27.9.12

Ribeira: nova furgoneta de Servizos Sociais a cambio de publicidade

  • O Concello recibiu este mediodía o medio de transporte
  • Foi posible grazas ás doacións de 28 empresas de Barbanza e arredores, que sufragan o vehículo con publicidade no exterior do vehículo


 

Ribeira, 27 de setembro de 2012.- Dende hoxe a Concellería de Servizos Sociais, Promoción Social, Sanidade e Consumo do Concello dispón dun novo medio de transporte grazas á colaboración a cambio de publicidade de 28 empresas da zona. Trátase dunha furgoneta con capacidade para nove pasaxeiros cuxo financiamento puido ser posible a través da publicidade que, por medio da implicación das devanditas 28 entidades, rotula completamente o exterior do vehículo.

Custe cero

Tal e como aseverou o edil Vicente Mariño de Bricio, o emprego do vehículo por parte da súa Área Municipal para os usos que lle son propios terá un custe cero para o Concello pois a acción está sifragada mediante esta publicidade. Ademais, o vehículo pasará a ser de propiedade municipal tras cinco anos de funcionamento.

Esta acción totalmente novidosa na comarca de Barbanza foi posible contando coa xestión como intermediaria da empresa Vehículos Móviles Sociales, cuxo apoderado Segundo López, estivo presente no acto diante da praza do Concello e fixo entrega das chaves da furgoneta ao alcalde Manuel Ruiz.

Tamén estiveron presentes a práctica totalidade dos representantes das 28 empresas colaboradoras, que calquera pode ollar cando vexa este vehículo.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Sociedade: "Stop Desahucios Barbanza" reúnese este venres 28 para afrontar novos retos

Media_httpfarm8static_vhoux

Imaxe do día da fundación de "Stop Desahucios", tamén no Liceo Marítimo de Ribeira

Ribeira, 27 de setembro de 2012. Mañá, venres 28 de setembro, ás 20:30 horas, nos locais do Liceo Marítimo de Ribeira vai ter lugar unha reunión coa maioría dos membros da plataforma "Stop Desahucios" da Barbanza para comentar as accións levadas a cabo até o de agora e marcar directrices de actuación para os retos do futuro, ben complexo dado o incremento de desafiuzamentos e execucións hipotecarias polas que está a pasar o noso país, ao que Barbanza non é alleo. Nesta reunión agárdase a presenza das dúas familias, unha de Ribeira e outra de Boiro, afectadas por unha inminente poxa xudicial das súas vivendas, asuntos polos que se está a mover como primeira prioridade a plataforma "Stop Desahucios".

Boiro: muller, separada, con dous fillos a cargo, intenta renegociar 

"Stop Desahucios de Barbanza" está concentrada no intento de evitar o desaloxo dunha muller de Boiro que ten dous menores a cargo e que non pode facer fronte ás cotas da hipoteca que no seu día asinou co seu exmarido. A plataforma enviou carta xa a NovaGalicia Banco para estudar a posibilidade de refinanzamento e ampliar o prazo de pago da hipoteca, pois a muller tan só gaña 400 euros cun traballo a media xornada. É evidente que neste tipo de casos, o risco de exclusión social é moi alto e que, coas nulas medidas que se están a tomar nas diferentes administracións -que cada día din unha cousa ou prometen -bancos malos mediante- outras, esta familia quedaría practicamente na rúa.

Antes, en Certo:

 

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: ciclo de cinema para educar en valores dirixido a escolares de 6 a 14 anos ata decembro

Dodro_cine_valores

  • Haberá dúas proxeccións cada mes, os venres ás cinco da tarde, e serán complementadas con outras actividades relacionadas co visto na película
  • Hai que inscribirse

Dodro, 27 de setembro de 2012. A Concellería de Cultura, Voluntariado e Asociacionismo do Concello de Dodro dirixido por Cristina Fernández Codesido organiza un “Ciclo de cine infantil e de educación en valores” dirixido a nenas/os de 6 a 14 anos.

Esta nova actividade será gratuita e nace co obxecto de diversificar a oferta cultural do Concello de Dodro dirixida á infancia, así como divertirse, fomentar e desenvolver os valores a través do cine e construir un espazo para pensar, reflexionar e interactuar a partir da articulación do cine cos textos.

O programa terá unha duración de tres meses, outubro, novembro e decembro) e realizaránse dúas proxeccións ao mes, os venres ás 17 horas. O visionado dos films complementarase con actividades de carácter socioeducativo (obradoiros de manualidades, xogos...) relacionadas coa temática das películas traballadas.

As inscricións deben formalizarse na Casa da Cultura ou ben por teléfono no 981 802 472.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Concello merca leiras por 112.000 euros para adicalas a áreas de esparexemento públicas

  • En Oleiros, ao pé do campo de fútbol, e en Olveira
     

Media_httpfarm9static_jhstx

Hai pouco arranxouse en Palmeira o parque de Figueirido, engadindo barbacoas

 

Ribeira, 27 de setembro de 2012.- O Concello vén de formalizar esta mañá a adquisición de tres parcelas (unha situada na parroquia de Oleiros e dúas en Olveira) co fin de seguir promovendo o benestar dos veciños a través de novos equipamentos municipais e áreas de esparexemento.

 

Un dos terreos ten unha superficie de 16.684 metros cadrados e linda co campo de fútbol situado en Oleiros. O Executivo tomou a determinación de acadar este espazo coa fin de ser destinado a albergar novas instalacións deportivas.

Por outra parte, o Concello amplía o espazo público existente no lugar de Olveira de Arriba, na parroquia de Olveira, a través da adquisición de dúas leiras de 53 e 134 metros cadrados. Ambos están situadas a carón dunha zona de titularidade municipal o que -debidamente acondicionados os terreos- permitirá incrementar o disfrute e esparexemento dos veciños. A inversión global realizada polo Concello na adquisición destes terreos ascende a 112.000 euros.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Consumo: o Bng denuncia o "silencio cómplice de Feijóo" co intento do PP de suprimir a orixe nas etiquetas das conservas

  • A nacionalista Ana Pontón sinala que “non é de recibo que o PP nas institucións europeas actúe en beneficio das grandes transnacionais e doutros países á vez que prexudica os intereses de Galicia”


 

Barbanza, 26 de setembro de 2012.- O BNG do Barbanza convocou onte unha rolda de prensa para presentar as iniciativas que impulsará sobre a necesidade de incluír a orixe do produto na etiquetaxe das conservas pesqueiras. A candidata do BNG Ana Pontón denunciou “o silencio cómplice” de Feijóo co intento do PP de eliminar a orixe na etiquetaxe das conservas que, nun momento de crise como o actual, vai supor un novo golpe para un sector estratéxico para Galicia.

 

Na rolda de prensa compareceron, ademais de Ana Pontón, o responsábel comarcal Xosé Lois Piñeiro; Dominga Brión, responsábel comarcal da área de Pesca, e Dores Torrado, candidata número 6 ao Parlamento galego e concelleira en Boiro. Despois mantiveron un encontro en Boiro con representantes das confrarías e do sector mexilloeiro para expor as iniciativas do BNG.

 

Ana Pontón explicou que o novo marco regulador europeo para os produtos da pesca e da acuicultura non tivo o apoio do BNG porque “vai ser lesivo para os intereses do sector pesqueiro e marisqueiro e, singularmente, no caso mexilloeiro pode ter un impacto moi negativo derivado da aprobación dunha emenda introducida polo PP a través dunha deputada ‘galega’ como é Carmen Fraga para suprimir a esixencia que inicialmente contiña o documento de incluír a orixe do produto na denominación comercial e na etiquetaxe das conservas”.

 

Esta emenda promovida polo PP -e que finalmente aprobou o Parlamento europeo- legaliza unha competencia desleal e vaise converter “nunha auténtica bomba de reloxería para o noso sector marisqueiro”, afirmou Ana Pontón. “Non é de recibo que o PP nas institucións europeas actúe en beneficio das grandes transnacionais e doutros países á vez que  prexudica os intereses de Galicia”, engadiu.

 

“Isto vai ser unha fraude á persoa consumidora e ás persoas traballadoras do mar no caso de Galicia”, sinalou, “as persoas consumidoras teñen dereito a saberen cal é a orixe dos produtos que mercan e nós tamén cremos que os produtos galegos recoñecidos internacionalmente pola súa calidade teñen un plus á hora de comercializalos”. “A eliminación destes requisitos vai favorecer que se acrecenten prácticas de produto importado como se fose proveniente das rías galegas e iso é unha competencia desleal”, dixo a candidata nacionalista.

 

Para o BNG, é necesario facerlle fronte a esta normativa pendente de aprobación  e vai defender a inclusión obrigatoria da procedencia do produto, así como tamén a súa denominación comercial, na etiquetaxe das conservas e transformados do peixe e do marisco .

 

Pola súa parte, Dores Torrado explicou que a comarca do Barbanza é altamente dependente dos produtos do mar, tanto da pesca, do marisqueo, mexilloeiro e acuicultura e, por iso anunciou que o BNG “vai rexistrar iniciativas que reforzan este traballo nos parlamentos galego e europeo”.

 

Así, explicou que se van reunir coas confrarías da comarca, co sector mexilloeiro e persoas afectadas polo tema, en paralelo a un traballo institucional no que todos os grupos municipais van presentar mocións nos concellos  do Barbanza en defensa do sector pesqueiro afectado por esta problemática.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

26.9.12

Ribeira: este xoves 27, manifestación contra os recortes na sanidade pública

Manifa_ribeira

Ribeira, 26 de setembro de 2012. Mañá, xoves 27 de setembro, en Ribeira, ás 20.00 no centro de saúde, sairá unha manifestación en contra dos recortes na sanidade pública. "ESPERÁMOSVOS A TODOS E TODAS", sinalan dende a entidade convocante, a Plataforma en defensa da sanidade pública de Barbanza.

Antes, en Certo:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Muros: as edís nacionalistas sinalan que a alcaldesa pretende confundir aos veciños sobre o edificio Sertaches

Moción lei de costas.doc Download this file

  • As edís nacionalistas tamén presentaron unha moción para que se modifique a Lei de Costas que tanto afecta a este concello

Edificio Sertaches en Esteiro Muros-Foto- Inmobiliaria Faro

Edificio Sertaches, en Esteiro, Muros-Foto- Inmobiliaria Faro. Quere saber o que pasa co edificio Sertaches? En 27TV emitiron isto.

Muros, 26 de setembro de 2012. Segundo informan nunha nota de prensa, as edís de Compromiso por Galicia en Muros sinalan que "ante as manifestacións públicas feitas pola alcaldesa de Muros nas que culpa á oposición de ser un atranco para a execución da sentencia que obriga á demolición da 3ª planta e baixo cuberta do edificio Sertaches, por impedir cos votos en contra a consecución dun acordo plenario, os concelleiros nacionalistas queren deixar claro que ese acordo plenario ao que se refire a alcaldesa, e que efectivamente contou cos votos en contra dos nacionalistas, consistía nunha proposta de licitación das obras de demolición cando menos irregular, non era "cumprimos a sentencia ou non a cumprimos".

Aseguran que "esa licitación é competencia da alcaldesa ou da Xunta de goberno local, non necesita a aprobación do pleno, pero por se iso fora pouco, a alcaldesa levou a pleno a proposta de licitación cun PROXECTO SEN REMATAR E SEN APROBAR e que non contaba con partida orzamentaria (como ela mesma recoñeceu na sesión plenaria), en cambio si contaba cun informe DESFAVORABLE de Secretaría e OUTRO DESFAVORABLE de Intervención. Por que o trouxo ao pleno sen ser necesario? Porque non tiña o que tiña que ter? Quería que aprobáramos algo a sabendas de que non cumpría cos requisitos necesarios?".

Os concelleiros nacionalistas sinalan que é un asunto complexo "pero a alcaldesa ten que asumir as responsabilidades que conleva o cargo. Ou que cumpra a sentencia ou que intente camiñar cara á legalización, pero que  deixe de confundir á cidadanía e intentar eludir as súas responsabilidades botándoas enriba da oposición".

Moción íntegra sobre a Lei de Costas


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: denuncian dende o equipo de goberno os recortes en axuda á discapacidade por parte da Xunta

  • A concelleira de Servizos Sociais do Concello de Noia e membro do grupo municipal do BNG, Sofía Caamaño Lado, acusa á administración do goberno Feijóo "de desentenderse da atención aos nenos e nenas con discapacidade, ao diminuír en 35.000 euros a axuda, que agora está a custear o Concello"


Sofía Caamaño

Noia, 26 de setembro de 2012. Sofía Caamaño acusa á administración autonómica de desentenderse da atención aos nenos e nenas con discapacidade. Segundo informou hoxe, "este ano a Xunta de Galicia eliminou na súa totalidade a subvención ao servizo municipal do STAND, Servizo de Tratamento a Nen@s Discapacitad@s. O que supón unha diminución de 35.000,00 euros. A totalidade do servizo municipal ten custe de 170 mil euros que nestes momentos está asumindo o Concello de Noia, coa agravante de que máis da metade dos nenos non son do Concello de Noia e o resto de concellos non aporta nada".

Caamaño Lado confirma que se está negociando coa Deputación de A Coruña unha solución para que colabore a cubrir o "burato" económico creado pola eliminación de axudas por parte da Xunta de Galicia, "pero nestes intres non hai nada pechado. Ademais, a Deputación non quere cubrilo na totalidade do que o diminuiu a Xunta de Galicia".

ERE en A Misela, tamén polos recortes da Xunta

A rebaixa de axudas por parte da Xunta provocou que a asociación A Misela (na que se integran pais de nenos con discapacidade) teña que facer un ERE para manterse en funcionamento. Pola súa parte, ademais dos 170 mil euros do servizo municipal do STAND o Concello de Noia, especificou a concelleira noiesa, "si mantén as axudas a esta asociación, aportando unha subvención de 4.000 euros anuais, ademais de asumir outros custes como o gasto de ximnasio por 2.582 euros anuais".

Sofia Caamaño afirma que o Concello de Noia manterá nas mesmas condicións o servizo: "en ningún caso se reducirá a atención, nin en horas nin en número de nenos. Grazas á estabilidade económica do Concello podemos e debemos continuar atendendo a nenos e nenas con discapacidade, e que a pesar da diminución das axudas da Xunta e da falla de colaboración doutros concellos os nenos non verán afectada a súa atención, sexan do concello que sexan".

"Feijóo leva a Galicia a unha situación insostible"

Xa en ton máis de precampaña, na cal nos atopamos, a concelleira nacionalista critica a "absoluta irresponsabilidade do goberno do PP da Xunta de Galicia que sempre recorta nos máis febles, desentendéndose completamente dos servizos de atención a nenos con discapacidade, o que amosa a súa falla de sensibilidade e a súa incapacidade económica para dar resposta aos problemas da cidadanía. O goberno da Xunta amósase incapaz de facer fronte económica ás necesidades da xente, o endebedamento do goberno de Feijóo na Xunta está levando a Galicia a unha situación insostible, como demostra o feito de que non sexa capaz nin de axudar aos servizos de atención a discapacitados".




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este domingo 30, Monólogos do Serán, con Carlos Meixide

  • Ás 19 horas na praza de Compostela

Ribeira, 26 de setembro de 2012.- Santa Uxía foi a cidade elixida pola Secretaría Xeral de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia para pechar os seus Monólogos de Serán: unha actividade da Rede de Dinamización Linguística, á cal está adherida como membro fundador o Concello de Ribeira.

Para falar dos detalles desta actuación compareceron no Consistorio local o secretario xeral de Normalización Lingüística, Valentín García, e o tenente de alcalde do Concello Juan Luis Martínez, ademais da responsable municipal de Normalización Lingüística, Alicia Padín, e Concha Diéguez no nome da empresa encargada da xestión deste programa (Reverso Comunicación).

A de Ribeira será a última das nove sesións ofrecidas pola Secretaría co obxectivo de promover o uso do galego e incentivar o seu emprego como ferramenta de creación artística. A actividade terá lugar na praza de Compostela -na zona do bar Praza e Museo Municipal- o vindeiro domingo 30 de setembro, ás 19 horas, da man do monologuista Carlos Meixide. Ao longo de 50 minutos, este asegurará a diversión en familia co seu humor e unha retranca inequivocamente galega, hibridizada con curiosidades e anécdotas da vida cotiá. O acceso é libre e gratuíto para todos os públicos.

Carlos Meixide é un xornalista e escritor polifacético que mesmo ten traballado como director, guionista e presentador en diversos programas de entretemento da Televisión de Galicia, canle na que se puido ver como actor en series como Un mundo de historias ou Pepe o Inglés. Tal e como se encargou de lembrar o edil Juan Luis Martínez, Carlos Meixide é quen de recitar por orde alfabética todos os concellos da comunidade galega.

Antes de recalaren en Santa Uxía, estes Monólogos de Serán xa se desenvolveron durante o mes de setembro nas localidades de Ponteceso, O Grove, Castrelo de Miño, Foz, Burela, Ribadeo, Monforte de Lemos e Cangas.

Tamén en Certo lle damos pulo ao galego. Participa:


Certame fotográfico: ata o sábado 29 para enviar as fotos de "Móllate polo galego". Mira os premios e como foi a xornada en Tanxil!




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

25.9.12

Rianxo: quedan catro charlas sobre saúde en colaboración coa Cruz Vermella de Boiro

Charlas_rianxo

  • A deste venres 28 vai sobre o coidado do lombo

O charla sobre coidar o lombo, a cargo dun reumatólogo este venres

Rianxo, 25 de setembro de 2012. A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Rianxo, en colaboración coa Asemblea Local de Cruz Vermella de Boiro, organiza un ciclo de charlas de saúde dentro do programa "Hábitos de Vida Saudables", dirixidas a toda a poboación.

As temáticas e as datas serán as seguintes:

  • “Coida a túa espalda” (venres, 28/09/2012)

  • “Durme ben” (venres, 05/10/2012)

  • “Coida a túa alimentación” .“Actividade fisica” (xoves, 11/10/2012)

  • “Accidentes no fogar” (xoves, 18/10/2012)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical