30.10.11

Noia: os grupos do goberno tripartito votan xunto co PP contra o recurte de 22.000 a 3.000 euros de axuda a domicilio

  • A redución da partida supón a baixada de máis de 18.000 euros
Media_httpfarm4static_iicwg

Noia, 30 de outubro de 2011. O grupo de goberno de Noia, formado polo tripartito Psoe, Bng e N.O.I.A introduciu por vía de urxencia no transcurso do pleno ordinario celebrado na tarde do venres 28 de outubro unha moción para que non se reduza de xeito tan drástico (de 22.000 euros do ano pasado a pouco máis de 3.000 desta volta) a contía destinada a axuda a domicilio. A pesar de que o PP discrepou inicialmente do seu tratamento pola vía de urxencia pretendendo que se adiara o seu debate ao pleno ordinario correspondente ao mes de novembro, finalmente tamén votou a favor do contido da mesma.

A moción íntegra:


Os grupos municipais do PSdeG-PSOE, do BNG e de Noieses Independentes Agrupados formulan, ao abeiro do establecido no artigo 21.2 do Regulamento Orgánico do Concello de Noia, a seguinte

M O C I Ó N

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Plan Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais é un instrumento fundamental de cooperación entre os Concellos, a Xunta de Galiza e a Administración do Estado, por medio do cal se cofinancian os servizos sociais municipais e permiten garantir as prestacións básicas e a atención aos veciños e veciñas. O Plan Concertado cobre os custes seguintes:

    • Persoal dos servizos sociais.
    • Gastos de mantemento dos servizos sociais comunitarios.
    • A prestación do servizo de Axuda no Fogar, incluíndo a prestación do servizo de Axuda no Fogar para persoas valoradas como dependentes e a prestación básica.
    • A xestión e realización dos programas básicos de prevención, inserción, cooperación e fomento da solidariedade e outros destinados a intervencións comunitarias.
    • Investimentos: adquisición, construción, reforma, ampliación, mellora ou acondicionamento de equipamentos de servizos sociais.

    Nestes días están a chegar aos concellos as resolucións deste Plan, cun recorte drástico e inxustificado nas achegas da Xunta de Galiza relativas aos gastos anteriores englobados no Plan Concertado de Prestacións Sociais Básicas, no Programa de Servizos Sociais Comunitarios e no Plan de Desenvolvemento Xitano.

    Xusto cando, por efecto da crise económica, maior é a necesidade de recursos e prestacións sociais para atender ás persoas que con máis dureza están a sufrir as súas consecuencias, o PP, na Xunta de Galiza vén de suprimir e recortar as achegas que desenvolven servizos sociais básicos.

    No caso do noso Concello, a minoración do financiamento do Plan Concertado, cuantifícase en 29.963,03 euros, sendo o capítulo máis afectado o relativo a “axuda no fogar-prestación básica” que perde 18.198,70 euros, sendo que o pasado ano recibíronse 22.128,85 € e este ano 3.930,15 euros.

    Este recorte ao Plan Concertado obriga aos concellos a facer fronte ás necesidades e programas contraídos este ano 2011 con fondos propios, o que vai afectar aos servizos sociais municipais, e ao que hai que engadir outra grave problemática: o retraio no pagamento das partidas asignadas e comprometidas. Hai que destacar que no mes de outubro os concellos aínda non recibiron da Xunta de Galiza as subvencións do Plan Concertado, cando os concellos veñen realizando o gasto desde o mes de xaneiro.

    A Xunta de Galiza e o Parlamento galego, alén da incerteza do que vai pasar en 2012 e anos seguintes, deben resolver este tema de inmediato para asegurar e garantir os recursos necesarios para que os concellos sigan ofrecendo á sociedade os servizos e prestacións sociais que demanda e precisa, especialmente diante da crise económica e social que atravesamos.

    Por todo isto, propoñémoslle ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

    ACORDO

    1. Instar á Xunta de Galiza á restitución inmediata dos créditos eliminados para o financiamento do Plan Concertado do ano 2011, que significou o recorte de 2,4 millóns de euros, que permitirá  continuar cos programas englobados no citado plan de servizos sociais e de prestación básicas e atención ás familias e colectivos con problemas.
    2. Instar á Xunta de Galiza a que nos Orzamentos do ano 2012:
    • Garanta como mínimo as cantidades consignadas no 2009 para o Plan Concertado e o Programa de Servizos Sociais Comunitarios.
    • Atender así mesmo á execución do Plan Especial de Atención á Comunidade Xitana e o Programa de Atención a Persoas sen Fogar, polo gran incremento sufrido.
    • Restabelecer e incrementar os fondos destinados aos concellos para apoio ás familias.
  • Instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado o mantemento das cantidades que a Administración do Estado tiña destinadas o pasado ano 2010 ao cofinanciamento dos plans e programas sociais, minorados polo acordo do Consello de Ministros no mes de febreiro pasado.

  •  

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical