87 CABODANO DOS MÁRTIRES DE SOBREDO
Domingo 29 de Novembro do 2.009
11:00 Concentración na Carballeira de San Xosé (Sobredo) e posterior desprazamento até o Monumento
12:00 Intervención de Anselmo López Carreira, historiador
12:30 Homenaxe a Asociación veciñal de Lavadores (Vigo)
13:00 Clausura do Acto coa ofrenda floral, música tradicional da Asociación veciñal de Lavadores e invitación a rosquillas do "Cristaleiro" e viño.
Cartafol do ano 2006
OS FOROS
A meirande parte das terras cultivadas de Galicia, máis das tres cuartas partes, estaban sometidas a contratos de “foro” dende a Idade Media.
O Foro era un contrato establecido sobre unha terra que se pagaba anualmente en especie (millo, viño, animais,…) ou en diñeiro, condenando ao campesiñado a unha agricultura de subsistencia.
Xa a sociedade do século XIX era consciente de que esa “carga” gracias a cal nacera e medrara a fidalguía, impedía a modernización do agro galego, e para eliminala, a Iª República aprobara unha lei en 1873, derogada no ano seguinte por mor da presión dos arrendadores.
A definitiva lei que lles permitiu ás persoas labregas seren donas das terras que traballaban (previo pago dunha indemnización) foi o Decreto-Lei de 25 de xuño de 1926.
AS SOCIEDADES AGRARIAS
Para eliminar os foros xurdiron as “Sociedades Agrarias”. En 1912 xa había 117 sociedades na provincia de Pontevedra. Nas “asembleas” e “Congresos Agrarios”, coma os de Monforte, Ribadavia, Redondela, Tui… establecíanse as liñas de actuación deste movemento (mitins, propaganda, boicot aos pagos, mobilizacións,…).
En xullo de 1922, no Congreso de Tui, decidiuse non pagar os foros.
O 6 de novembro foi detida a Directiva da Sociedade de Ribadelouro. En solidariedade coas persoas detidas declárase Folga Xeral no sur de Galiza.
O 27 de novembro incautáronse os libros e chaves das sociedades de Areas, Randufe, Malvas, Pazos de Reis, Rebordáns, Paramos, Baldráns e Caldelas.
SOBREDO
O 27 de novembro de 1922 preséntanse en Sobredo (Guillarei), Xuíz e Garda Civil para embargar os bens dun veciño que non pagaba o foro.
A toque de campás, xuntáronse unhas duas mil persoas da bisbarra.
Ao disolver a forza pública a manifestación a tiros, houbo varias persoas feridas e resultaron mortas :
CÁNDIDA RODRÍGUEZ, de Pazos.
JOAQUÍN ESTEVEZ BESADA, de Soutelo.
VENANCIO GONZÁLEZ ROMERO, de Budiño.
Os feitos tiveron moita sona na prensa, parlamento, literatura, conferencias…
O goberno decatouse entón da necesidade de darlle unha solución ao conflito agrario, o que levou á redención dos foros. Foi entón, gracias á actitude loitadora e comprometida destas mulleres e homes do agro, que se conseguiu abolir un dos residuos da sociedade estamental e que condenaba en vida ao campesiñado.
(Vía Paco do Martelo)
Notas curiosas: o pai de Mariano Rajoy apelídase Rajoy Sobredo. Hai outro Sobredo en León, o galego está en Salceda de Caselas, Pontevedra.
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario