9.9.11

Noia: o conselleiro de Medio Ambiente visitou as obras da variante. A Xunta non se pronuncia sobre o achado en Taramancos

  • Agustín Hernández só aclarou que se ampliou a escavación (só hai que ir e miralo), que logo Patrimonio emitirá informe "como un trámite habitual, que por aquí temos moitos castros".
  • Á Consellería só lle parece importar o tempo "que se aforra" para chegar de Santiago a Noia
  • O viaduto máis impactante, entre O Testal e A Barquiña. rematarase no 2012
  • Ao seu remate esta infraestrutura desviará máis dun millón de vehículos ao ano, que xa non terán que pasar polo centro da vila
 
Noia, 9 de setembro de 2011.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, visitou hoxe as obras da Variante de Noia, onde destacou que o remate desta infraestrutura suporá "un importante aforro de tempos e de mellora na seguridade vial ao conectar o actual corredor Brión-Noia coa AC-550 en Taramancos, actuando de variante das estradas AC-543 e AC-540 e evitando o paso pola vila de Noia. Hernández sinalou que, na actualidade, xa se executou case o 20% desta actuación. Os tres viadutos contemplados no proxecto supoñen o 88% da lonxitude da variante". Ante as declaracións do conselleiro, que actúa de Jano bifronte ao ter no mesmo departamento asuntos tan incompatibles como Medio Ambiente e Infraestruturas, temos que lembrar as verbas de Manuel Gago en Capítulo 0 hai uns días:

"Nos últimos anos, estamos vendo como unha das máis fermosas e sen dúbida mellor preservadas rías galegas, a de Muros e Noia, está sendo obxecto dun acoso absoluto, promovido polos poderes públicos, que está destrozando de xeito irreversible unha importante fonte de recursos económicos que son os esteiros de desembocadura dos ríos que levan a ela. Xa se fixo coa construción da Ponte do Engano e as obras de desmantelamento desa fermosa franxa de litoral, e agora quérese facer co vial de ampliación de Noia; e cando volva haber orzamentos públicos retomarase a autovía a Muros.

Estou convencido de que os obxectivos da Administración galega son bastante escuros e inconfesables: por diante sinálase o beneficio para a poboación local (que aforrará, dependendo de onde, algúns minutos que non compensan, nin de lonxe, o investimento económico público, como argumentaría calquera xestor minimamente serio dun país civilizado), pero calquera persoa con perspectiva, intelixencia e algo de coñecemento local sabe o que hai detrás: os proxectos de urbanización turística en Portosín, nas proximidades de Muros, en Tal, en Monte Louro, etc. Proxectos de construción incontrolada que destruirán fontes de riqueza e emprego cualificado a medio prazo, economía rapaz e imbécil, mesmo se a miraramos desde unha perspectiva netamente liberal. O futuro da ría de Muros e Noia podería ser magnífico, pero políticos e, por desgraza, numerosos veciños, queren estragar e despilfarrar esta custosa infraestrutura natural nunha xeración". (Vía)

Na nota de prensa da Xunta non hai nin unha referencia ao importante achado de Taramancos Vello:

O responsable de Medio Ambiente destacou que, neste momento, atópanse rematados os traballos de desbroce dos terreos ocupados polo vial, así como os saneos e as cimentacións dos principais terrapléns. Así mesmo, estase avanzando co movemento de terras no inicio de obra (entre a conexión coa AC-550 en Taramancos ata o porto de Testal); e, nos vindeiros meses, empezarase coas escavacións na parte final da actuación. A drenaxe transversal está practicamente rematada, a lonxitudinal iniciouse recentemente. Na parte estrutural, a campaña xeotécnica iniciada en xuño, case se atopa rematada e o paso de fauna xa está executado.

Traballos actuais
Neste momento, estase a traballar na cimentación do enlace da Variante co corredor e atópase case rematada a península artificial para a construción do viaduto sobre a ría. A variante conta cunha lonxitude de 4.929 metros, cun tronco con tres carrís de 3,5 metros cada un, dúas beiravías de 1,5 metros e dúas bermas de 0,75 metros cada unha. Pola súa banda a sección da glorieta de onde parte esta nova infraestrutura componse de dous carrís de 4 metros cada un; dúas beiravías, unha interior e outra exterior, ambas dun metro; e dúas bermas de 0,75 m. A velocidade de proxecto é de 60 km/h e a rampla máxima do 7 %.

Así mesmo conta con dous pasos superiores e un inferior, ademais de dispoñer de tres viadutos. Destas tres estruturas, está en execución un viaduto de 350 metros de lonxitude, que serve de unión entre o novo vial é o corredor Brión-Noia ( p.k. 4+560); está composto por un tronco principal e dous ramais de incorporación e saída á glorieta existente. Os traballos rematarán en 2012.

A seguinte estrutura é o viaduto que se sitúa nas proximidades do aparcadoiro dun centro comercial (PK 3+200) e que serve para que o novo vial se cruce a distinto nivel coa estrada de acceso ao porto de A Barquiña. Unha vez rematados os traballos previos de retranqueo de servizos afectados, comezaranse coa execución de pilotes en outubro de 2011.

A principal estrutura da obra é o viaduto que cruza a ría dende o Porto de Testal ata A Barquiña. O comezo dos traballos de cimentación está previsto para o mes de outubro. Se non se presenta ningún imprevisto, estímase que os traballos se prolongarán (tanto nos viadutos de acceso coma no vano central atirantado) ata o último trimestre de 2012.

A construción das estruturas complétase coa execución dun paso inferior, que se prevé comezar este mes, e dous pasos superiores nos que se empezará a traballar nunha fase máis avanzada do movemento de terras. Ao mesmo tempo que se van executando as estruturas iranse rematando os traballos de movemento de terras e de drenaxe lonxitudinal. As tarefas de afirmado, sinalización e balizamento da obra prolongaranse uns dous meses máis, polo que a data de finalización prevista é decembro de 2012.

Mais seguridade vial en Noia
Concretamente, esta vía suporá eludir o paso polo núcleo de Noia, onde existe unha elevada intensidade de tráfico, circulación de vehículos pesados, afección ao viario urbano e problemas de seguridade vial.

A posta en servizo deste tramo producirá un aforro estimado de 4 minutos nos desprazamentos e evitará o paso pola vila de Noia cara a localidade de Porto do Son. Ademais, mellorará as comunicacións do eixo Santiago-Brión-Noia.

A poboación directamente beneficiada por esta infraestrutura é de máis de 40.000 persoas, que actualmente viven na comarca.

A alternativa da ría ten unha lonxitude de 4.929 metros e unha anchura de 11,5 metros, na que se inclúen beirarrúas para facilitar a seguridade dos viandantes. Na ponte sobre a ría engadirase un paseo peonil de 3 metros de ancho, que contará con ramplas de acceso no Testal e A Barquiña. A variante parte do núcleo de Taramancos, onde se separa da AC-550 e se da prioridade á nova vía. Unha vez superado o enlace, o trazado discorre ao norte do núcleo e presenta un paso superior sobre a variante para restituír un camiño de conexión entre a costa e Taramancos.

A continuación sitúase o semienlace de Punta Rebordiño, que permite o acceso e saída dos vehículos da zona do Testal co norte de Noia. O trazado continúa coa ponte sobre a ría, cunha lonxitude de 1.470 metros, que salva ademais a estrada de acceso ao Testal. Por outro lado, o desembarco da estrutura na zona nordés de Noia pasará por riba da actual rede viaria existente nesta zona.

A variante xira cara ao nordés evitando, mediante un viaduto, a zona de aparcadoiro do centro comercial existente neste núcleo e unha rúa próxima. No final do trazado, construirase un enlace tipo glorieta baixo a estrada, que servirá de conexión coa C-550. A obra mellorará as comunicacións entre Porto do Son e Muros, permitindo un aforro de 10 quilómetros, e entre Porto do Son e Santiago, reducindo en 4 quilómetros a distancia actual.

Cabe sinalar que para a execución dunha das infraestruturas máis singulares desta vía, a ponte sobre a ría, mantivéronse contactos coa Confraría de Pescadores de Noia e coa Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños; e autorizouse un convenio de colaboración para compensar a afección aos recursos marisqueiros. A construción da variante de Noia incorpora as medidas ambientais e construtivas necesarias para minimizar o impacto na ría. Ademais, a Xunta de Galicia sacou a contratación unha asistencia técnica específica para o control ambiental da variante.

A Xunta de Galicia adxudicou as obras da Variante de Noia por un importe de máis de 38 millóns de euros (38.254.451) á empresa Puentes y Calzadas Infraestruturas, S.L.U.

Obra de colectores en Noia

Por outra banda, na localidade de Noia, a Consellería de Medio Ambiente iniciará a finais deste mes de setembro a primeira fase dos colectores desta vila, unha obra que conta cun orzamento de máis de 4,4 millóns de euros e que levará a cabo a UTE Movex Vial, S.L. & Abeconsa S.L.U. As actuacións teñen un prazo de execución de 36 meses.

Neste momento, existen problemas en época de chuvia, posto que a rede de sumidoiros existente é unitaria nun 95 por cento, só o Casco Histórico conta con rede separativa. Esta rede de colectores presenta graves deficiencias, como pozos de rexistro con infiltracións; treitos en contrapendente; bombeos inutilizados; colectores por praias ou marxes da ría e algún vertido directo do efluente da EDAR á costa sen condución de vertido.

Por esta situación faise moi necesaria a intervención que vai a levar o Executivo autonómico, que significará a rehabilitación dos treitos existentes, recollendo case toda a rede de saneamento municipal, e garantirá o seu funcionamento ao separala das infiltracións da auga do mar.

Concretamente, as actuacións constan de:dúas redes de colectores de residuais; un colector interceptor norte: dous colectores cun total de 423 m., bombeo con capacidade para 41 m3/h. e unha impulsión de 453 m.; outro colector interceptor sur: dez colectores cun total de 2.888 m., cinco bombeos cunha capacidade de 74, 370, 120, 66, 58 m3/s e 1.108 m. de tubaxe de impulsións. Así mesmo, levaranse a cabo colectores para separar as pluviais dende o orixe: 17 treitos, que suman 1.656 m. de tubaxe.

Borrar paisaxe e patrimonio por aforrar uns miserentos minutos dous meses ao ano

E ata aí a nota da Xunta. Ou sexa, sospeitamos que Taramancos Vello, o poboado da Espiñeira dos primeiros ancestros que habitaron de xeito civilizado esta bisbarra, vai ser aniquilado, unha vez máis, por unha obra pública de dubidosa utilidade en relación custo/impacto ambiental e paisaxístico e patrimonial. Polo de agora non vemos na zona, agás o Concello e a asociación cultural "Terra de Outes", nin unha soa voz crítica contra esta actuación. Agardan aos feitos consumados? Queda pouco entón: menos dun ano. Chegaremos todos á praia e ás troulas festeiras máis cedo, si, pero a conta de que?

Antes, en Certo:


Arqueoloxía: piden á Xunta modificar a variante para conservar o de Taramancos


Arqueoloxía: "Terra de Outes" pronúnciase a prol da conservación completa do atopado en Taramancos Vello


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical