22.3.11

Noia: o vindeiro sábado 26 de marzo preséntase o cd "Ronsel", do grupo "Alameda"

Media_httpfarm6static_kilge

O grupo "Alameda" pertence á Sociedade Liceo de Noia

Noia, 22 de marzo de 2011. Este vindeiro sábado, 26 de marzo, ás oito e media da tarde terá lugar no salón de actos da Sociedade Liceo de Noia a presentación do cd "Ronsel", con cancións que interpreta o grupo "Alameda". Trátase dunha recopilación de cancións referidas á vila noiesa.

Media_httpfarm6static_mnacd

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Sanidade: aprobaron no Parlamento a proposta de resolución do Bng para dotar mellor o Hospital da Barbanza

2011-03-18Proposta-BNG-Debate-estado-da-NaciónHospital-Barbanza.pdf Download this file


Ribeira, 22 de marzo de 2011. O BNG logrou o apoio unánime de todos os deputados e deputadas para a proposta de Resolución presentada durante o debate sobre o Estado da Nación, pola que o “Parlamento Galego insta á Xunta de Galicia a mellorar a dotación do Hospital da Barbanza, a fin de incrementar a calidade da atención sanitaria neste ámbito, executando un planespecífico de redución das listas de agarda, priorizando as especialidades máis saturadas como xinecoloxía, contruíndo a unidade de Saúde Mental e creando a categoría de celadores no mesmo.”


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: a exposición de fotos de Marisa Flórez, titulada "Mulleres", pódese ver ata o 3 de abril no Coliseo Noela

Noia: os da tertulia literaria "Tapal" conmemoran o Día Mundial da Poesía este martes 22 na casa de Rosalía en Padrón

Media_httpfarm4static_cawhe

Casa de Rosalía en Padrón

Noia, 21 de marzo de 2011. Con motivo do Día Mundial da Poesía, mañá, 22 de marzo, a Fundación Rosalía de Castro celebrará un recital poético teatral a cargo dos compoñentes da tertulia literaria Tapal de Noia. Seguidamente proxectarase unha serie de mulleres que pasaron pola casa padronesa, continuando coa conferencia “Poesía e poétca”, a cargo do poeta noiés Xan Leiceaga Baltar.
Lugar: Casa da Matanza (Padrón)
Hora: 20:00 horas
Entrada de balde.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

21.3.11

Rianxo: organizan unha saída ao Monte Pindo (Carnota) dende a piscina municipal o sábado 2 de abril

Media_httpfarm3static_cigfx

Vistas dende a cima do Pindo. Flickr de www.juanantoniomosquera.com

Rianxo, 21 de marzo de2011.- A piscina municipal de Rianxo organiza para o vindeiro sábado 2 de abril a subida ó Monte Pindo (Carnota). Actividade dirixida tanto a abonados coma a non abonados da instalación. Desenvolverase en horario de mañá, saíndo o autobús da piscina ás 08:30 horas. O custo da actividade é de 10 €, incluíndo o transporte, seguro de viaxe, seguro de actividade e guía especialista de montaña.

Para formalizar a inscrición ou ampliar información dirixirse á:

Piscina Municipal de Rianxo

Rosalía de Castro, 6A. 15920. Rianxo

981.86.00.86 – 628.34.93.96

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: presentan o boceto do novo mercado, que terá soto e catro alturas, con opción a cinco


A praza de abastos máis moderna da contorna é a da Pobra agora mesmo

Ribeira, 21 de marzo de 2011. Praceiros e usuarios do mercado de abastos de Ribeira (neste último caso representados pola Asociación de Amas de Casa) acolleron "con satisfacción", segundo o equipo de goberno do PP de Ribeira, o borrador do novo mercado que lles foi presentado hoxe nunha reunión celebrada na casa consistorial.

Este encontro contou coa participación do alcalde, José Luis Torres Colomer, e da concelleira de Mercados, Esther Patiño Rey, ademais da do arquitecto municipal, quen foi o encargado de explicar as características deste novo e moderno inmoble, chamado a ocupar o mesmo emprazamento no que se levanta a instalación actual e que, segundo o boceto presentado, constaría dunha planta soto e catro alturas. 

No soto situaranse as cámaras frigoríficas, un almacén xeral, vestiarios e duchas masculinas e femininas, así como un cuarto de instalacións. A planta baixa albergará 35 postos con claro predominio dos destinados a pescados e mariscos, pero con concesión tamén aos de carnicería, conxelados e froitería. Este espazo, no que irían destinados a práctica totalidade dos praceiros que traballan no mercado actual, será de dobre altura, de tal xeito que garde relación visual coa planta inmediatamente superior co fin de estimular así a mobilidade dos consumidores entre un e outro espazo. De dimensións máis reducidas, esa planta primeira contará con 12 postos entre carnicería, froiterías, conxelados e verduras.

Restaurante, como no da Pobra

A segunda planta irá  destinada a produtos non perecedoiros que non entren en competencia coas mercadorías que se venden nas dúas anteriores; mentres que a terceira planta dará cabida a unha cafetería/ restaurante con vistas á ría de Arousa. Enriba haberá unha terraza que preste servizo a este local.

As distintas plantas irán conectadas con montacargas, de uso exclusivo para os praceiros, ademais dun ascensor, dúas escaleiras convencionais e outras dúas mecánicas.

Locais para sindicatos e extensión agraria

Por outra banda, xa se buscou unha alternativa de espazo para os sindicatos e o servizo de extensión agraria que operan nestes momentos no edificio da praza, e en breve o alcalde falará cos correspondentes representantes para escoitar a súa opinión. De non cristalizar esta opción, habería que levantar unha planta máis.

De calquera xeito, e vista a satisfacción das partes implicadas, a idea do equipo de Goberno municipal é comezar coa redacción do proxecto de inmediato.   


 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: segue a bo ritmo a repoboación do parque de San Roque, con 800 exemplares de árbores autóctonas

Ribeira, 21 de marzo de 2011. Os responsables municipais de Educación e de Turismo, Juana Ermitas Crugeiras Vidal e Vicente García Rivas, achegáronse esta mañá ao Parque Periurbano de San Roque co fin de visitar e inspeccionar dúas actuacións que se están a realizar neste espazo aledaño á cidade barbanzana. Trátase, por unha banda, do obradoiro de emprego Airoas, iniciado oficialmente o 27 de decembro e do que xa se poden observar resultados tanxibles do labor efectuado, e, por outra, dunha acción de repoboación forestal desenvolvida polo Concello con financiamento da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. 

Polo que respecta ao obradoiro Airoas, cabe recordar que neste programa mixto de emprego-formación participan un total de 35 persoas maiores de 25 anos nalgunha destas tres especialidades: xardinería, carpintería e pavimentación con lastros. A directora do obradoiro, Uxía Argibay, foi explicando aos edís riveirenses as obras que se están a facer, como a substitución do firme de zahorra existente por un acabado de adoquín de granito  nas zonas de acceso rodado e peonil do parque, así como a dotación de axardinamento e mobiliario na área de aparcamentos existente pola banda da estrada de Frións. 

Outra das accións que están a realizar os alumnos-traballadores do obradoiro Airoas é  a construción dunha pasarela de madeira dende o acceso ao parque ata o Centro de Interpretación Arqueolóxica. Irá equipada con barandas e farois de madeira. 

800 árbores

A outra grande iniciativa que se está a facer nestes momentos é unha repoboación forestal que obra sobre diferentes zonas do parque periurbano, de 171.000 metros cadrados de superficie. Con financiamento da Consellería de Medio Rural, a actuación ascende a 59.000 euros e inclúe a plantación de case 800 árbores de distintas especies: entre eles, 125 carballos, 125 carballos cerquiños, 250 castiñeiros, 150 bidueiros, 25 sobreiras e 50 loureiros. 

Con cargo a esta mesma iniciativa figuran tamén a limpeza dos marxes de tres accesos (o que parte da zona dos Xulgados, o que provén de Cruxeiras e o da capela de San Roque), o desbroce con tractor debaixo do miradoiro e no contorno do lavadoiro, ademais de nunha zona concreta de plantación con frondosas; e a eliminación de árbores invasores, especialmente os eucaliptos xóvenes. 

Vicente García resaltou o interese do Concello de seguir actuando sobre a que é unhas das principais áreas de esparcemento do municipio, á que se pretende potenciar como elemento de atracción turística ademais de servir de lugar de uso e disfrute dos veciños e un pulmón verde para a Centenaria. 

Pola súa parte, Crujeiras Vidal puxo de releve o importante labor que están realizando os alumnos do obradoiro Airoas, que ademais de abundar na súa propia formación de cara a súa inserción laboral redunda na mellora do municipio en xeral e do parque de San Roque en particular.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: publican as bases para participar na Gala do Deporte 2011

Bases Gala do Deporte 2011.doc Download this file


A nadadora María Vilas, premiada na Gala do ano pasado

Ribeira, 21 de marzo de 2011. As bases da Gala do Deporte de Ribeira 2011, que será no mes de abril (data aínda por confirmar) xa foron publicadas. Publicámolas íntegras:

1.- Valoraranse os resultados e méritos deportivos obtidos durante o período comprendido entre o 1 de Xaneiro de 2010 e o 31 de Decembro do mesmo ano. 

2. Os  premios e recoñecementos que se outorguen axustáranse os seguintes apartados: 

A) Recoñecemento a deportistas de categoría absoluta  polo nivel acadado  na súa  disciplina, tanto na  modalidade masculina como na feminina. 

B) Recoñecemento a deportistas de categoría sub-18 polo nivel acadado na súa  disciplina, tanto na  modalidade masculina como na feminina. 

C) Recoñecemento aos equipos masculinos e femininos de calquera categoría, que tivesen actuacións sobresaíntes ou lograsen postos destacados. 

D) Mellor deportista masculino e feminino do ano 2010 

E) Mellor Club local do ano 2010. 

Para poder optar aos  premios dos apartados A,B,D,  deberase ser un deportista nado en Riveira, ou con residencia legal  no Concello con data anterior ao 1 de xaneiro de 2008. 

3. O xurado estará composto polo Concelleiro Delegado de Deportes, e catro vocais máis elixidos por este , entre deportistas, técnicos e demais persoas vinculadas ao deporte local. 

4. Os Clubs, calquera cidadán, institución, ou asociación, poderán  propoñer a unha ou varias persoas para que sexa recoñecida a súa labor, sexa pola súa traxectoria deportiva, directiva, ou polo seu apoio ao deporte en xeral dende calquera ámbito de actuación. 

5. Calquera persoa ou entidade poderá  propoñer candidatos a estes premios ata o mércores  06 de abril de 2011,  mediante presentación de instancia no rexistro xeral do Concello, dirixida o Sr. Alcalde do Concello de Ribeira.  

6. – A Gala do deporte celebrarase no Auditorio Municipal de Ribeira no mes de abril en data a concretar.


 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Bng presenta unha iniciativa municipal sobre as hipotecas inmobiliarias

Moción sobre hipotecas.pdf Download this file

Insta ao goberno do Estado a que modifique a lei para que se protexa ás persoas con vivenda hipotecada, e non aos bancos como ata agora
Media_httpfarm6static_cftjo

Noia, 21 de marzo de 2011. O Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha moción para o seu debate no pleno ordinario do presente mes de marzo, que versa sobre a necesidade de instar ao Goberno do Estado a afrontar unha modificación lexislativa en
materia civil, hipotecaria e procesual, que protexa ás persoas cuxa vivenda habitual estea hipotecada.

Preténdese avanzar nunha reforma da normativa civil, hipotecaria e procesual que permita ponderar axeitadamente os intereses en conflito no caso nunha execución hipotecaria, cando a persoa debedora actuou de boa fe e o inmoble sobre o que se constitúe a garantía hipotecaria é a súa residencia habitual. Trátase en definitiva de que as entidades financieiras admitan a dación en pagamento como cancelación da totalidade da débeda hipotecaria, posibilitando ao mesmo tempo, que nos procesos xudiciais desta materia existan mecanismos de oposición a favor das persoas  debedoras que podan conducir a unha moratoria no pago dos prazos pactados, axeitándoos á situación económica da persoa debedora, ou incluso á transformación nun contrato de arrendamento con opción á compra ou á condonación parcial da
débeda.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: Deira viaxa a Barcelona, á primeira reunión da Red de Cidades da Ciencia e a Innovación

Media_httpfarm1static_fadeg

Primavera en Barcelona. Flickr de robokow

Boiro, 21 de marzo de 2011.  O Alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, participará mañá martes, día 22 de marzo, a partir das 16.30 horas no Ayuntamiento de Barcelona, na cidade condal, na primeira reunión da “Red Innpulso. Red de Ciudades de la Ciencia y la Innovación”, co seguinte orde do día:

   1. Entrega de diplomas aos alcaldes que obtiveron a distinción “Ciudad de la Ciencia y la Innovación”, entre as que se atopa Boiro.
   2. Aprobación do Protocolo polo que se establecen as normas de funcionamento da “RED INNPULSO Ciudades de la Ciencia y la Innovación”.
   3. Elección do Presidente.
   4. Elección dos seis membros do Consejo Rector, dúas por cada modalidade da distinción.

Cómpre lembrar que Boiro foi o único municipio de Galicia distinguido como “Ciudad de la  Ciencia y la Innovación” polo seu Centro de Formación – Centro de Hostalería – Viveiro de Empresas, situado no Polígono Industrial e inaugurado o pasado día 11 de marzo polo Delegado do Goberno en Galicia, D. Antón Louro Goyanes, un acto no que tamén participaron representantes do Ministerio de Ciencia e Innovación.

O Ministerio pretende, coa creación desta rede, habilitar un contacto permanente entre todos os municipios galardoados, así como compartir recursos e información.  

Relacionadas:

Inaugurado o viveiro de empresas: pte Deputación e delegado do Goberno

Premio: o alcalde recolleu o "Cidade da Ciencia e Innovación"

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical