13.9.12

Noia: van restaurar cinco laudas e protexelas na sacristía de Santa María a Nova

  • O Concello quere mercar a Casa da Cultura para habilitar un espazo como museo e centro de interpretación das laudas gremiais noiesas

Media_httpfarm8static_bhdef

Sacristía de Santa María a Nova con laudas ben conservadas

Noia, 13 de setembro de 2012. Segundo anunciou hoxe, en declaracións á Radio Galega, o concelleiro de Urbanismo e Casco Histórico, o nacionalista Bieito González, o Concello está a solicitar os permisos correspondentes para a restauración de cinco laudas gremiais do medievo para, unha vez recuperadas e limpas, gardalas na sacristía de Santa María a Nova, onde xa se conservan ducias delas nunha enorme estrutura metálica móbil.

Media_httpfarm7static_ufxpd

Unha das laudas a restaurar ten a típica cuncha do peregrino

Escollidas por diversos motivos

Bieito González explicou que se escolleron estas cinco laudas entre as case cincocentas de que se dispón nas inmediacións desta igrexa noiesa, por diversos motivos, como os seus debuxos, que unha delas foi recentemente desenterrada e conserva unha inscrición case intacta ou que outra representa claramente a un mariñeiro.

Media_httpfarm4static_cgcvc

Noia conta cunha das coleccións máis grandes de Europa de laudas medievais

Futuro Museo das Laudas na Casa da Cultura

Tamén anunciou o concelleiro de Urbanismo noiés que está entre os obxectivos do Concello, inda nestes tempos de crise económica, negociar cos donos da actual Casa da Cultura de Noia, que o Concello ten en réxime de arrendamento, unha posible compra, e habilitar alí un espazo acondicionado para un Museo e posible centro de interpretación das laudas gremiais de Noia. Debido ao inxente número de laudas e ao volume que éstas ocupan, a nave de Santa María a Nova é evidentemente moi pequena e precísase, polo menos para as laudas máis significativas e chamativas, un espazo moito máis grande.

Media_httpfarm8static_peqob

As laudas ateigan a nave central de Santa María a Nova

Cesión ata decembro da Lauda dos Canteiros á Cidade da Cultura

Media_httpfarm9static_tafye

Lauda do Canteiro na Cidade da Cultura

Como xa publicamos no seu día, o Concello de Noia chegou a un acordo coa Consellería de Cultura para ceder a Lauda dos Canteiros para a exposición "Gallaecia Petrea", na Cidade da Cultura de Santiago. Estará alí ata decembro e, a cambio, a Xunta comprometeuse a restaurar outras laudas.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical