25.1.10

A Pobra do Caramiñal: "Libros sobre rodas" achegarase o xoves 4 de febreiro á vila


A Pobra do Caramiñal, 25 de xaneiro de 2010. O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, presentaron hoxe en rolda de prensa na Biblioteca Anxel Casal de Santiago a iniciativa “Libros sobre rodas”, dentro dos actos do Ano do Libro e da Lectura. Esta iniciativa recalará en 14 vilas, e destas bisbarras, será A Pobra, o día 4 de febreiro, a única privilexiada.

Roberto Varela recalcou na presentación de “Libros sobre rodas” o obxectivo prioritario que manexa a Consellería nesta iniciativa como “reactivar a motivación para ler” xa que “acadar mellores lectores contribúe a fomentar a igualdade de oportunidades e derruba as barreiras discriminatorias baseadas na capacidade”.

Para o conselleiro “o libro galego é un medio estratéxico para mostrar a nosa identidade e promover a nosa lingua, un instrumento útil tanto para a expresión da nosa creatividade literaria como para a visibilización da nosa cultura”. O esforzo da Consellería situarase na busca da concorrencia de todas as circunstancias necesarias para acadar a “viabilidade deste sector que resulta, sen dúbida, estratéxico tanto no eido social como no cultural”.

O titular de Cultura expresou o compromiso da Consellería coa lectura incidindo na idea de que “o seu primeiro grande programa de accións céntrase no libro”. Asemade, o conselleiro lembrou que “a nosa literatura goza de excelente vitalidade” e destacou algúns dos senlleiros autores clásicos como “Martín Códax, Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro ou Camilo José Cela.

A iniciativa “Libros sobre rodas” impulsará o interese pola lectura entre os galegos a través da a posta en marcha dun autobús promocional que nunha primeira xira partindo dende Santiago, percorrerá 14 vilas galegas. Este autobús está equipado para labores de dinamización cultural e contará cun equipo de animadores, que realizarán actuacións promocionais na rúa, baseadas no obxecto da campaña. Amais, distribuirá gratuitamente máis de 4000 exemplares do volume "A grande aventura do libro", centrado na historia da edición da obra impresa, cunha atención especial ao libro galego.

Nun primeiro circuíto, o autobús percorrerá un total de 14 vilas, logo de cubrir unha distancia que roldará os 1000 km consonte o calendario fixado e que abrangue as catro provincias galegas: 25 de xaneiro en Santiago de Compostela; 26 en Lalín, 27 en O Saviñao, 28 en Sarria, 29 en Viana do Bolo, 30 en Celanova, 31 en Ribadavia, 1 de febreiro en Verín, 2 en Ponteareas, 3 en Vilagarcía, 4 en A Pobra do Caramiñal, 5 en Betanzos, 6 en Narón, 7 en Vilalba e rematará en Ribadeo o 8 de febreiro.

O espectáculo central buscará estimular a curiosidade ou o interese do público, como base para acceder a novas dimensións de pracer pola lectura. Con este fin, o público accederá ao autobús por un espazo simbolicamente escuro, canto á estrutura, para acceder, a través del, á beleza e á luminosidade do coñecemento. Como remate, os visitantes reciben o agasallo dun volume A grande aventura do libro, onde encontrarán as orixes e a evolución do libro como instrumento básico da cultura ao longo da historia, exposto dun xeito ameno e sinxelo.

Xacobeo 2010 e Ano da Lectura

A coincidencia destas dúas celebracións responde á idea, por unha parte, de lle dar un contido vencellado á palabra escrita a unha conmemoración cunha forte carga de comunicación entre persoas e pobos, que vén achegando a Galicia a mensaxe da peregrinación desde hai miles de anos; por outra parte, e dado que a afluencia de visitantes á nosa comunidade aumentará por este motivo, a Consellería aproveita a oportunidade para pór ante o público do exterior o produto da nosa creación e da nosa industria editorial, que na actualidade está situado nos mellores niveis de calidade do mercado internacional.

As actuacións previstas céntranse en reforzar accións que se veñen realizando en prol do libro e da lectura. No entanto, a programación refórzase con iniciativas novas, que permitan achegar dun xeito máis eficaz a creación literaria galega e a produción escrita en xeral a toda a cidadanía galega e aos visitantes que no 2010 acudan a Galicia. Para este obxecto, está previsto desenvolver un amplo programa de actuacións, distribuídas en cinco grandes eixes: animación cultural, difusión da cultura, actividades de promoción e difusión do libro, fomento da lectura e mellor ada xestión do libro e bibliotecas.

Exposicións e “poesía nos camiños”


Durante o Ano do Libro e da Lectura, a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, porá un interese especial en colaborar en congresos e homenaxes e outros actos conmemorativos, derivados, por unha parte, da celebración do centenario do nacemento de dúas das personalidades sobranceiras da cultura galega, Gonzalo Torrente Ballester e Luis Seoane, e, por outra, da difusión da figura e da obra de Rosalía de Castro, a autora galega de meirande transcendencia, e de Uxío Novoneyra, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Así mesmo, e dado que a campaña se desenvolve durante o Ano Santo Xacobeo, está previsto realizar máis de trinta espectáculos, no que se unirán a música e a poesía, para achegar a voz das creadoras e dos creadores deste xénero literario a concellos dos nove camiños de peregrinación que conflúen en Compostela.

Nesta iniciativa, a Consellería de Cultura e Turismo achegará a voz da lírica galega actual a puntos xeográficos das catro provincias, a través dos itinerarios que nos conforman como destino cultural e espiritual de Europa.

Fomento da lectura e da escrita

Polo que respecta ao fomento da lectura e da escrita, continuarase apoiando e reforzando toda a actividade de obradoiros, conferencias, coloquios, recitais e outras intervencións desta natureza. Por suposto, seguirase atendendo as necesidades específicas de colectivos importantes, como o do público infantil e xuvenil, e tamén as derivadas da especial configuración demográfica da comunidade. Do mesmo xeito, a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, continuará o proceso de modernización das bibliotecas públicas, os sistemas de atención ao usuario e mais os procesos internos, que facilitan unha atención de calidade en toda a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Que pasará con Noia?

O ano pasado houbo só 13 feiras do libro en Galicia. Unha delas, a de Noia


    Segundo nova da Xunta de Galicia do 21 de xaneiro, a Federación de Libreiros de Galicia elixiu en asemblea dez localidades galegas para desenvolver as feiras do libro de abril a agosto de 2010. As poboacións seleccionadas e as datas de celebración son as seguintes: Ferrol (Cantón de Molins) do 21 ao 25 de abril; Santiago (Paseo Central da Alameda) do 1 ao 9 de maio; Lugo (Praza Maior) do 15 ao 23 de maio; Ourense (Rúa do Paseo) do 29 de maio ao 6 de xuño; Vido (Praza de Compostela) do 2 ao 11 de xullo; Cangas (Alameda de Soage) do 21 ao 25 de xullo; A Coruña (Xardíns de Méndez Núñez) do 1 ao 10 de agosto; Viveiro (Xardíns de Noriega Varela) do 13 ao 16 de agosto; Foz (Praza do Conde de Fontao) do 19 ao 22 de agosto; e Monforte (Rúa Cardeal) do 25 ao 28 de agosto.

Ao non aparecer a vila de Noia, na que cada ano se adoita celebrar unha destas feiras, preguntamos aos responsables do Concello de Noia. Polo de agora non saben nada, pero en canto teñan información, confirmarannos se Noia queda con Feira ou pasa sen ela. Tampouco voltamos saber nada daquel proxecto que convertería Noia na primeira Vila do Libro de Galicia. Teñen a información aquí

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical