2.10.12

Ribeira: últimos arranxos para adaptar o conservatorio de Aguiño como gardería provisional

Ribeira, 2 de outubro de 2012. A menos de 48 horas de que dea comezo o Programa para a conciliación da vida familiar e laboral, xa está practicamente rematado o acondicionamento do edificio do Conservatorio de Aguiño. Este vai ser o lugar que dará cabida a esta iniciativa namentres as obras da Escola Infantil Municipal non permitan a súa reapertura.

A este respecto, operarios municipais estiveron a realizar os labores oportunos en orde a adecuar o espazo –tanto no que se refire ás propias instalacións como aos requisitos de seguridade- ás características do servizo que se vai impartir e á idade dos destinatarios do mesmo. Así, o Conservatorio -de 563 metros cadrados de superficie distribuídos nunha única planta- albergará sete aulas, un comedor, aseos, despachos para o profesorado e vestiarios, entre outras dependencias. O enclave dispón ademais dun amplo patio de recreo pechado dotado de zonas verdes e xogos infantís.

O Concello tamén procedeu a realizar actuacións de mellora no arredor do Conservatorio, que incluíron o acondicionamento de xardíns e a mellora da sinalización -tanto vertical como horizontal- na rúa Castelao.

Os pais e nais dos cativos inscritos terán oportunidade na tarde de mañá de coñecer in situ as instalacións; en tanto que o xoves día 4 dará comezo o programa de conciliación dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre 0 e 3 anos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: a andaina polas mámoas dos Campiños permitiu coñecer parte do patrimonio arqueolóxico local

  • O roteiro rematou cunha improvisada visita á aldea abandonada de Abuín de Abaixo, xa coñecida entre os afeccionados ao misterio como "aldea maldita"

Rianxo, 2 de outubro de 2012. O pasado sábado 29 de setembro tivo lugar en Rianxo a andaina “Mámoa dos Campiños” dentro do programa “Goza do Ulla”, programa no que participan 19 concellos bañados polas augas do río Ulla, nunha iniciativa que pretende dar a coñecer o rico e valioso patrimonio natural dos territorios á beira do Ulla. Medio cento de viandantes puideron coñecer de preto este legado patrimonial dos nosos devanceiros.

Os sendeiristas aproveitaron que no mes de agosto remataron as tarefas de limpeza e habilitación dos accesos ás mámoas de Os Campiños, o petroglifo Os Mouchos e a Foxa Vella coa colaboración dos axentes do distrito forestal, así como persoal municipal e control por parte dun arqueólogo. O Concello de Rianxo asegura en nota de prensa que apostou por este roteiro e/ou andaina para a estrea e posta en valor dos xacementos nomeados.

Ao longo da solleira xornada, 52 participantes puidéronse achegar a observar e “interpretar” estes importantes xacementos asi como disfrutar dunhas vistas inmellorables da Ría de Arousa e montes limítrofes. Destacan e agradecen o guiado do propio alcalde así como as explicacións do arqueólogo do Centro arqueolóxico de Neixón Victor Barbeito, posto que axudaron a “interpretar” tanto o roteiro como a posta en valor dos xecementos visitados.

Aldea maldita de Abuín de Abaixo

Unha vez visitados Os Mouchos e, de xeito improvisado, decidiuse visitar a coñecida “Aldea Maldita” no lugar de Abuín, o cal lle dou a nota enxebre e/ou mitolóxica a andaina. En Certo xa informamos no seu día que Víctor Barbeito é "especialista" nesta aldea maldita, da que falou incluso en programas de misterio como "Cuarto Milenio", do inefable Iker Jiménez. Tamén trataron o asunto os organizadores das I Xornadas de Misterio do Barbanza, que se chegaron a celebrar en Ribeira, e mesmo o xornalista e divulgador arqueolóxico Manuel Gago, no seu imprescindible Capítulo 0.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Concello participa no programa "Constrúe o teu mundo", adicado á prevención de drogodependencias no eido educativo

Media_httpwwwconstruy_chkob

Unha das imaxes do novo web "Construye tu mundo"

Noia, 2 de outubro de 2012. A Concelleira de Benestar e Igualdade, a nacionalista Sofía Caamaño Lado, informa hoxe da participación do Concello de Noia no programa "Constrúe o teu mundo" en colaboración coa "Fundación de ayuda contra la Drogadicción", que este ano se lles vai ofertar aos centros educativos para traballar temas referentes á información sobre os riscos de consumir drogas e en contribuír a desenvolver en nenos, nenas e tamén destinado a construír nos adolescentes unha personalidade autónoma, crítica e reflexiva.

A Fundación de Axuda contra a Drogadicción presenta esta nova web www.construyetumundo.org, unha plataforma universal, integral e de acceso gratuíto que pon ao alcance da comunidade educativa o programa "Constrúe o teu mundo", cuxo obxectivo é a prevención do consumo de drogas e as condutas de risco no ámbito escolar.

O programa "Constrúe o teu mundo", dirixido ao profesorado de Infantil, Primaria e Secundaria, pretende contribuír a desenvolver en nenos, nenas e adolescentes unha personalidade autónoma, crítica e reflexiva, sobre a base da dilatada experiencia que no deseño e implementación de programas posúe a FAD.

"Constrúe o teu mundo" ofrece ferramentas para modificar, na dirección axeitada, as principais variables relacionadas cos problemas derivados dos consumos de drogas e outras condutas de risco, permitindo non só reducir a influencia dos factores de risco e aumentar a presenza dos factores de protección, senón tamén orientar nenos, nenas e adolescentes cara a un estilo de vida máis saudable e máis afastado dos riscos.

Toda a información e materiais do programa “Constrúe o teu mundo” en

www.construyetumundo.org

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

1.10.12

Ribeira: están a montar nova pista deportiva para rapaces na praza do Centenario

  • O Concello tamén informa da apertura do prazo de inscrición na escola de danza, ata este venres 5

Ribeira, 1 de outubro de 2012.- O Concello informa de que, no marco da súa estratexia de promover a práctica deportiva entre todas as franxas de idade, no día de hoxe comezaron os traballos de instalación dunha nova pista multideporte na céntrica praza do Centenario, sita na cidade de Santa Uxía.

De dimensións reducidas (10x7 metros), o recinto está ideado para que nenos e nenas con idades aproximadas de 4 a 10 anos teñan un espazo pechado no que practicar actividades predeportivas.

Canastras e porterías

A tal efecto, a estrutura da propia pista –mestura de metal con listóns de madeira- levará integradas porterías e canastras, o que propiciará a posibilidade de xogar ao fúbtol sala e ao minibásquet. O solo será de céspede artificial.

Deste xeito, o Executivo dota á cidade dun novo espazo deportivo despois de que tan só hai uns meses se crease no veciño barrio de Abesadas a pista “Irmáns Parada Alvite”. E por outra parte, amplíanse así os usos da praza do Centenario, unha das máis concorridas polos pequenos e de máis recente creación na cidade.

Escola de Danza: prazo ata venres 5

O Concello informa de que no día de hoxe, luns 1 de outubro, iníciase o prazo para anotarse na Escola Municipal de Danza, acción formativa dependente da Consellería de Cultura.

Todos os interesados en participar poden inscribirse no Auditorio Municipal, sito na praza dos Mariñeiros, s/n. Teléfono: 981 835 650. Email: culturaefestexos@riveira.com

O período de inscrición finaliza este venres día 5 de outubro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: Pepe Potel expón "Texturas e Cores" no centro social de Cabo de Cruz dende o sábado 6

  • Tamén hai unha sobre aves no colexio do Castro, ata este venres 5

Pepe_potel

Exposición: “Texturas e Cores”

O próximo sábado 6 de outubro ás 18:00h terá lugar a inauguración da exposición baixo o título “Texturas e Cores” do pintor Pepe Potel. Este artista, autodidacta nos seus inicios, a partir de 1995 comeza una formación máis esmerada que o leva, ata día de hoxe , a realizar unhas 100 exposicións ao longo de toda a xeografía Galega e ser gañador de varios certames de pintura. A exposición estará aberta ata finais de outubro e pode visitarse no Centro Social de Cabo de Cruz de luns a venres de 10:00 a 14:00h e de martes a xoves de 16:00 a 19:00h.

Expo_castro

Exposición: "Aves de Galicia”

Do 1 ao 5 de outubro o Centro social de Cabo xunto có FESAN – XUNTA DE GALICIA, organizou una exposición itinerante baixo o título “Aves de Galicia”

Exposición está aberta a todos os públicos e poderá visitarse no Colexio STª Mª do Castro de 09:15 a 13:15 e de 16:15 a 17:45h.

Así mesmo esta exposición conta cun programa de visitas guidas gratuítas ás cales xa están inscritos os alumnos do C. STª Mª do Castro e un grupo de 25 persoas maiores de 55 anos do obradoiro de memoria (Cruz Roxa Local de Boiro).  O Depto. De cultura agradece á Dirección do Centro STª Mª do Castro a súa colaboración pola difusión, por permitir achegar á poboación ao medio natural a través das aves.

Actividades de ocio e formativas
Infórmase así mesmo, que o Centro Social de cabo tamén ten aberto ao público o prazo de inscricións para una quincena de actividades de variada temática: música, artes plásticas, costura, baile, idiomas, etc.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: remataron as obras no camiño entre Ameixida e Touro

Ribeira,1 de outubro de 2012.- O Concello informa da conclusión das obras de renovación de servizos no camiño que enlaza os lugares da Ameixida e O Touro.

Esta actuación tivo un importe de 83.583 euros e foi acometida pola empresa Excavaciones Abelleira, S.L.. Con anterioridade, o citado camiño presentaba unha traza bastante irregular, con pavimento de formigón nalgún tramo e de terra noutro, o que dificultaba o tránsito pola vía. Ademais, os colectores estaban considerablemente deteriorados e feitos con materiais obsoletos, como fibrocemento no caso da tubaxe de abastecemento de auga .

Con tal motivo, o Concello decidiu actuar co fin de ver renovados os servizos urbanos de auga potable, saneamento e pluviais, empregando materiais que si se usan a día de hoxe, tales como tubaxes de PVC para fecais e pluviais e tubaxes de polietileno de alta densidade para auga potable.

Pavimentación

Finalmente, o camiño foi rematado con pavimento de mestura bituminosa en quente no tramo con máis pendente, e de zahorra artificial compactada no resto da vía, que se corresponde co tramo máis estreito e con menos pendente, harmonizando así co entorno no que se actúa.

A actuación foi acometida con cargo ao canon de saneamento derivado da adxudicación do servizo municipal de augas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: o número 1 por A Coruña do Psoe di que os orzamentos estatais discriminan a esta provincia

  • O ceense Francisco Caamaño advirte que se “a resposta do Goberno aos recortes son máis recortes”, o resultado será “máis recesión e máis paro” 
  • Afirma que a provincia da Coruña “é unha das máis perxudicadas”, cun investimento por habitante de 212 euros, fronte aos 468 € da media galega , o que supón “unha clara discriminación” 
  • Lembra que o investimento total do goberno de Rajoy para 2013 na provincia da Coruña diminúe nun 59% con respecto aos últimos PXE do goberno de Zapatero, pasando de 602 a 243 millóns de euros en só dous exercicios.

Caamaño estivo a semana pasada manifestándose a prol da sanidade pública en Ribeira

Barbanza-Noia, 1 de outubro de 2012O cabeza de lista dos socialistas coruñeses nas eleccións autonómicas do 21 de outubro, Francisco Caamaño, afirmou onte que os Orzamentos Xerais do Estado para 2013, “recortan sobre o recortado” e “discriminan claramente á provincia da Coruña”, que recibirá no vindeiro exercicio uns 243 millóns de euros, un 23% menos que en 2012, e un 59% menos que o investido na provincia polo goberno de Zapatero, que en 2011 destinou 602 millóns de euros á provincia da Coruña.

“Se a resposta de Rajoy aos recortes son máis recortes, cal é a pregunta?”, ironizou Caamaño, que considerou que esa senda emprendida polo Partido Popular conducirá irremediablemente a xerar “máis recesión e máis paro”.

212 de media para os coruñeses, 468 euros para o resto dos galegos

Francisco Caamaño subliñou que o investimento medio por habitante na provincia coruñesa será de 212 euros, fronte á media galega de 468 euros, “o que supón unha clara discriminación para esta provincia, que volve a ser unha das máis perxudicadas polos Presupostos Xerais do Estado”, en relación ao seu peso socioeconómico e poboación.

O candidato socialista apuntou que o investimento de Fomento na provincia recórtase nun 45% na provincia e considerou que os orzamentos do goberno de Rajoy  “esquecen ou alonxan no tempo algúns dos principais investimentos  produtivos e estratéxicos para a provincia”, como a conexión ferroviaria cos portos exteriores da Coruña e Ferrol, que reciben “partidas simbólicas” de 50.000 e 250.000 euros, respectivamente; a Terceira Ronda coruñesa, que pasa dos 35 millóns previstos o ano pasado a  só 25 millóns; a ampliación da avenida Alfonso Molina da Coruña e o túnel de Conxo en Santiago, con só 100.000 euros para cada obra; ou as variantes de Ordes e Padrón, para as que se esperaba un investimento de 1,5 millóns, que finalmente será de 15.000 euros.

No “avultado apartado de omisións” dos PXE 2013, Caamaño destacou a ausencia de presuposto para o dique flotante que demanda o sector naval de Ferrol, os “cero euros” destinados, un ano máis, para os saneamentos da rías do Burgo (A Coruña) e Ferrol; e a falta de asignación orzamentaria para proxectos como a nova terminal do aeroporto de Alvedro e a estación intermodal da Coruña.

O candidato socialista afirmou que os presupostos de Rajoy para 2013 “volverán recortar duramente na área social”, cunha diminución global das partidas destinadas a sanidade, política social e educación de preto do 15% e un recorte de 48 millóns en becas.

Caamano_en_ribeira

Noia: este venres, 5 de outubro, concerto dos búlgaros Mandolin Quartet Seasons

Noia, 1 de outubro de 2012. Este venres, 5 de outubro, na Casa da Cultura "Antón Avilés de Taramancos", a concellería de Cltura do Concello de Noia, xunto coa Agrupación Musical Albéniz, organizan un concerto co grupo musical MANDOLIN QUARTET SEASONS de BULGARIA. A entrada é libre e de balde.

Este concerto inscríbese dentro da Festival Internacional de Música de Pulso e Púa.

O cuarteto de mandolinas SEASONS foi fundado no 1996 por Assen Dimitorv, quen tamén fundou a primeira orquestra de mandolinas de Bulgaria. Nas súas actuacións os membros do cuarteto presentan acombinación de mandolina e guitarra búlgaras na tradición adquirida do mestre Assen e o profesor Dimitar Doychinov e os últimos conceptos de mandolina europea aprendidas nas clases mestras da profesora alemá Caterina Lichtenberg.

Curso de teatro: comeza este xoves 4

Tamén se fai saber que este Xoves da comezo o Curso de Teatro impartido por María Creo.

Os horarios son:
de 8 a 14 anos - de 18 a 19:15
de 14 en adiante - de 19:30 a 21

https://www.facebook.com/events/453317124706330/

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical