21.3.11

Ribeira: o alcaldable polo PP aposta pola recuperación do litoral e a modificación de normas nos núcleos afectados polo parque natural

Ruiz Rivas quere solucionar os temas de Areeiros e Palmeira Norte e modificar a normativa urbanística aplicable aos núcleos do parque dunar


Ribeira, 21 de marzo de 2011.- Máis de 500 persoas, segundo o PP, reuníronse esta fin de semana entre as dúas xuntanzas que o candidato polo Partido Popular á Alcaldía de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, mantivo en Palmeira e Carreira "no afán de que os veciños e veciñas de cada parroquia trasladen as súas inquietudes, ideas e suxestións, a efectos de ser tidas en conta para a acción de goberno", no caso de que gañe as eleccións do 22 de maio. Ruiz Rivas deixou hoxe a súa función como portavoz do Grupo Parlamentario do PP no Parlamento de Galicia para adicarse totalmente a preparar a campaña das municipais.

A preguntas dos presentes, Manuel Ruiz tivo ocasión de expoñer as que son as liñas principais do seu programa en relación ao litoral: é un tema que considera prioritario non só por razóns turísticas e medioambientais, "senón tamén para velar polos dereitos que lexitimamente lle corresponden aos veciños que habitan en zonas costeiras, e que nalgúns casos vense condicionados", explicou.

Manuel Ruiz aludiu á casuística particular que posúen a zona norte de Palmeira e Areeiros en Castiñeiras, ambos afectados por sendas servidumes de protección de 100 metros. Ruiz Rivas púxose do lado dos veciños nas súas reivindicacións e avogou por un rápido desbloqueo das limitacións existentes nestes dous núcleos. A este respecto, prometeu que traballará para que se estableza un novo deslinde de 20 metros e considerou “unha boa noticia” que o Goberno Central “baixase da burra” e viñese de retirar o seu recurso de inconstitucionalidade sobre a Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia.

A revitalización do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal é Vixán é outro dos aspectos que o candidato considera fundamental. Con miras a este obxectivo, Ruiz Rivas fixo fincapé na necesidade de que se corrixa a normativa urbanística aplicable aos núcleos enclavados no contorno do parque, e prometeu que fará todas as xestións que sexan necesarias para dotar de contidos e uso a estes núcleos, na necesidade de dinamizar un parque natural “que hoxe en día é o máis visitado dos que hai en Galicia”, aínda que hai dúbidas sobre o método de conteo.
 
Recuperación de pasarelas e paseos marítimos

O alcaldable do PP informou aos veciños de que no seu programa de goberno figura "un exhaustivo plan de recuperación de pasarelas ambientais, paseos marítimos e fachadas do litoral. Exemplos concretos: pasarelas ambientais de Aguiño, Coroso e Río Azor ou a remodelación dos paseos das Carolinas, da Avenida do Malecón e de Palmeira".

Finalmente, o candidato popular falou de que, se o día 22 de maio é correspondido coa confianza dos veciños, outro dos temas sobre o que actuará será a compra ou o establecemento de convenios con particulares, dirixidos á utilización pública de fincas que están afectadas por servidumes de dominio público. Citou o caso do piñeiral localizado na zona de Coroso.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical