8.9.11

Ribeira: marketing turístico para cubrir contedores de lixo, en plan Potemkin

Promocin_turstica_contedores

  • O concello pon un soporte de promoción turística para ocultar contedores na rotonda de Padín
  • Irase facendo noutras zonas do municipio paseniñamente


Ribeira, 8 de setembro de 2011.- Co obxecto de diminuír o impacto visual que provocan algúns dos contedores de superficie en certas zonas da cidade, o Concello de Ribeira informou hoxe que vai instalar arredor deles unha serie de soportes informativos que servirán ademais para facer promoción dos recursos turísticos do municipio. 

O primeiro destes paneis promocionais xa se pode observar na rotonda de Padín, confluencia que serve de principal zona de entrada e saída ao casco urbano de Ribeira. O parque dunar e o dolmen de Axeitos son os motivos cos que está decorada esta estrutura. 

Nas próximas datas colocaranse outros soportes semellantes pero con motivos distintos ante outras illas de contedores localizadas en zonas da cidade con gran tránsito de vehículos ou peóns, e non se descarta que de ter éxito a iniciativa se expandan polas parroquias no futuro. 

O Concello desexa "que a cidadanía acolla con respecto a iniciativa, que constitúe outra fórmula máis para embelecer o pobo". Ou sexa, que non os esbandallen os túzaros de case sempre ás primeiras de cambio.

Así enganaba Potemkin a Catalina II a Grande, emperatriz de Rusia

A todos nos gusta ver os nosos pobos engalanados e que se coiden os detalles e se tapen, como fai neste caso o Concello de Ribeira, o que pode resultar desagradable á vista. Parécenos unha boa iniciativa, sobre todo cando é explicada e transparente.

Un personaxe sinistro que pasou á historia, non só polas súas ruindades, senón por esaxerar e enganar co asunto do embelecemento dos pobos foi Gregorio Potemkin, militar ruso que tivo por amante á mesmísima emperatriz Catalina a Grande. A ela fíxolle crer que coa súa terrible conquista de Crimea, un auténtico xenocidio levado a cabo por el e o seu exército, a zona mellorara moitísimo. Como Catalina non o cría, decidiu viaxar ata alí: cando Potemkin se veu acurralado, argallou uns decorados de cartón pedra para que dende a enorme carruaxe da emperatriz só se viran aldeas marabillosas. Aquel "tour de Crimea" supuxo que só se pintaran as fachadas das casas que daban ao camiño, que se levaran aos vellos e enfermos lonxe dos seus pobos, que árbores e setos de papel tapasen o máis feo daquela zona masacrada. Obrigouse, baixo ameazas de morte, a sorrir á xente antes asoballada. Os lugares por onde Catalina pasaba non existían: eran decorados, onde ata o gando pastaba enerxicamente porque o fixeran pasar fame días antes. As enciclopedias soviéticas chamaron ao engano de Potemkin "o maior da historia deste país". 


 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical