con este programa preténdese coñecer a situación na que viven as persoas maiores soas, recabando datos do entorno familiar, da vivenda, saúde, alimentación, situación económica e recursos, e a súa situación dentro do fogar para así poderlle ofertar dende os servizos sociais do concello as axudas e prestacións que máis se axusten a eles.
Este labor vaise levar a cabo dende o mes de setembro ata finais deste ano, mediante visitas domiciliarias realizadas por unha traballadora social do concello.
Ademáis de aclararlle dúbidas e explicarlle todo o relativo a servizos sociais, achegaráselle a cada persoa unha guía de recursos con todas as actividades, programas e servizos que se ofertan desde o Concello e que están a disposición dos veciños de Dodro.
Con esta guía achégaselle información completa de dependencia, do servizo de axuda no fogar municipal, da teleasistencia domiciliaria, dos servizos de peluquería e podoloxía, acollemento familiar de persoas maiores, axudas individuais, do abono social de telefónica, do bono de electricidade, do programa xantar na casa, tarxeta dourada de renfe, termalismo social, vacacións do imserso, balnearios, xuntos polo nadal, ximnasia adaptada municipal, obradoiros de memoria, etc., información que a traballadora social lle explicará persoalmente.
Coa implantación deste programa vaise por en contacto ás persoas con máis problemas para acceder aos recursos comunitarios cos servizos sociais, procurando así que estean informados en todo momento e intentando acercar as prestacións e servizos dos que se dispón en Dodro a toda a poboación para que ningún veciño poida quedar desatendido.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario