10.9.12

Rianxo: o presidente de Portos analiza iniciativas de vixilancia portuaria cos da confraría

Rianxo_portos

Rianxo, 10 de setembro de 2012.- O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, mantivo esta mañá unha reunión de traballo coa confraría de Rianxo para profundizar nas iniciativas de vixilancia portuaria.






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Atletismo: superan os 220 inscritos nas categorías absolutas na carreira popular "Santa Uxía" de Ribeira que ten lugar este domingo 16

  • Hai aínda dous días para inscribirse
  • Entre todas as catogorías pasarase dos 600 corredores
  • A proba tamén é Campionato Galego de 10.000 metros en Ruta, promovido pola Federación de Atletismo Galego

 

Ribeira, 10 de setembro de 2012- Este domingo 16 de setembro terá lugar a 15ª edición da Carreira Popular de Santa Uxía, unha cita que completa o quinto Circuíto de Carreiras Populares Concello de Ribeira despois da celebración das probas de O Corgo en Corrubedo, A Guía en Carreira e O Demo en Artes.

 

A falla de dous días para rematar o peche do prazo de inscricións (nas páxinas web www.riveira.com e www.championchipnorte.com) son máis de 220 o número de inscritos nas modalidade absolutas da carreira (é dicir, as que deben completar o percorrido de 10.000 metros) e arredor de 600 os que tomarán parte entre as 15 subcategorías que forman parte da mesma (incluíndo os que deben completar distancias de 3.000, 1.500, 500 e 300 metros). Así o deu a coñecer o concelleiro de Deportes, Juan Luis Martínez, durante a presentación da proba, na que estivo acompañada da directora técnica da Federación Galega de Atletismo, Madó González.

 

Unha das grandes novidades desta edición é precisamente que a mesma proba se erixirá en Campionato Galego de 10.000 metros en Ruta que promove esta federación, en catro categorías: júnior, promesa, sénior e veteranos.

 

En todas estas a distancia a percorrer son 10.000 metros homologados pola Federación Galega que deberán completarse en dúas voltas. A saída terá lugar ás 10.30 horas na avenida do Malecón (á altura da Oficina de Turismo). Martínez Queiruga resaltou a idoneidade da carreira para alcanzar un bo tempo dado o perfil plano da mesma, carente de pendentes significativas.

 

Como posibles favoritos, Madó Fernández subliñou a Pedro Nimo e Alejandro Fernández en categorías masculina, e a Yolanda Gutiérres e Esther Naverrete en feminina.

 

Acto seguido terá lugar a proba en categorías inferiores: pitufo (300 metros), prebenxamín (500 metros), benxamín e alevín (1.500 metros) e infantil, cadete e xuvenil (3.000 metros).

 

Ollo: peches para o tráfico rodado


Juan Luis Martínez quixo agradecer a colaboración das empresas e colectivos veciñais que fixeron posible estas probas e aproveitou para pedir desculpas á cidadanía polos peches de tráfico que serán necesarios acometer para o desenvolvemento da cita: peches que afectarán ao paseo do Malecón e parque García Bayón e, máis puntualmente, ao paseo das Carolinas.


Relacionada:


Atletismo: a Carreira do Demo chegou á quinta edición en Artes







Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o parque público de Figueirido, en Palmeira, como novo

  •  Engadiuse área de lecer con merendeiros e parque infantil
  • Investíronse máis de cen mil euros

 


 

Palmeira.- 10 de setembro de 2012.- Tan só faltan acometer os últimos detalles antes de concluír a remodelación do parque público situado no lugar de Figueirido (na parroquia de Palmeira, moi preto do seu límite coa cidade de Santa Uxía): unha actuación que tivo un investimento de 101.016,11 euros.

 

Co fin de fortalecer o uso recreativo desta parcela municipal (na que a vexetación existente impedía un correcto aproveitamento da mesma) o Concello decidiu crear unha zona axardinada con grellas e merendeiros, ademais dunha área infantil para os máis pequenos, con balancín, tobogán e outros elementos lúdicos. Así mesmo, fíxose unha senda peonil de zahorra artificial para dar acceso ao lugar e instalouse distinto mobiliario urbano.

 

Previamente, foi necesario desbrozar a superficie e remover a terra para compensar as partes con desniveis. A obra foi realizada pola empresa Lisardo Inversiones S.L. e tivo un prazo de execución de tres meses. A actuación está adscrita ao Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos (POS Complementario) da Deputación Provincial.






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o Concello e a plataforma "Vitaminas para o galego" presentan este mércores 12 a campaña "Móllate polo galego"

  • Trátase dunha campaña de sensibilización da mocidade de cara ao idioma galego
  • Terá lugar o sábado 22 de setembro na mítica praia de Tanxil, por onde pasearon Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio
  • Os participantes deberán, cunha camisola facilitada de xeito gratuito polo Concello, enviar fotos orixinais co lema ás redes sociais. Os mellores recibirán premio.

Camisetas_mollate
As camisolas serán distribuídas o sábado 22 na praia de Tanxil


Rianxo, 10 de setembro de 2012. O vindeiro mércores, 12 de setembro, será presentada no Concello de Rianxo, ás doce do mediodía, a campaña "Móllate polo galego", destinada a aumentar a sensibilidade dos mozos polo idioma galego. Na presentación estarán o músico e actor Tonhito de Poi, ex compoñente de Heredeiros da Crus que agora milita en Rasa Loba; o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e un dos integrantes de Certo, diario dixital do Barbanza que colabora na plataforma organizadora, Vitaminas para o galego.

"MÓLLATE POLO GALEGO": CAMPAÑA ACUÁTICA

Acuática será esta campaña, no mellor espazo estival que ten Rianxo -Tanxil-, xa no límite do verán co outono, o sábado 22 de setembro. Na presentación daranse os detalles da xornada, que ten como obxectivo concienciar á mocidade sobre a importancia de empregar a lingua propia de Galicia en todos os eidos, e tamén de xeito lúdico e artístico.

QUE É VITAMINAS PARA O GALEGO?
O idioma galego necesita vitaminas. A lingua galega precisa de axudas. Entre os apoios fundamentais figuran os medios de comunicación que empregan, prestixian e difunden o xeito de falar dos habitantes do Noroeste da Península Ibérica. A pluralidade de linguas é unha riqueza cultural que a humanidade debe protexer e cultivar. Para espallar esta idea xorde o proxecto "Vitaminas para o galego", impulsado por medios en galego.

QUEN IMPULSA VITAMINAS?
A plataforma Vitaminas para o Galego está artellada polos medios de comunicación: Galicia ConfidencialTempos NovosRadiofusiónPraza PúblicaNovas da GalizaVal Miñor.info e Quepasanacosta

Medios colaboradores: Certo xornal dixital de Barbanza e Noia, Osil.info de Valdeorras,  Crónica3 da Mariña Lucense, Radio Nordés (Cadena Ser Costa da Morte), Terra Chá.Xa, Crónicas da Comarca (Arzúa – Melide), a revista de surf SurfGZCadernos de Comunicación e Análise; O periódico de Lalín e Comarca; Hermes e Atenea, xornal en galego de deporte e cultura; Disquecool, o medio de tendencias made in Galicia; O xornal De Luns a VenresCabozo, a rede social galega; a rede de blogues Vencello; Cartafol, a revista multimedia para Ipad; A Nova Peneira ,o programa radiofónico Plástico Elástico Revista Kubus, Compas da Costa, Ábrete de Orellas, Televinte Chantada e Fervenzas Literarias.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: abren prazo para anotarse á viaxe ao norte de Portugal do 21 de setembro

  • Está dirixida a maiores do Concello e o prazo de inscrición finaliza o venres 14
  • Terá un custe de 35,2 euros

Ponte de Lima é unha das vilas máis antigas de Portugal

Ribeira, 10 de setembro de 2012.- O Concello informa de que hoxe luns día 10 de setembro quedou aberto o período de inscrición da ruta polo norte de Portugal que forma parte do Programa de Dinamización e Promoción Social dos Nosos Maiores, promovido pola Concellería de Servizos Sociais e Promoción Social.

Esta viaxe terá lugar o venres 21 de setembro e incluirá no seu itinerario visitas a localidades como Vila Nova da Cerveira, Caminha, Viana do Castelo, Santa Lucía ou Ponte da Lima. O seu prezo é de 35,2 euros por persoa que queira asistir.  O prazo de inscrición finaliza o día 14 de setembro. Poden participar todas as persoas maiores de 60 anos empadroadas no concello de Ribeira, así como aquelas maiores de 55 que sexan xubiladas.
 
Inscricións

Todas as inscricións deberán ser entregadas no Departamento de Servizos Sociais Comunitarios (praza 8 de marzo, edificio Mirador de Padín, s/n). As prazas serán adxudicadas por orde de chegada. A partir das 9 horas darase un número por persoa na orde correspondente e a formalización da inscrición terá lugar entre as 12 e as 13.30 horas. Os prezos inclúen o autobús, entradas a barcos ou museos, guía durante os percorridos, comida e seguro de viaxe.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este sábado, 15 de setembro, homenaxe a Ánxel Vila, patrón do Xurelo

Xurelo

  • Na homenaxe estará o escritor Manuel Rivas, políticos e ecoloxistas

Ribeira, 10 de setembro de 2012. O vindeiro sábado, día 15 de setembro, realizaránse unha serie de actos en homenaxa a Ánxel Vila, falecido recentemente, patrón do Xurelo.

Manuel Anxo Méndez e Pili Pereiro, que viaxaron á Foxa Atlántica no 1981 e 1982 presentarán en rolda de prensa este martes 11 os actos que se van realizar. Os principais, como se pode observar na invitación adxunta, son a colocación dunha placa na lonxa de Ribeira e logo unha mesa coloquio na que se lembrará aquel episodio de defensa do medio ambiente mariño. Entre os ponentes destacados está o escritor Manuel Rivas, que viviu en primeira persoa aquel episodio como xornalista.

Que pasou co Xurelo?

Se vostede non sabe do que estamos a falar, pode consultar aquel episodio histórico neste resumo da Galipedia, aquí.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Pesca: colectivos ecoloxistas e científicos piden a retirada diaria das nasas para evitar impactos graves na fauna mariña

  • FEG, PDR-CIES, SGHN, ADEGA e Cemma emiten un manifesto conxunto no que alertan dos perigos deste arte de pesca para o medio mariño


Barbanza-Noia, 10 de setembro de 2012. As organizacións CEMMA (Coodenadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños), ADEGA, SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural), PDR-CIES e FEG (Federación Ecoloxista Galega) apoian a proposta da retirada diaria das nasas destinadas á captura do polbo, nécora, choco e outras especies ao finalizar a xornada de pesca, co obxecto de reducir o esforzo pesqueiro. Deste xeito contribúese a diminuir o tempo que permanecen as nasas sumerxidas no mar, e por tanto, redúcense tamén os posibles impactos ambientais que poden chegar a producir no medio mariño, principalmente a captura accidental de grandes vertebrados mariños, algúns en perigo de extinción, que resultan vulnerábeis á interacción con obxectos estáticos presentes no mar. pdfInforme IMPACTO NASAS (5.64 MB)

MANIFESTO SOBRE O IMPACTO DA PESCA CON NASA

A nasa é unha arte de pesca das máis antigas e máis usadas no mundo. Inicialmente foi unha trampa para atrapar peixes nos ríos, a expensa das correntes, e logo foi utilizada no mar, con cebo ou carnada para atraer ás especies obxectivo (crustáceos ou moluscos). Aínda que debía ser usada xa na época romana, non se recollen mencións ata épocas moi tardías, no século XVI. A primeira pesqueira de importancia nace no século XX, a da nécora (Necora puber) e do camarón (Palaemon serratus), e pode datarse entre 1940-50 aproximadamente. É una pesqueira mixta, ao utilizar ambas especies os mesmos hábitats.

As nasas actuais consisten nunha armazón de forma cilíndrica ou troncocónica, de madeira ou metal, recuberta por un pano de rede de fío ou plástica, cunha boca en forma de funil pola que entra o obxecto da captura. Interiormente colócase un cebo para atraer aos depredadores e deposítanse no mar unidas a un cabo nai formando caceas, unidos a unhas boias, e cébanse con diversos tipos de carnada. As especies obxectivo son recollidas con vida e ceibadas se non cumpren cos requisitos legais. Se ben a súa captura sempre provoca certo impacto, considérase que a súa supervivencia é máxima se son ceibadas una vez recollidas das nasas.

O uso da nasa está regulado como arte de pesca na normativa que emana da Lei 11/2008, e da Lei 6/2009, de pesca de Galicia, mediante DECRETO 15/2011, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos de Galicia, e pola ORDE do 23 de decembro de 2011 pola que se aproba o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o ano 2012.

Recentemente volveuse debater nos portos e Confrarías de Pontevedra sobre a proposta de ter que levar diariamente para terra as nasas destinadas á captura do polbo como medida de control dentro do plan de explotación da especie. Finalmente acordouse traer as nasa para terra só durante a fin de semana.

En base a esta situación a CEMMA ven de relizar o informe pdf"IMPACTO DA PESCA CON NASA: avaliación e propostas de mellora" (5.64 MB) no que se presenta a información recollida por esta entidade ao longo dos seus vinte anos de traballo a prol do estudio, conservación e divulgación das tartarugas e mamíferos mariños nas augas de Galicia. No mesmo recóllese a información ao respecto da mortalidade por captura accidental nas nasas das seguintes especies: tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea), das que se comprobaron 13 capturas (61% vivas); quenlla peregrina ou momo (Cetorhinus maximus); balea xibarte (Megaptera novaeangliae), dous exemplares atrapados e un deles liberado; balea alibranca (Balaenoptera acutorostrata), arroaz boto (Grampus griseus), e tamén golfiños e lontras (Lutra lutra). Catro destas especies están incluídas na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial e do Catálogo Español de Especies Ameazadas (Real Decreto 139/2011, 2011): a balea xibarte e a balea alibranca na categoría de Vulnerable, e a tartaruga de coiro e o momo sen categoría de ameaza, aínda que consideradas en perigo crítico e como vulnerable, respectivamente, a nivel mundial (Lista vermella da IUCN).

É por iso que, as entidades asinantes deste manifesto: CEMMA, ADEGA, SGHN, PDR-CIES e FEG apoian a proposta da retirada diaria das nasas destinadas á captura do polbo, nécora, choco e outras especies ao finalizar a xornada de pesca, co obxecto de reducir o esforzo pesqueiro. Deste xeito contribúese a diminuir o tempo que permanecen as nasas sumerxidas no mar, e por tanto, redúcense tamén os posibles impactos ambientais que podan chegar a producir no medio mariño, principalmente a captura accidental de grandes vertebrados mariños, que resultan vulnerables á interacción con obxectos estáticos presentes no mar.

Os cabos das caceas das nasas son elementos susceptibles de engancharse nos corpos destes animais, podendo atrapalos e chegar a provocarlle a morte por asfixia ou afogamento.

Así mesmo, consideramos imprescindible a posta en marcha de programas de seguimento da pesqueira da nasa do polbo, nécora, choco e outras especies, que permitan investigar se existen zonas de pesca, horarios, épocas do ano, prácticas pesqueiras ou outros posibles factores que sexa necesario regular para reducir os impactos negativos sobre o ecosistema e as especies mariñas

Todas estas medidas deberán verse acompañadas dun control e seguimento por parte da administración, destinado a garantir que se cumpla coa lexislación pesqueira vixente, como medida para garantir a conservación dos recursos naturais pesqueiros e do medio mariño.

Consideramos necesario incidir no deseño de protocolos para a liberación de tartarugas e mamíferos mariños que sexan detectados aínda con vida, e atrapados nas caceas das nasas, co obxecto dunha actuación de emerxencia que garanta a súa supervivencia. A posta en marcha de programas de educación e sensibilización ambiental complementarios, dirixidos especificamente ao sector pesqueiro resultan imprescindibles para poder acadar bos resultados nesta liña.

Asinan este manifesto:

CEMMA (Coordenadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños), ADEGA, SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural), PDR-CIES e FEG (Federación Ecoloxista Galega).

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

7.9.12

Noia: Xaquín Fdez Leiceaga acada o primeiro posto nas votacións da asemblea local do Psoe para as listas electorais


Xaquín Fernández Leiceaga, na foto oficial do flickr do PSdeG-PSOE
  • Sorpresa coa segunda máis votada, unha militante de base chamada María Teresa Gundín, que quedou a só dous votos de "Xocas", quen levou 30. O terceiro foi o ex-concelleiro noiés de Facenda, Lino García, con 26 votos.
  • Xosé Manuel Lage Tuñas, un dos parlamentarios máis activos, quedou relegado a un quinto posto ao obter  tan só 23 votos, os mesmos que levou Rosana Mariño, ex concelleira de Tráfico
  • Votaron 45 militantes, nun proceso de listas abertas, polo que podían emitir o voto por varios á vez.
  • Este tipo de votacións en cada asemblea local do Psoe de Galicia non son vinculantes pero van amosando as preferencias dos militantes para escoller os diversos postos de saída nas listas -que non son abertas- electorais para as votacións autonómicas
  • Tanto o parlamentario Xaquín Fernández Leiceaga como José Manuel Lage Tuñas son parte do sector crítico co actual líder do PSdeG, Pachi Vázquez, polo que non se agarda que ningún deles vaia nas listas electorais en postos de saída

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: Xaquín Fdez Leiceaga acada o primeiro posto nas votacións da asemblea local do Psoe para as listas electorais


Xaquín Fernández Leiceaga, na foto oficial do flickr do PSdeG-PSOE
  • Sorpresa coa segunda máis votada, unha militante de base chamada María Teresa Gundín, que quedou a só dous votos de "Xocas", quen levou 30. O terceiro foi o ex-concelleiro noiés de Facenda, Lino García, con 26 votos.
  • Xosé Manuel Lage Tuñas, un dos parlamentarios máis activos, quedou relegado a un quinto posto ao obter  tan só 23 votos, os mesmos que levou Rosana Mariño, ex concelleira de Tráfico
  • Votaron 45 militantes, nun proceso de listas abertas, polo que podían emitir o voto por varios á vez.
  • Este tipo de votacións en cada asemblea local do Psoe de Galicia non son vinculantes pero van amosando as preferencias dos militantes para escoller os diversos postos de saída nas listas -que non son abertas- electorais para as votacións autonómicas

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Barbanza: o Bng pon en marcha unha campaña a prol do comercio local


A Pobra do Caramiñal, 7 de setembro de 2012. O BNG do Barbanza, como xa fixo antes o de Noia e Muros, inicia unha campaña en defensa dos intereses do pequeno comercio, que se está levando a cabo en toda Galiza.

O PP busca beneficiar ás grandes superficies e transnacionais

O motivo desta campaña está en dous reais decretos-lei (19/2012 e 20/2012) que o goberno de Rajoy aprobou recentemente e que contemplan, entre outras cousas como a subida do IVE ou os recortes nos soldos dos funcionarios, "varias medidas que son moi lesivas para o comercio tradicional", aseguran os nacionalistas. Destacan a liberalización de horarios, o aumento no número de domingos e festivos de apertura e a modificación na temporada de rebaixas. "Estas medidas, amparadas polo paraugas da crise, responden ao interese do PP en beneficiar ás grandes superficies e transnacionais en detrimento do pequeno comercio, contrario desde sempre a esta liberalización. Por outra parte son medidas que invaden competencias autonómicas sen que Feijoo abrise a boca ao respecto, someténdose, coma sempre, ás decisións impostas desde Madrid", argumentan dende o Bng barbanzán.


 O BNG vén de pór en marcha esta campaña que inclúe carteis de promoción do comercio tradicional e reparto de información explicando as medidas aprobadas polo PP e as alternativas do BNG. Tamén se presentou no Parlamento Galego unha iniciativa na que se insta ao parlamento e ao goberno galego a rexeitar os reais decreto-lei, a promover un recurso de inconstitucionalidade por invasión de competencias e a elaborar un plan sectorial con medidas que realmente benefician ao pequeno comercio. Estas medidas propostas polo BNG inclúen o fomento das asociacións de comerciantes, o fomento dos centros comerciais abertos, a aplicación de plans de promoción do turismo e do comercio local, axudas para comercios que promocionen produtos do país, entre outras propostas.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical