10.9.12

Pesca: colectivos ecoloxistas e científicos piden a retirada diaria das nasas para evitar impactos graves na fauna mariña

  • FEG, PDR-CIES, SGHN, ADEGA e Cemma emiten un manifesto conxunto no que alertan dos perigos deste arte de pesca para o medio mariño


Barbanza-Noia, 10 de setembro de 2012. As organizacións CEMMA (Coodenadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños), ADEGA, SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural), PDR-CIES e FEG (Federación Ecoloxista Galega) apoian a proposta da retirada diaria das nasas destinadas á captura do polbo, nécora, choco e outras especies ao finalizar a xornada de pesca, co obxecto de reducir o esforzo pesqueiro. Deste xeito contribúese a diminuir o tempo que permanecen as nasas sumerxidas no mar, e por tanto, redúcense tamén os posibles impactos ambientais que poden chegar a producir no medio mariño, principalmente a captura accidental de grandes vertebrados mariños, algúns en perigo de extinción, que resultan vulnerábeis á interacción con obxectos estáticos presentes no mar. pdfInforme IMPACTO NASAS (5.64 MB)

MANIFESTO SOBRE O IMPACTO DA PESCA CON NASA

A nasa é unha arte de pesca das máis antigas e máis usadas no mundo. Inicialmente foi unha trampa para atrapar peixes nos ríos, a expensa das correntes, e logo foi utilizada no mar, con cebo ou carnada para atraer ás especies obxectivo (crustáceos ou moluscos). Aínda que debía ser usada xa na época romana, non se recollen mencións ata épocas moi tardías, no século XVI. A primeira pesqueira de importancia nace no século XX, a da nécora (Necora puber) e do camarón (Palaemon serratus), e pode datarse entre 1940-50 aproximadamente. É una pesqueira mixta, ao utilizar ambas especies os mesmos hábitats.

As nasas actuais consisten nunha armazón de forma cilíndrica ou troncocónica, de madeira ou metal, recuberta por un pano de rede de fío ou plástica, cunha boca en forma de funil pola que entra o obxecto da captura. Interiormente colócase un cebo para atraer aos depredadores e deposítanse no mar unidas a un cabo nai formando caceas, unidos a unhas boias, e cébanse con diversos tipos de carnada. As especies obxectivo son recollidas con vida e ceibadas se non cumpren cos requisitos legais. Se ben a súa captura sempre provoca certo impacto, considérase que a súa supervivencia é máxima se son ceibadas una vez recollidas das nasas.

O uso da nasa está regulado como arte de pesca na normativa que emana da Lei 11/2008, e da Lei 6/2009, de pesca de Galicia, mediante DECRETO 15/2011, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos de Galicia, e pola ORDE do 23 de decembro de 2011 pola que se aproba o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o ano 2012.

Recentemente volveuse debater nos portos e Confrarías de Pontevedra sobre a proposta de ter que levar diariamente para terra as nasas destinadas á captura do polbo como medida de control dentro do plan de explotación da especie. Finalmente acordouse traer as nasa para terra só durante a fin de semana.

En base a esta situación a CEMMA ven de relizar o informe pdf"IMPACTO DA PESCA CON NASA: avaliación e propostas de mellora" (5.64 MB) no que se presenta a información recollida por esta entidade ao longo dos seus vinte anos de traballo a prol do estudio, conservación e divulgación das tartarugas e mamíferos mariños nas augas de Galicia. No mesmo recóllese a información ao respecto da mortalidade por captura accidental nas nasas das seguintes especies: tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea), das que se comprobaron 13 capturas (61% vivas); quenlla peregrina ou momo (Cetorhinus maximus); balea xibarte (Megaptera novaeangliae), dous exemplares atrapados e un deles liberado; balea alibranca (Balaenoptera acutorostrata), arroaz boto (Grampus griseus), e tamén golfiños e lontras (Lutra lutra). Catro destas especies están incluídas na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial e do Catálogo Español de Especies Ameazadas (Real Decreto 139/2011, 2011): a balea xibarte e a balea alibranca na categoría de Vulnerable, e a tartaruga de coiro e o momo sen categoría de ameaza, aínda que consideradas en perigo crítico e como vulnerable, respectivamente, a nivel mundial (Lista vermella da IUCN).

É por iso que, as entidades asinantes deste manifesto: CEMMA, ADEGA, SGHN, PDR-CIES e FEG apoian a proposta da retirada diaria das nasas destinadas á captura do polbo, nécora, choco e outras especies ao finalizar a xornada de pesca, co obxecto de reducir o esforzo pesqueiro. Deste xeito contribúese a diminuir o tempo que permanecen as nasas sumerxidas no mar, e por tanto, redúcense tamén os posibles impactos ambientais que podan chegar a producir no medio mariño, principalmente a captura accidental de grandes vertebrados mariños, que resultan vulnerables á interacción con obxectos estáticos presentes no mar.

Os cabos das caceas das nasas son elementos susceptibles de engancharse nos corpos destes animais, podendo atrapalos e chegar a provocarlle a morte por asfixia ou afogamento.

Así mesmo, consideramos imprescindible a posta en marcha de programas de seguimento da pesqueira da nasa do polbo, nécora, choco e outras especies, que permitan investigar se existen zonas de pesca, horarios, épocas do ano, prácticas pesqueiras ou outros posibles factores que sexa necesario regular para reducir os impactos negativos sobre o ecosistema e as especies mariñas

Todas estas medidas deberán verse acompañadas dun control e seguimento por parte da administración, destinado a garantir que se cumpla coa lexislación pesqueira vixente, como medida para garantir a conservación dos recursos naturais pesqueiros e do medio mariño.

Consideramos necesario incidir no deseño de protocolos para a liberación de tartarugas e mamíferos mariños que sexan detectados aínda con vida, e atrapados nas caceas das nasas, co obxecto dunha actuación de emerxencia que garanta a súa supervivencia. A posta en marcha de programas de educación e sensibilización ambiental complementarios, dirixidos especificamente ao sector pesqueiro resultan imprescindibles para poder acadar bos resultados nesta liña.

Asinan este manifesto:

CEMMA (Coordenadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños), ADEGA, SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural), PDR-CIES e FEG (Federación Ecoloxista Galega).

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical