4.11.11

Ribeira: Aguiño celebra a súa III Mostra de Teatro "Francisco Lorenzo Mariño" cada sábado de novembro

  • O vindeiro sábado 12 a sesión cobrarase para axudar a Paula, a neniña de Boiro con agnesia sacra que está a ser tratada en Alemania
  • Todas as funcións son no conservatorio de música ás 20:30
Media_httpfarm7static_idnvz

Onte foi a presentación da nova edición da Mostra de Teatro de Aguiño

Ribeira, 4 de novembro de 2011. Mañá comeza unha nova mostra de teatro en Aguiño, e van xa pola terceira edición. "Nunha nova ocasión dende esta entidade comprácenos poder convidarvos á  Mostra de Teatro Afeccionado Francisco Lorenzo Mariño que terá lugar durante os sábados do mes de novembro no noso pobo. A asociación fixo un grande esforzo para poder achegar a arte dramática de compañías de teatro de recoñecemento en Galicia como é o caso de Teatro de Cámara Ditea de Santiago, Carrachanacacha de Narón, Charamela de Melide ou o Grupo de Teatro do Liceo de Noia; recordamos que con estas, xa serán máis dunha ducia as compañías que pasaron por Aguiño para escenificar distintas obras como é o caso de Candelexas de Noia, Ateaco de Oleiros, Talía de Cee, Duendesico de Santiago, Ad Libitium de Ferrol, A Pombiña de Narón ou Salmonela da Coruña entre outras", explica o presidente de da asociación organizadora, Unai González.  

"Esta mostra nada no ano 2009 con motivo da celebración do 50 Aniversario da Fundación da Parroquia de Aguiño, serviu de base para afianzar as artes escénicas no noso pobo, que contan cunha grande acollida, o que levou á nosa entidade a darlle continuidade. A deste ano enmárcase tamén dentro dos actos de conmemoración do V Aniversario da asociación, que como sabedes celebramos co lema de “Asociación Francisco Lorenzo Mariño, 5 anos sementando Cultura”. En Nadal deste ano faremos o sexto aniversario, polo que seguramente algunha actividade –de carácter infantil- dará por finalizado este lustro de existencia. Agradecemos a colaboración das entidades, institucións e empresas que fixeron posible este evento, así como o apoio mostrado polas socias/os, veciñas e veciños de Aguiño durante a nosa existencia. Resaltamos a colaboración do Concello de Riveira e a súa Área de Cultura dirixida por Elvira Pisos; das Asociacións Ardora de Aguiño e A Gandaina de Palmeira e das empresas que colaboran", continúa González. 

A entrada será coma sempre de balde, pero nesta ocasión aproveitan para facer unha función solidaria a beneficio de Paula -a nena de Boiro con agnesia sacra que precisa a axuda de todos e todas para a súa custosa curación en Alemania-. O día elixido será o 12 de novembro cun prezo por persoa de 3 € e os donativos que cada quen queira facer; a recadación íntegra será entregada á familia de Paula e non descartan organizar algunha actividade máis, en solitario ou en colaboración con outras entidades, para recadar máis fondos para esta fin e aproveitan para solicitar a colaboración particular, por pouco que sexa, de todas as persoas. 

Media_httpfarm7static_adtic

Media_httpfarm7static_vgrjr

Programa 

Sábado 5 de Novembro

CARRACHANACACHA  de  Narón

“Comendo pimentos de Padrón con Tarantino”

Dirixida por Leandro Lamas. 

Comedia surrealista que narra a singular vida de dúas mulleres, nai e filla, cos seus encontros e desencontros na peculiar escalada da filla ate a fama en todo o mundo mundial.

Duración 85 minutos – Recomendado para maiores de 13 anos.

.......................... 

Sábado 12 de Novembro

TEATRO DE CÁMARA DITEA de  Santiago

“Farsa Plautina”

Dirixida por Xan Casas. 

Farsa ou comedia onde desfilan un maremagnum de personaxes arquetípicos da Roma clásica, dende cidadáns, matronas ou políticos ata cortesáns e deuses que como mestura ao estilo do xenial dramaturgo do século II A.C., Tito Plauto, e co bo facer de Ditea, encherán a sala de risas infinitas. 

Nota: Esta función terá unha entrada solidaria de 3 € e cuxa recadación íntegra será destinada a axudar a Paula na súa curación da agenesia sacra.

................................... 

Sábado 19 de Novembro

GRUPO DE TEATRO SOCIEDADE LICEO  de  Noia

“Smóking” de Santiago Moncada.

Dirixida por Leandro Lamas. 

Comedia con situacións inesperadas e diálogos chispeantes nos que se alude ao paso do tempo; a chegada da vellez, a relación de parella, a amizade, a infidelidade, o machismo… son temas que o seu autor, Santiago Moncada vai tocando ao longo da peza. Representada con grande acerto polo Grupo Liceo de Noia, foi merecedora do 2ª Premio no Certame de Teatro Candilejas Don Bosco da Coruña en xuño deste ano.

………………. 

Sábado 26 de Novembro

TEATRO CHARAMELA de Melide

“O Achado do Castro” de Manuel Núñez Singala.

Dirixida por Jesús Gómez Lareo. 

Comedia de enredo que xira en torno ao achado dun manuscrito nun castro que nos traslada á época romana onde o emperador, a súa filla, unha mercante, escravos e ladróns se mesturan nun descontrol case sen sentido para facer morrer de risa ao público asistente.

Entrada de balde ata encher aforo e agás función solidaria! – www.aguiño.com

Media_httpfarm7static_wzhju

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical