28.9.12

Lousame: o candidato do Psoe, conselleiro de Medio Ambiente no pasado, di agora apostar pola reciclaxe

Media_httpfarm6static_dfjji

Lousame, 28 de setembro de 2012. O candidato socialista á presidencia da Xunta, Pachi Vázquez, asegurou hoxe a súa aposta pola reciclaxe, redución e reutilización do lixo, fronte ao Plan de Residuos do PP “que só pensa na incineración”. Así o dixo nunha visita á planta de residuos da Mancomunidade de Concellos do Barbanza, en Servia, lugar de Lousame.

Vázquez comprometeuse a que se os socialistas teñen responsabilidades de goberno, Galicia voltará ter "unha auténtica política de xestión de residuos". Afondou na necesidade de “plantarlle cara á proposta antimedioambiental do Goberno do PP”, un Plan de Residuos “que só pensa na incineración”.

“Seguir apostando pola incineración é renunciar á protección medioambiental de Galicia”, apuntou Vázquez, para proclamar “alto e claro” que “os socialistas non apoiamos as políticas de incineración do Goberno galego”.

Expresou ademais a súa desconfianza ante a renuncia do PP a construír a planta de incineración do sur no concello do Irixo, xusto uns días despois de que o candidato socialista se comprometese por escrito a non construíla se chega á presidencia da Xunta.

“Se teño a responsabilidade de gobernar na vindeira lexislatura, Galicia volverá ter unha auténtica política de xestión de residuos”, afirmou o líder socialista, quen se comprometeu a reunirse con colectivos e asociacións medioambientais para modificar o plan de residuos do PP, o cal curiosamente, criticou no pasado por ser unha mala copia do seu.

Pachi Vázquez puxo á planta de Lousame como exemplo do modelo de recollida selectiva e tratamento de residuos orgánicos que os socialistas din defender. Dixo que “é unha mostra de que cando se quere apostar polo medio ambiente, pódese” xa que “é a que ten o mellor aproveitamento de residuos de toda España, e tivo que facerlle fronte ao Goberno do PP, que non aposta por este sistema”.

Nesta visita, Pachi Vázquez estivo acompañado do cabeza de lista por A Coruña, Francisco Caamaño, o alcalde de Brión e vicepresidente da Mancomunidade do Barbanza, Jose Luis García, e a candidata da comarca, Josefa Hermo, a portavoz de Medio Ambiente do Parlamento Galego, Carmen Gallego, e a da Executiva do PSdeG, Susana Bayo.

Pachi Vázquez non seguiu esta política que pide agora cando era responsable de Sogama

Pachi Vázquez foi, como conselleiro de Medio Ambiente no anterior goberno da Xunta, un dos máximos responsables de Sogama. O bipartito fixo -non se chegou a aprobar- unha Lei de Residuos que non rachaba co modelo da incineración, pois estaba previsto aplicala ata o 2017 e inda neste último ano 17, Sogama na planta de Cerceda queimaría o 30% dos residuos urbanos. Nas contendas co PP, Pachi Vázquez chegaría incluso a ser acusado durante a súa xestión como conselleiro de irregularidades na planta de Cerceda, como o soterramento de residuos non autorizados ou a falta de tratamento doutros, acusacións todas elas que quedaron en nada. Tamén apostaba o ex-conselleiro e agora candidato á presidencia, por unha nova planta en Carballeda de Avia. Igualiño que o PP agora coa planta que tivo que achantar do Irixo.

Nesta comparecencia non aclarou que ía pasar con Sogama, a cal é partidario de privatizar -a Xunta ten o 51% agora mesmo- nin se van facer os socialistas máis plantas como a de Servia, que tivo serios problemas e incluso ameaza de peche porque varios concellos -entre eles o de Ames, en mans do Psoe na lexislatura anterior- non pagaban o acordado. Tampouco se falou do custe deste sistema, moito máis ecolóxico e beneficioso para o medio ambiente, pero tamén moito máis caro que a desastrosa incineración. Como referencia, os técnicos din que de Sogama, en Cerceda, recíclanse apenas o 2% dos residuos que entran, fronte ao 60-70% de aproveitamento da planta de Servia en Lousame.

O modelo lóxico ten que implicar aos concellos

Non é de recibo que un só concello de Galicia se convirta no vertedoiro dos outros 314. Tampouco é normal que non traballen as administracións -grandes e pequenas- en accións de redución do lixo, dándolle prioridade aos sistemas de contedores e recollida selectiva. Ten que haber plantas comarcais como a de Lousame (traballa para nove concellos) e mancomunidades de xestión que funcionen. Só así se poden aforrar custes e incrementar a operatividade. E incluso, como algún alcalde implicado na posta en marcha da planta de Lousame xa pensou, ten que haber I+D+I aplicado ao reciclaxe, coa posibilidade de facer cartos co que antes era lixo -abonos, compost, liñas de produtos plásticos e de cartón reciclados, etc-. E todo iso supervisado por un ente público, para evitar crear as mafias que xorden cada pouco arredor do lixo en calquera lado, tamén nesta civilizada Europa.

corte lousame Pachi Vázquez.mp3 Listen on Posterous

Pachi_vzquez_en_lousame

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: as xornadas polo Bicentenario do poeta Añón en Outes van do 6 ao 8 de outubro

Xornadas

Outes, 28 de setembro de 2012. O bicentenario do poeta Añón non só leva aparellado o congreso que terá lugar na Cidade da Cultura de Santiago o 4 e 5 de outubro senón que, a renglón seguido, será homenaxeado na súa terra natal con tres xornadas conmemorativas. No programa, que se detalla a continuación, hai varias estreas, dende poemas musicados con letra do afouto bardo outiense ata un libro que escribiu sobre el, dous séculos despois, o seu veciño Ramón Blanco.

Sábado, 6 de outubro

11.00 h. : Estrea dos poemas musicados :

  • Grupo de metais Onde brass?? “Amor apresurado”. Letra F. Añón

Música: Suso Baamonde. Arranxos: M. Blanco. Voz solista: Ludmila P. Sánchez.

  • Banda municipal de música de Outes. “A Sabeliña”. Letra F. Añón

Música: Manuel Blanco. Dirección M. Blanco. Voz solista: Ludmila P. Sánchez.

  • Coral Francisco Añón de Outes. “O recordo”. Letra F. Añón

Música: Domingo Barreiro. Dirección: Domingo Barreiro.

  • Coral O Peirao de O Freixo. “Epigrama”. Letra F. Añón

Música: Domingo Barreiro. Dirección: Domingo Barreiro.

  • Coral Solpor de O Freixo. “Diante da Torre de Hércules”. Letra F. Añón

Música: Domingo Barreiro. Dirección: Domingo Barreiro.

16.30 h. Inauguración da exposición de pinturas dos escolares de Outes .

17.00 h. Recital poético.

18.00 h. Entrega dos premios de pintura.

18.30 h. Representación de “El borracho y el eco”, de F. Añón, polo clube de lectura de S. Lourenzo.

19.00 h. Presentación do libro:“Poesías galegas de Añón”. Con Domingos Campos Alborés. Mestre e escritor.

19.30 h.  Actuación musical: Xastre. Que dirán? . Letra e Música: Xastre

Domingo, 7 de outubro

11.00 h. Presentación da revista Terra de Outes adicada ao poeta Añón.

11.30 h. Proxección do documental : Añón na Memoria.

Autores: Juan Silva e Óscar Sendón.

12.00 h. Presentación do libro: “Vida e obra de Francisco Añón”. Con Xesús Laíño, presidente da A.C. Barbantia e Ramón Blanco, autor do libro.

 

12.30 h. Actuación musical: Enrique Martínez e Domingo Barreiro. “A Galicia.”

Letra F. Añón e Música: Prudencio Romo.

 

Martes, 9 de outubro

11.00 h. Inauguración da placa conmemorativa do bicentenario, no paseo do Tins.

11.30 h. Acto de entrega do retrato de Añón, polo pintor Alfonso Costa.

12.00 h. Acto co Presidente da R. Academia Galega, D. Xosé L. Méndez Ferrín.

12.30 h. Ofrenda floral a Añón, diante do seu monumento.

NOTA: Todos os actos, agás a ofrenda floral e o descubrimento da placa conmemorativa terán lugar na Casa da Cultura da Serra. A asistencia ás xornadas conmemortativas dos días 6 e 7 de outubro é libre. Para asistir ao acto solemne do martes día 9, é preciso presentar invitación. Esta pódese recoller na Casa da Cultura da Serra ata que se esgoten.

Relacionada:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: van renovar as baldosas do paseo e o parque infantil da Alameda

  • Tamén se actuará en San Lázaro e nas parroquias, ata un investimento de 241.000 euros entre todas as obras
  • Segundo o Concello, este importe procede do remanente de tesourería


Noia ten unha das alamedas máis espectaculares de Galicia

Noia, 28 de setembro de 2012. Segundo informou hoxe o Concello, a través de Mónica González Eiras, concelleira de Parques e Xardíns, vaise facer un investimento de sesenta mil euros para remodelar o parque infantil de a Alameda. "Con esta actuación o concello pretende a modernización integral do principal parque infantil da vila por afluencia", sinalou.  González Eiras informa tamén de que dentro de dúas semanas comezaran os arranxos das deficiencias existentes nos parques de Barro, Barquiña, Labarta, Obre, Orro e Paseo Marítimo. Este arranxo contemplado en orzamentos ten un importe de 10.000 euros.

A concelleira e quinta tenente de alcalde ten programado destinar 60 mil euros anuais ata o 2015 para a modernización dos parques infantís noieses. Mónica González anuncia tamén o arranxo das baldosas da Alameda a través dun programa de colaboración coa Deputación Provincial de A Coruña, onde o único custe para o Concello é asumir o material.

San Lázaro: 150.000 euros para actuación integral ata fin de ano


Pola súa banda a Concelleira de Deportes, Mary Domínguez anuncia tamén obras no estadio municipal de San Lázaro por un total de 150 mil euros, para completar todas as necesidades provocadas polo novo campo de herba artificial.

Domíngez Villanueva comunica que no vindeiro mes de outubro comezarán as obras e estarán rematadas antes de final de ano. Nesta actuación está contemplado o novo peche, a reposición da taquilla e o bar, o arranxo provocado polo incendio que houbo o ano pasado, a instalación da iluminación, así como a parte que falta do sistema de rego. Tamén se contempla o arranxo da urbanización exterior.

Medio rural


Un dos lugares de actuación será o arredor da igrexa de Argalo

A concelleira de Medio Rural Marisol Villar Ageitos informa dun investimento de 31.000 € no lugar da Igrexa para a instalación das canalizacións de servizos municipais no lugar de a Igrexa en Argalo, e que complementará a obra de adoquinado desta aldea incluída no PEIM (Plans Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural).

A obra do PEIM cun orzamento de 43.176, 73 €, non permite a instalación de servizos municipais, polo que o concello asume o custe da instalación, "ante o absurdo que suporía adoquinar a aldea e logo ter que levantala para construir os servizos de subministro municipal", sinala Villar Ageitos, quen asegura que na vindeira semana comezarán as obras, as cales estarán rematadas antes de fin de ano.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: voltaron os excursionistas que percorreron o Norte de Portugal

Viaxe_portugal_maiores

Ribeira, 28 de setembro de 2012.- Medio cento de maiores participaron na viaxe que, inserida no Programa de Dinamización e Promoción Social dos Nosos Maiores, organizou o Concello polo norte de Portugal.

O itinerario incluíu visitas a localidades senlleiras do país luso, como Vila Nova da Cerveira, Caminha, Viana do Castelo, Santa Lucía ou Ponte da Lima.

Con este desprazamento ponse fin ao programa de rutas dirixidas aos maiores de municipio na anualidade 2012, que incluíu interesantes expedicións a lugares como a ría de Ferrol, a illa de Sálvora ou a Costa da Morte, entre outras.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Banco do Tempo local intercambiarase co de Marín

Banco_do_tempo_-_segunda_xunta

Ribeira, 28 de setembro de 2012.- Na tarde do pasado mércores día 26 de setembro tivo lugar a segunda xuntanza do grupo de socios e socias do Banco de Tempo de Ribeira (BdT). O obxectivo da mesma foi continuar coa estratexia de dinamización grupal para deste xeito afianzar o coñecemento mutuo entre os e as integrantes do BdT, e xerar a confianza necesaria para promover os intercambios tanto individuais como grupais.

Na reunión levouse a cabo unha dinámica de presentación onde cada participante expuxo que oferta e que demanda ao BdT e deixando tamén constancia das necesidades e intereses individuais e grupais. Ao longo da sesión ultimáronse a planificación de diversas actividades entre as cales cómpre destacar o intercambio grupal previsto para o vindeiro xoves día 4 de outubro, a partires das 17.30 horas con integrantes do BdT do Concello de Marín.

Os e as socias do BdT ribeirense elaboraron de xeito conxunto e consensuado un itinerario para amosarlles aqueles rincóns e lugares mais representativos de Ribeira poñendo en valor a idiosincrasia deste municipio. A sesión finalizará cunha dinámica de confianza que favoreza o contacto físico e coñecemento dos e das integrantes do grupo.

Obxectivos do Banco do Tempo

O Banco de Tempo consiste en “poñer en valor o tempo das persoas e o que son capaces de facer xuntas”. Esta rede social é un xeito de evitar o illamento persoal, onde todas as persoas teñen algo que ofrecer como coñecementos e experiencias que se poden compartir cós demais; ten o mesmo valor intercambiar xestións administrativas que acompañar a unha persoa a compartir un paseo, xa que a medida de valor é o tempo non o servizo intercambiado; este espazo de encontro e axuda mútua, fortalece as relacións e comunicación entre as persoas dun xeito recíproco dándose valores de empatía, confianza, soliariedade e axuda.

 

Este Banco de Tempo é un proxecto promovido pola Concellería de Igualdade a través do Centro de Información á Muller de Ribeira e financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Había bancos similares por estas bisbarras, como en Noia, pero desapareceron por falta de apoio da Xunta.

Calquera pode participar

Calquera persoa pode participar sendo socio/a do BdT. Tan só debe inscribirse, de balde, na Secretaría do Banco de Tempo, localizada no Centro de Información a Muller (CIM) na rúa Estrada marxe dereita no 4,15960-Ribeira, contactando coa Directora do (CIM) Ma Dolores Crujeiras ou coa Axente de Tempo: Herminia Dios Poceiro nos Tlfs: 981.874.131-873.409-666.689.122, enderezos electrónicos: cim@riveira.com; info@bancodotempo.com; hdios@aidsocial.com, e Sitio web: http://www.bancodotempo.com/




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o consistorio patrocina un coche de rali que se pode ver na Praza do Concello

  • O Concello tamén informou da adxudicación en breve da redacción do proxecto de centro de ocio de Oleiros

Ribeira, 28 de setembro de 2012.- Dende esta mañá está exposto no medio da esplanada da praza do Concello un vehículo de rali -o das imaxes-.  Trátase dun coche pertencente ao equipo ArnosoRally que está pilotado polo ribeirense Andrés Álvarez, con César Redondo como copiloto. O bólido –un Peugeot 106GTI 16 V de 145 cabalos- está copatrocinado polo Concello de Ribeira e compite no Campionato Galego de Ralis.


Oleiros: case un millón de euros para un centro de ocio na Horta do Cura

Unha vez redactado o proxecto adxudicarase a obra do centro de ocio saudable de Oleiros. Ascende o importe global da actuación, incluíndo redacción, execución e posterior construción, a 830.430 euros.

O edificio proxectarase como un centro “sostible”, respectuoso co entorno natural, destinado a fomentar o lecer e o desenvolvemento cultural da poboación do rural de Ribeira.

Esta actuación enmárcase dentro do proxecto Riveira Atlántica 2015, cofinanciado nun 80% con Fondos FEDER da Unión Europea,  que ten por obxecto facer do concello un referente turístico de Galicia en base a criterios de rendibilidade e sustentabilidade.

Finalizado o prazo de recepción de ofertas, catro foron as empresas que se presentaron ao concurso público polo que se licita a redacción do proxecto básico e de execución do novo Centro Social e de Ocio Saudable de Oleiros. O concurso conta cun orzamento total de 44.250 euros e cun prazo de execución de catro meses a partir da data de firma do contrato.

Unha vez redactado o proxecto, adxudicarase a obra do centro. Para esta actuación, contarase cun importe global de 830.430 euros, incluíndo a redacción, execución e posterior construción do centro, o que supón o 12% do presuposto total do proxecto paraugas no que se enmarca, Riveira Atlántica 2015.

Esta actuación permitirá pór a disposición dos cidadáns do termo municipal un novo centro social e de lecer que será o referente dentro do parque patrimonial biosaudable deseñado para toda a área de actuación no rural Oleiros-Arlés.

Lecer sostible

Este novo edificio emprazarase nunha parcela de máis de 2.500 metros cadrados, coñecida como Horta do Cura, situada no lugar de Eirexa, na parroquia de San Martiño de Oleiros. Organizarase nunha planta de aproximadamente 600 metros cadrados de superficie e contará entre as súas estancias cunha área de acollida e información, cun departamento de administración, con diferentes aulas-taller e cunha zona de almacéns. No exterior construirase, ademais do aparcamento, unha área de xogos para os nenos e unha pista polideportiva.

A obra erixirase como un edificio “sostible”, en sintonía co entorno natural no que se enmarca. A empresa adxudicataria do proxecto deberá asegurar a eficiencia enerxética da edificación incluíndo un sistema de produción de auga quente mediante enerxías alternativas, lámpadas de baixo consumo e un sistema de aproveitamento da luz natural que regule o nivel de iluminación en función do aporte de luz natural. Ademais, na súa construción empregaranse materiais respectuosos co medio ambiente que faciliten a súa limpeza, mantemento e reposición.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

27.9.12

A Pobra: orde do día do pleno deste xoves 27 e mocións do Bng

Charla sobre saúde este venres: Accidentes no fogar

Por outra banda, este venres 28 de setembro, ás 20:00 horas, terá lugar no auditorio do Museo Valle-Inclán unha nova charla das programadas dentro do ciclo “Vida saudable” que organiza a Cruz Vermella de Boiro en colaboración coa concellería de Servizos Socias da Pobra.

Nesta ocasión tratarase sobre o tema dos accidentes no fogar, contando coas explicacións de Bárbara Triñanes, voluntaria, formadora sanitaria da Cruz Vermella e enfermeira, que explicará como evitar accidentes no fogar, cales son os máis habituais e as causas, valoración de riscos e perigos, e como actuar no caso de sufrir algún.

Antes, en Certo:


Política: Rosana Pérez, para o Congreso dos Deputados en Madrid polo Bng


Medio Ambiente: a Xunta ponse agora a limpar ríos


Charlas: ciclo sobre saúde en setembro e outubro


PERDA PODER ADQUISITIVO EMPREGADOS PCOS..doc Download this file

moción supresión aulas e concentración de alumnos.doc Download this file

pleno-setembro.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: nova furgoneta de Servizos Sociais a cambio de publicidade

  • O Concello recibiu este mediodía o medio de transporte
  • Foi posible grazas ás doacións de 28 empresas de Barbanza e arredores, que sufragan o vehículo con publicidade no exterior do vehículo


 

Ribeira, 27 de setembro de 2012.- Dende hoxe a Concellería de Servizos Sociais, Promoción Social, Sanidade e Consumo do Concello dispón dun novo medio de transporte grazas á colaboración a cambio de publicidade de 28 empresas da zona. Trátase dunha furgoneta con capacidade para nove pasaxeiros cuxo financiamento puido ser posible a través da publicidade que, por medio da implicación das devanditas 28 entidades, rotula completamente o exterior do vehículo.

Custe cero

Tal e como aseverou o edil Vicente Mariño de Bricio, o emprego do vehículo por parte da súa Área Municipal para os usos que lle son propios terá un custe cero para o Concello pois a acción está sifragada mediante esta publicidade. Ademais, o vehículo pasará a ser de propiedade municipal tras cinco anos de funcionamento.

Esta acción totalmente novidosa na comarca de Barbanza foi posible contando coa xestión como intermediaria da empresa Vehículos Móviles Sociales, cuxo apoderado Segundo López, estivo presente no acto diante da praza do Concello e fixo entrega das chaves da furgoneta ao alcalde Manuel Ruiz.

Tamén estiveron presentes a práctica totalidade dos representantes das 28 empresas colaboradoras, que calquera pode ollar cando vexa este vehículo.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Sociedade: "Stop Desahucios Barbanza" reúnese este venres 28 para afrontar novos retos

Media_httpfarm8static_vhoux

Imaxe do día da fundación de "Stop Desahucios", tamén no Liceo Marítimo de Ribeira

Ribeira, 27 de setembro de 2012. Mañá, venres 28 de setembro, ás 20:30 horas, nos locais do Liceo Marítimo de Ribeira vai ter lugar unha reunión coa maioría dos membros da plataforma "Stop Desahucios" da Barbanza para comentar as accións levadas a cabo até o de agora e marcar directrices de actuación para os retos do futuro, ben complexo dado o incremento de desafiuzamentos e execucións hipotecarias polas que está a pasar o noso país, ao que Barbanza non é alleo. Nesta reunión agárdase a presenza das dúas familias, unha de Ribeira e outra de Boiro, afectadas por unha inminente poxa xudicial das súas vivendas, asuntos polos que se está a mover como primeira prioridade a plataforma "Stop Desahucios".

Boiro: muller, separada, con dous fillos a cargo, intenta renegociar 

"Stop Desahucios de Barbanza" está concentrada no intento de evitar o desaloxo dunha muller de Boiro que ten dous menores a cargo e que non pode facer fronte ás cotas da hipoteca que no seu día asinou co seu exmarido. A plataforma enviou carta xa a NovaGalicia Banco para estudar a posibilidade de refinanzamento e ampliar o prazo de pago da hipoteca, pois a muller tan só gaña 400 euros cun traballo a media xornada. É evidente que neste tipo de casos, o risco de exclusión social é moi alto e que, coas nulas medidas que se están a tomar nas diferentes administracións -que cada día din unha cousa ou prometen -bancos malos mediante- outras, esta familia quedaría practicamente na rúa.

Antes, en Certo:

 

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: ciclo de cinema para educar en valores dirixido a escolares de 6 a 14 anos ata decembro

Dodro_cine_valores

  • Haberá dúas proxeccións cada mes, os venres ás cinco da tarde, e serán complementadas con outras actividades relacionadas co visto na película
  • Hai que inscribirse

Dodro, 27 de setembro de 2012. A Concellería de Cultura, Voluntariado e Asociacionismo do Concello de Dodro dirixido por Cristina Fernández Codesido organiza un “Ciclo de cine infantil e de educación en valores” dirixido a nenas/os de 6 a 14 anos.

Esta nova actividade será gratuita e nace co obxecto de diversificar a oferta cultural do Concello de Dodro dirixida á infancia, así como divertirse, fomentar e desenvolver os valores a través do cine e construir un espazo para pensar, reflexionar e interactuar a partir da articulación do cine cos textos.

O programa terá unha duración de tres meses, outubro, novembro e decembro) e realizaránse dúas proxeccións ao mes, os venres ás 17 horas. O visionado dos films complementarase con actividades de carácter socioeducativo (obradoiros de manualidades, xogos...) relacionadas coa temática das películas traballadas.

As inscricións deben formalizarse na Casa da Cultura ou ben por teléfono no 981 802 472.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical