Rianxo, 5 de maio de 2011. O candidato á Alcaldía do BNG de Rianxo mantivo un encontro coa xunta directiva da Asociación Rianxeira de Empresarios, presidida por Felipe Ordóñez. Neste encontro intercambiáronse diferentes propostas dirixidas a dinamizar o sector comercial e empresarial local.
Adolfo Muíños trasladou a vontade do BNG de dispoñer dunha nave de emprendedores, un viveiro de empresas ligado ao polígono empresarial de Té que sirva de motor de primeira instalación aos empresarios e empresarias novas que queiran desenvolver a súa primeira actividade. Terán nesa nave acceso básico a unha boa rede de comunicacións, servizos de limpeza, despacho propio e outras instalacións comúns, unido a uns custes de alugueiro baixos durante dous anos para o lanzamento da súa actividade emprendedora.
Tamén apostou o candidato por mellorar as posibilidades de emprego dos rianxeiros e rianxeiras introducindo na localidade un centro de formación ocupacional que vaia progresivamente ofertando especialidades homologadas en áreas de alta empregabilidade. Tamén bota Adolfo Muíños en falta o financiamento de proxectos productivos rianxeiros a través dos programas europeos onde Rianxo participa: DELOA e Grupo de Acción Costeira.
Medidas racionais
Como medida de racionalidade Muíños pretende unificar os tres alugueiros municipais nunha única nave propia, evitando a dispersión actual en tres ubicacións, algunha de dubidosa legalidade pois está nun edificio con irregularidades, toda unha declaración de intencións e de ética por parte do executivo actual.
O empresariado e o BNG amosaron tamén a súa preocupación pola situación do sector comercial na localidade, golpeado pola crise, amosando a vontade de compartir esforzos a través da mesa do comercio local como punto de encontro para crear estratexias conxuntas e bogar na mesma dirección. Entre outras por dinamizar o parque empresarial con proxectos realistas. Neste senso a preocupación polos atrancos que tiveron os empresarios até agora para dispoñer efectivamente dos terreos xa comprados.
Trasladóuselle a Adolfo Muíños a necesidade de que haxa unha aposta inequívoca nos concursos de obras e subministros polo empresario local que paga impostos na localidade. Adolfo Muíños sinalou a necesidade de dar maior transparencia e publicidade aos concursos e adxudicacións, para mellorar a concorrencia e participación de máis empresas locais.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario