15.1.12

Noia: o pobo volcouse no acto solidario con Paula e recadáronse 5.560 euros para o seu tratamento

Noia, 15 de xaneiro de 2012. Onte facía frío en Noia. Moito frío. Mais non en toda a vila: o pavillón de deportes "Rosalía de Castro" encheuse de quentura humana para axudar á nena Paula de Boiro, nun acto solidario na que colaboraron, xunto aos organizadores -A.F. Os Salgueiriños e Concello de Noia- multitude de asociacións e artistas a título particular.

A recadación total do festival foi de 5560 euros máis unha doazón que fixo pola súa conta a asociación de Mulleres Rurais de Noia. Para chegar a esta cantidade houbo antes moito traballo, todo el desinteresado: dende as fermosas coreografías das distintas escolas de danza ou patinaxe ata os cadros que doaron os artistas Alfonso Costa e Veiras Manteiga, pasando polas rosquiñas que venderon durante toda a celebración de festival os nenos do obradoiro infantil de repostería ou os diferentes equipamentos deportivos que diversas estrelas doaron para esta nobre causa.

Segundo se explicou na gala benéfica noiesa, son necesarios 250.000 euros para o tratamento de Paula en Alemania, onde se está a rexenerar o óso sacro sen o que naceu. Eva Rivero, promotora boirense de moitos destes actos solidarios, informou onte que xa foron recadados a metade destes cartos, polo cal se felicitan e agradecen, en nome da familia da nena, toda a solidaridade amosada pola xente destas bisbarras e polos personaxes públicos que fixeron aportacións, ben en efectivo, ben a xeito de pezas para subastar a favor de Paula.

Unha dedicatoria non agardada

O festival benéfico era todo el para Paula, pero, por desgraza, tamén foi dedicado a José Luis Fuentes, párroco de San Martiño de Noia, que faleceu onte mesmo. En Certo informamos o pasado verán sobre unha homenaxe que se lle ía facer polas súas vodas de ouro -levaba medio século como sacerdote- pero foi suspendido sine die porque enfermou e tivo que ser ingresado no hospital.

D.E.P.

Poden ler a nota necrolóxica na web da Pastoral de Santiago, onde tamén indican a hora do funeral de corpo presente (este domingo ás 16:30) e outro o luns ás 18:00.

Pode que tamén lle interese:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical