27.9.12

Consumo: o Bng denuncia o "silencio cómplice de Feijóo" co intento do PP de suprimir a orixe nas etiquetas das conservas

  • A nacionalista Ana Pontón sinala que “non é de recibo que o PP nas institucións europeas actúe en beneficio das grandes transnacionais e doutros países á vez que prexudica os intereses de Galicia”


 

Barbanza, 26 de setembro de 2012.- O BNG do Barbanza convocou onte unha rolda de prensa para presentar as iniciativas que impulsará sobre a necesidade de incluír a orixe do produto na etiquetaxe das conservas pesqueiras. A candidata do BNG Ana Pontón denunciou “o silencio cómplice” de Feijóo co intento do PP de eliminar a orixe na etiquetaxe das conservas que, nun momento de crise como o actual, vai supor un novo golpe para un sector estratéxico para Galicia.

 

Na rolda de prensa compareceron, ademais de Ana Pontón, o responsábel comarcal Xosé Lois Piñeiro; Dominga Brión, responsábel comarcal da área de Pesca, e Dores Torrado, candidata número 6 ao Parlamento galego e concelleira en Boiro. Despois mantiveron un encontro en Boiro con representantes das confrarías e do sector mexilloeiro para expor as iniciativas do BNG.

 

Ana Pontón explicou que o novo marco regulador europeo para os produtos da pesca e da acuicultura non tivo o apoio do BNG porque “vai ser lesivo para os intereses do sector pesqueiro e marisqueiro e, singularmente, no caso mexilloeiro pode ter un impacto moi negativo derivado da aprobación dunha emenda introducida polo PP a través dunha deputada ‘galega’ como é Carmen Fraga para suprimir a esixencia que inicialmente contiña o documento de incluír a orixe do produto na denominación comercial e na etiquetaxe das conservas”.

 

Esta emenda promovida polo PP -e que finalmente aprobou o Parlamento europeo- legaliza unha competencia desleal e vaise converter “nunha auténtica bomba de reloxería para o noso sector marisqueiro”, afirmou Ana Pontón. “Non é de recibo que o PP nas institucións europeas actúe en beneficio das grandes transnacionais e doutros países á vez que  prexudica os intereses de Galicia”, engadiu.

 

“Isto vai ser unha fraude á persoa consumidora e ás persoas traballadoras do mar no caso de Galicia”, sinalou, “as persoas consumidoras teñen dereito a saberen cal é a orixe dos produtos que mercan e nós tamén cremos que os produtos galegos recoñecidos internacionalmente pola súa calidade teñen un plus á hora de comercializalos”. “A eliminación destes requisitos vai favorecer que se acrecenten prácticas de produto importado como se fose proveniente das rías galegas e iso é unha competencia desleal”, dixo a candidata nacionalista.

 

Para o BNG, é necesario facerlle fronte a esta normativa pendente de aprobación  e vai defender a inclusión obrigatoria da procedencia do produto, así como tamén a súa denominación comercial, na etiquetaxe das conservas e transformados do peixe e do marisco .

 

Pola súa parte, Dores Torrado explicou que a comarca do Barbanza é altamente dependente dos produtos do mar, tanto da pesca, do marisqueo, mexilloeiro e acuicultura e, por iso anunciou que o BNG “vai rexistrar iniciativas que reforzan este traballo nos parlamentos galego e europeo”.

 

Así, explicou que se van reunir coas confrarías da comarca, co sector mexilloeiro e persoas afectadas polo tema, en paralelo a un traballo institucional no que todos os grupos municipais van presentar mocións nos concellos  do Barbanza en defensa do sector pesqueiro afectado por esta problemática.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical