19.11.10

Ribeira: o luns comezan as obras para separar residuos urbanos e industriais entre Xarás e O Touro

Ambos tipos de lixo están unidos ata o de agora, e a súa mestura provoca cheiros en determinadas zonas da cidade


Ribeira, 19 de novembro de 2010.- O Concello informa de que está previsto que este luns 22 comecen os traballos da liña separativa dos residuos urbanos e industriais entre Xarás e O Touro. Cun orzamento de 834.755,17 euros, a actuación será desenvolvida pola empresa CRC Obras y Servicios, adxudicataria do concurso convocado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia.

Como xa é notorio e coñecido, esta era unha obra moi demandada polos veciños e veciñas da cidade, pois cabe lembrar que ata o momento os residuos industriais e urbanos estaban canalizados de xeito conxunto: circunstancia que en ocasións provocaba unha determinada reacción química que derivaba en cheiros en certas zonas de Santa Uxía.

Así e logo, con esta nova actuación eliminaranse esas molestias de malos olores, e propiciarase así mesmo un mellor rendemento das bombas existentes en Cerqueiras, ao non ter que soportar tanta carga como viñan facendo ata agora. Os traballos contribuirán tamén a mellorar a desodorización nas instalacións do Touro.

Por mor de cuestións técnicas, as obras comezarán na zona do Touro e a liña separativa descorrerá hermeticamente todo ao longo do paseo de Malecón en dirección ás Carolinas, sempre pola banda pegada ao porto.

Novo bombeo

Cabe destacar así  mesmo que se situará un novo bombeo xunto ao Paseo das Carolinas, enclavado dentro do propio recinto portuario. Esta instalación disporá dun sistema de desodorización e unha reixa automática de desbaste para a protección das bombas fronte a sólidos de gran tamaño. No bombeo entrará un colector de PVC de 500 mm e sairá unha impulsión de fundición de 300 mm de diámetro. 

Sobre este bombeo instalarase unha caseta debidamente acondicionada na que estarán situados os equipos de desodorización, os cadros eléctricos, un grupo electróxeno, un polipasto para elevar as bombas e un contedor de recollida de sólidos. 

Dende o Concello de Riveira quérese pedir desculpas polas molestias ocasionais que poida producir esta importante actuación que, en todo caso, non impedirá a circulación viaria no paseo do Malecón ao ocupar un dos catro carrís existentes.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical