Cómpre construírmos un novo referente‐suxeito político‐social para o país?
O Encontro Irmandiño chama a un gran debate político na Galiza
Dentro do Vieiro fixado para a reformulación do proxecto político nacionalista de esquerdas, o Encontro Irmandiño vén de facer un chamamento aos movementos sociais e a todos cidadáns e todas as cidadás galegas, para participar nunha Rolda de Rebeldía, un gran debate político que tratará de dar resposta práctica á crise de credibilidade e funcionamento efectivo dos partidos e a esquerda clásicas, que no EI consideran inservíbeis para a sociedade. A Rolda de Rebeldía, que será organizada por unha comisión de xentes de dentro e fóra do EI, terá un formato, data (probabelmente a primeiros de decembro) e lugar definitivos que dependerán das consultas entre a dita comisión cos movementos sociais e maila cidadanía. O prazo de inscrición na Rolda rematará o 10 de novembro para colectivos e o 20 para cidadáns e cidadás, e até o 31 de outubro poderanse enviar achegas, reflexións, propostas de debate, ampliación dos eixes temáticos, etc. Polo momento hai tres exixes temáticos propostos.
Nota aberta para movementos sociais e a cidadanía:
Rolda de Rebeldía 2009: As Ideas e a Palabra
Na procura dun referente políticosocial para camiñarmos cara un cambio radical do modelo de sociedade e unha outra Galiza posíbel
Benqueridas/os compañeiras/os,
Como moitas e moitos saberedes, desde o Encontro Irmandiño (EI) vimos de anunciar un decidido e necesario Vieiro co que pretendemos iniciar un rebelde andar na procura de novos mecanismos, tanto organizativos coma de acción política e social, para camiñarmos cara un cambio radical deste modelo de sociedade, que mudou nun nocivo sistema, profundamente insolidario, depredador, infrademocrático e extremadamente dominado polas elites político‐económicas e mediáticas, no que a soberanía popular ficou tan esquecida como desprezada. Dentro deste Vieiro unha das pezas básicas é a Rolda de Rebeldía, coa que pretendemos iniciar un proceso de busca dunha organización político‐social que transcenda o inservíbel modelo clásico e que estea á altura das esixencias políticas da esquerda social do noso país. A dita Rolda, un gran debate político que pretende reunir a meirande representación posíbel da esquerda política transformadora e da esquerda social galegas, acontecerá a finais de novembro ou principios de decembro deste ano, cun formato, data e lugar por definir entre os e as participantes e cunha base de tres eixes temáticos fundamentais, que esperamos ampliar ou enriquecer coas vosas achegas:
- É o modelo de partido clásico inoperante? Cómpre construírmos ese novo referente‐suxeito político‐social? E se así é, de que modelo organizativo debemos dotarnos? É o acceso ás institucións necesario?
- Como crear as canles de comunicación, participación e irmandade entre a esquerda social e a esquerda política? Cales son as esixencias da cidadanía e dos movementos sociais no eido da súa relación coas organizacións políticas?
- Que mecanismos e accións debemos emprender para afondar na creación de masas críticas que esixan un cambio radical do noso modelo de sociedade partindo da realidade galega de hoxe?
Nesta mesma mensaxe engadimos unha carta na que explicamos o que para nós debería ser a Rolda de Rebeldía, mais entendemos que un debate tan complexo debería ser coorganizado polas moitas mentes que na Galiza reclaman ese cambio radical do modelo de sociedade. É por isto que queremos animar á cidadanía e aos movementos sociais de esquerdas do país noso a participar nunha rebeldía que debemos construír entre todas e todos nós. UNHA PRIMEIRA PROPOSTA
- Calquera movemento social ou persoa a titulo individual pode participar na Rolda de Rebeldía. Existe un prazo de inscrición para participar, que será até o 10 de novembro para colectivos e até o 20 de novembro para persoas a título individual. O formulario de inscrición, no que podedes tamén engadir os apuntamentos que consideredes acaídos e mesmo documentos adxuntos, está á vosa disposición en: http://www.encontroirmandinho.org/index.php?option=com_jforms&view=form&id=2&Itemid=101
- Os colectivos poderán propor, tanto para o seu formato final como para as temáticas a tratar, o que consideren oportuno. A data límite para enviar recibir suxestións e incluir novas temáticas será o 31 de outubro de 2009.
- As achegas poderanse enviar ao enderezo electrónico roldaderebeldia@encontroirmandinho.org ou ben mediante o formulario de inscrición: http://www.encontroirmandinho.org/index.php?option=com_jforms&view=form&id=2&Itemid=101
- Unha comisión de traballo formada por xentes de dentro e fóra do EI encargarase de recoller as propostas e integralas nun programa e formato definitivo do que dará conta no mes de novembro, logo de consultar coa cidadanía e cos movementos sociais.
Invitámosvos por tanto a compartirmos este proceso do que daremos cumprida conta a medida que, coas vosas achegas e disposición a participar tanto na organización como no desenvolvemento deste importante debate político, se vaia definindo organizativamente. Do diálogo nace o entendemento e do entendemento os mecanismos para avanzarmos en obxectivos comúns. Sen límites, sen medo a experimentar, sen utilizacións e con atrevemento e sinceridade. Sen máis, apertas irmandiñas
..........................................................................................................................................................................................
Comisión da Rolda de Rebeldía
Encontro Irmandiño
Inscricións: http://www.encontroirmandinho.org/index.php?option=com_jforms&view=form&id=2&Itemid=101
Contacto: roldaderebeldia@encontroirmandinho.org
http://www.encontroirmandinho.org
..........................................................................................................................................................................................
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario