O ano pasado o desfile de murgas e comparsas cadrara no día de San Valentín
Establécense dúas categorías de participación: infantil (ata 15 anos) e adulto (dende os 16 anos). As murgas deberán estar formadas por un mínimo de 20 participantes, sen límite máximo, e as comparsas con 15 como mínimo. Na categoría infantil ademais deberá contar con 1 adulto por cada 6 nenos/as.
As murgas ou comparsas deberán representar a unha asociación, entidade ou agrupación do termo municipal de Ribeira ou da comarca do Barbanza (Arousa Norte: Ribeira, Pobra do Caramiñal, Boiro ou Rianxo), establecendo o máximo permitido de unha murga ou comparsa por categoría, modalidade e asociación.
En total destínanse 6.000 € para gratificacións pola participación no festival (categorías de adulto, infantil e comparsa) tal e como se establece nas bases.
O festival será o domingo 6 de marzo con desfile en pasarrúas dende o Auditorio ás 18 horas e seguidamente festival na praza do concello.
Galardóns
As murgas, na categoría de Adultos, optarán os seguintes Galardóns: mellor vestiario, mellor letra, orixinalidade e creatividade, e mellor interpretación no seu conxunto. As comparsas, na categoría de Adultos, optarán a un único galardón: mellor interpretación e vestiario. As comparsas e murgas infantís non optarán a ningún galardón.
Segundo as bases de participación, que se achegan, xunto coa solicitude de participación deberá achegarse letra/s da murga (debendo ademais presentalas en soporte dixital xunto ao logo identificativo da agrupación: cd, pendrive, email...) e a relación dos integrantes do grupo, co nome e apelidos de cada participante, así como o nome da Murga ou Comparsa. No caso de non tratarse dunha entidade deberán presentar fotocopia de DNI de todos os integrantes da Murga ou Comparsa e aplicaráselle o IRPF correspondente á gratificación que corresponda. Tamén haberá que nomear un representante de cada grupo ante o Concello, que deberá entregar fotocopia do DNI e datos fiscais (CIF da entidade) para o pago da gratificación correspondente.
Para ambas as dúas categorías (infantil e adulta), as letras das murgas deberán ter unha extensión máxima de 1 canción, non superiores no seu conxunto a 50 versos, nin cunha duración total superior a 5 minutos.
Gañadoras do ano pasado, "Ribeira se escribe con v"
O vestiario debe estar en consonancia con algún dos temas principais das letras das murgas ou un tema de actualidade ou interese xeral. Poderase introducir elementos complementarios en relación coa interpretación dos temas e letras, sempre que non constitúan un risco nin perigo para a cidadanía.
Máis información no Auditorio Municipal (teléfono 981 835 650 e correo electrónico culturaefestexos@riveira.com).
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario