Boiro, 23 de febreiro de 2011. Os deputados provinciais Xoán M. Sande Muíz e Rosana Pérez Fernández realizaron unha visita institucional á Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Psíquica AMICOS, para coñecer de primeira mán o proxecto de construcción da Residencia para persoas Gran Dependentes con Discapacidade Intelectual que a entidade ten previsto construir na aldea de Comoxo e que a Deputación Provincial financiará o 33% con 222.000 euros sobre un orzamento de 736.872,95 euros. O proxecto de construcción da unidade residencial de asistidos pretende dar cobertura na súa primeira fase a 17 persoas con discapacidade intelectual con necesidades de apoio extenso e xeralizado, nunha área (bisbarras de Barbanza e Noia) onde existe un importante déficit de cobertura en materia asistencial e non existe ningún centro destas características. A posta en marcha da residencia permitirá mellorar e consolidar os servizos de atención ás persoas con discapacidade intelectual das comarcas de Barbanza e Noia que presta a asociación AMICOS e que na actualidade abranguen un centro de día, un centro educativo, un centro ocupacional, un centro de formación, unha rede comarcal de transporte adaptado e diversos servizos de rehabilitación. Os deputados, que estiveron acompañados do alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, desprazáronse até o lugar de Moimenta, onde está prevista a instalación da futura residencia, e onde mantiveron un encontro con responsábeis de AMICOS e coas familias dos afectados. A Deputación da Coruña vén contribuindo ao mantemento das actividades da entidade a través das convocatorias anuais de subvención, en concreto o ano pasado a aportación foi de 20.000 euros destinados a financiar o taller ocupacional de viveirismo. No mesmo lugar, os deputados entrevistáronse con responsables de INTEGRADOS, unha asociación que traballa conxuntamente con AMICOS co obxectivo da promoción do ocio e do deporte do colectivo das persoas con discapacidade intelectual, e que conta con dous vehículos adaptados para o transporte de deportistas con discapacidade, financiados pola Deputación da Coruña con case 35.000 euros.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario