14.10.10

Política: o PSdeG-PSOE pide responsabilidades políticas polas irregularidades nas oposicións do Sergas que confirmou o Valedor do Pobo

O Portavoz da área institucional do Grupo Socialista díxolle á Conselleira de Facenda que “ou cesa ao director xeral da función pública ou senón será vostede a responsable directa das irregularidades nas oposicións”

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2010. O portavoz da Área Institucional Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, José Manuel Lage Tuñas defendeu hoxe no Parlamento de Galicia unha interpelación sobre a situación da función pública de Galicia e as constantes anomalías e irregularidades existentes en diferentes procesos selectivos de acceso ao emprego público.

O Viceportavoz do Grupo Socialista tamén denunciou a “paralización da toma de posesión de centos de opositores que están nas súas casas agardando a que o goberno galego os chame para outorgarlle as prazas de funcionarios que gañaron fai meses”.

Lage Tuñas propuxo “que se outorgue as prazas de funcionarios aos opositores que aprobaron fai meses e están na casa agardando a ser nomeados. Pedímoslle que os nomeen á maior brevidade posible”.

O Portavoz da área institucional do Grupo Socialista díxolle á Conselleira de Facenda que “ou cesa ao director xeral da función pública ou senón será vostede a responsable directa das irregularidades nas oposicións”. “Tanto Rueda, como Farjas, como a conselleira de Facenda negaron a existencia de irregularidades nas oposicións do SERGAS, agora só que se poñan de acordo entre eles para saber quen ten que levalas, quen vai asumir a responsabilidade política das irregularidades do SERGAS", enfatizou o deputado. LageTuñas considera necesario que “se poña fin á neglixente xestión dos procesos selectivos da Xunta de Galicia porque é moi grave a confirmación de que se rompeu a igualdade de oportunidades, non houbo imparcialidade nin garantías nos procesos selectivos do SERGAS”

"Seis meses despois constátase que as nosas denuncias estaban fundamentadas. A miragre do Sergas non era tal, senón que o Valedor do Pobo constatou que sí houbo persoas que tiveron situación ventaxosas con respecto ao resto dos opositores.O propio Valedor constata que é improbable a existencia dunha grande casualidade”, engadiu. Lage recorda que “o único que se sabe é que familiares directos dunha alto cargo da Xunta e traballadores da Dirección Xeral de Recursos Humanos do SERGAS obtiveron as mellores puntuacións entre máis de 7.500 persoas e agora constatase que houbo irregularidades nestas oposicións". "O goberno galego acusounos de xerar alarma entre os opositores, e agora que se constatan pediremos que se asuman responsabilidades políticas porque estamos diante dun caso moi grave", asegura Lage, quen asegura que "o Valedor do Pobo vén de facer pública a constatación da existencia de irregularidades nas probas do SERGAS denunciadas por este grupo parlamentario e o feito de que se inste a separar dos procesos selectivos a determinadas persoas que conforman os tribunais de selección das probas denunciadas incide nas denuncias que levamos facendo ao longo dos últimos meses."

"Chove sobre mollado, xa que en Galicia hai milleiros de opositores que están indignados polas graves irregularidades que se veñen de producir de forma continuada nos procesos selectivos de acceso á función pública convocados pola Xunta de Galicia, unha constante dende a chegada do Partido Popular ao goberno de Galicia da man de Alberto Núñez Feijóo", afirma Lage, quen di que despois do cese de dúas sudirectoras xerais nas consellerías de Facenda e na de Sanidade a raíz das denuncias "que fomos formulando ao longo dos últimos meses, é hora de que o goberno galego asuma responsabilidades políticas despois de que o Valedor do Pobo veña de facer pública a constatación da existencia de irregularidades nas probas do SERGAS denunciadas por este grupo parlamentario."

"No caso das oposicións do SERGAS démoslle voz ás denuncias que alertaban de serias sospeitas de irregularidades nos procesos selectivos, tendo o seu epicentro as mesmas na Dirección Xeral de Recursos Humanos do SERGAS e sendo coñecedor das mesmas o Director Xeral da Función Pública da Xunta de Galicia", finalizou o deputado outiense.

Onte publicamos:


Política: o Valedor do Pobo insta á Xunta a atallar as irregularidades nas oposicións que denunciara Lage

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a asociación de veciños de Carreira organiza unha viaxe cultural a Ribadavia este sábado 16


O casco vello de Ribadavia coa sinagoga e o barrio xudeu son impresionantes

Ribeira, 14 de outubro de 2010. A asociación de veciños de Carreira organiza unha nova viaxe cultural, desta volta á localidade ourensana de Ribadavia. O custo é de 26 euros, que inclúe a viaxe en bus e a comida en restaurante. Visitarase Ribadavia, co seu barrio xudeu e o Mosteiro de Oseira, ambos con guía. Tamén se parará para mercar pan de Cea.

Sáese ás 9 da mañá da capela da Guía, en Carreira. Os interesados poden anotarse ata o venres pola tarde noite. Chamen ao 630 854 492

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: xa está na Rede, e máis cedo que tarde na rúa, un novo número de "O Ronsel", do Bng local

Dodro: charla sobre saúde mental, este venres 15 de outubro en Laíño

Dodro, 14 de outubro de 2010. O Concello de Dodro celebra, cinco días despois, o Día Mundial da Saúde Mental (que foi o pasado domingo 10 de outubro) cunha charla informativa dirixida a familiares de persoas con algún problema de saúde mental e a todas as persoas interesadas o próximo VENRES 15 DE OUTUBRO ÁS SETE DA TARDE NO CENTRO DE DIA de Laiño.
“Para conseguir o benestar necesitamos coidar a saúde en xeral, e colaborar coas iniciativas sociais xurdidas. Esta é unha das prioridades da Concellería de Igualdade e Benestar. Neste caso temos ocasión de cumprir os dous obxetivos”, explican dende o goberno de Dodro. 

Nova asociación e nova prestación

Nesta ocasión a concellería inicia a colaboración cunha asociación de recente creación, chamada "Andaina pro Saúde Mental", que pretende traballar pola integración social e laboral das persoas que padecen trastornos mentais nesta bisbarra, onde ata o de agora hai un baleiro total de recursos deste tipo. Este mesmo venres, 15 de outubro, Concello de Dodro e asociación asinarán un convenio de colaboración, tralo cal o persoal especializado da asociación comezará a prestar atención personalizada e actividades ocupacionais nas dependencias municipais do centro de día de Dodro, todos os martes de once da mañá a unha da tarde.


---------- Forwarded message ----------
From: vitoria rei mariño <reboiras32@yahoo.es>
Date: 2010/10/14
Subject: pola saúde mental en Dodro
To: Anxo Franco <xeloalves@gmail.com>


 
AGRADECEMOS A SÚA DIFUSIÓN.
 
SAÚDOS!

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

13.10.10

Boiro: "Fomento de hábitos de vida saudables na terceira idade" xa admite inscricións. Prazas limitadas

Boiro, 13 de outubro de 2010. O departamento de Servizos Sociais do Concello de Boiro organizará no vindeiro trimestre do ano que andamos, un proxecto denominado “Fomento de hábitos de vida saudables na terceira idade”. O número de prazas é limitado, mais a participación no programa é de balde.
As actividades fundamentais versarán sobre catro temáticas:

  1. Saúde
  2. Alimentación
  3. Exercicio Físico
  4. Ocio e tempo libre
Ademáis, realizaranse excursións á Illa de Arousa, Castros de Baroña e outros lugares de interese, sempre enmarcadas baixo charlas formativas sobre aspectos varios; nutrición, elaboración de receitas tradicionais saudables, xogos e actividade física.

Todas aquelas persoas xubiladas interesadas en participar deberán inscribirse en Servizos Sociais do Concello de Boiro (2º andar), no teléfono 981 844 800 Ext. 256/257 ou a través do seguinte email: s.sociais@boiro.org

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: concerto de Comando Robalisa e Inllorfeis o sábado 23 de outubro


Inllorfeis nunha das súas actuacións

Porto do Son, 13 de outubro de 2010. O vindeiro 23 de outubro a música atronará o Chiringo de Fonfo, o que era a antiga sala Ardora, por onde tantos grupos de Barbanza pasaron e se fixeron adultos. Os ribeirenses Inllorfeis fan un paréntese na gravación do seu segundo traballo e darán un concerto acompañados polo grupo local Comando Robalisa.

Os Inllorfeis tiran para a súa casa (como debe ser) e din no Facebook que non vos perdades "a oportunidade de disfrutar do último concerto do ano por esta zona". Á parte do habitual repertorio prometen tocar algunha das novas cancións que sairán co seu segundo álbum.

O dito, non faltedes!

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Outes: IV Muiñada para exaltar o Patrimonio cultural, do 15 ao 17 de outubro


Francisco Añón, poeta outiense, será obxecto de varias charlas e un roteiro

Programa completo:

IV MUIÑADA

XORNADAS DE EXALTACIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL


      VENRES, 15 outubro

            19 h. : Inauguración das xornadas

            19.30 h: Proxección do DOCUMENTAL Encontro de embarcacións tradicionais de Galicia

            20 h.: CHARLA: O IX Encontro de embarcacións tradicionais celebrado en Muros no 2009. Por Manuel G. Sendón, organizador do evento.

            21 h.: CONFERENCIA: A Ría do poeta Francisco Añón, por Xoán X. Mariño, historiador e escritor

      SÁBADO, 16  outubro

            11 h: VISITA AO ASTELEIRO tradicional de Abeijón hermanos (O Freixo-Outes)

            12.00 h.: CONFERENCIA: A carpintería de ribeira e os asteleiros no concello de Outes, por Xoán F. García, investigador e escritor.

            17 h.: LECTURA DE POEMAS de Añón, por parte dos alumnos do IES Poeta Añón de Outes.

Ramón Blanco, a quen poden ver neste vídeo

            19 h.: CONFERENCIA: Francisco Añón poesía e libertade, por Ramón Blanco, escritor e profesor

      DOMINGO, 17 outubro

            11.00 h.: ROTEIRO LITERARIO Polas terras de Añón, coa guía de Ramón Blanco, escritor e profesor.

            12 h.: CONFERENCIA: A poesía amorosa de Añón: os epitalamios. Por Manolo do Río, profesor e escritor.

            13 h: PRESENTACIÓN DA REVISTA “Terra de Outes”

            13.30 h.:  CLAUSURA

      LUNS, 1 novembro

            19 h.: Inauguración da EXPOSICIÓN DE FOTOS ANTIGAS de Outes, recollidas polos alumnos do IES Poeta Añón.

Quen era Francisco Añón? Nas charlas enteraraste de máis, pero namentres, Galipedia

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: excepcións na tempada de caza que comeza este domingo 17 de outubro

Comeza a tempada de caza

outubro 11th 2010 by| the_author anxos en De interese

Período hábil para a caza o comprendido entre os días 17 de outubro de 2010 e o 6 de xaneiro de 2011, ambos inclusive, na Comunidade Autónoma de Galicia, coas excepcións que para cada especie se sinalan no título V da Orde do 24 de xuño de 2010 pola que se determinan as épocas hábiles de caza durante a tempada 2010-2011

.

No que respecta á nosa parroquia:

Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na zona costeira occidental atlántica do termo municipal de Porto do Son. A delimitación desta zona denominada lagoas de Xuño e San Pedro de Muro é a seguinte: río Sieira desde a súa desenbocadura no océano Atlántico, río arriba, ata a estrada de Noia a Santa Uxía de Ribeira (km 52,3). Desde este punto ata a encrucillada da estrada de Seráns, pasando por San Pedro de Muro, ata a antiga fábrica de tella. Desde aquí seguindo o camiño que chega ata a punta do cabo Teira séguese pola liña de costa ata a desembocadura do río Sieira.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lingua galega: un DVD didáctico sobre Uxío Novoneyra, xa en todos os centros de secundaria

Titúlase “En prol dun verso: Uxío Novoneyra”, unha ferramenta didáctica promovida pola Xunta de Galicia para achegarlle o poeta do Courel ao alumnado de educación secundaria


Barbanza-Noia, 13 de outubro de 2010.- O escritor Uxío Novoneyra chega aos centros educativos a través do DVD "En prol dun verso: Uxío Novoneyra", que busca achegarlles ao alumnado a figura e a obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2010.  Os centros de ensino de Galicia que imparten educación secundaria xa dispoñen dun exemplar deste material, que tamén conta cunha unidade didáctica para traballar os contidos do vídeo.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura promoveron esta obra como derradeira homenaxe a Uxío Novoneyra no 2010, ano que a Real Academia Galega lle dedica ao escritor.

Recitais de Novoneyra e do alumnado do Courel
O DVD recolle imaxes de Uxío Novoneyra no Courel recitando os seus propios poemas, unha oralidade única que engarza a memoria do poeta co futuro, representado polos rapaces e rapazas da escola Seoane do Courel, que acompañan o autor no recital dos seus versos.

O vídeo tamén intercala os testemuños e a análise literaria dos escritores Manuel Forcadela e Marica Campo, da crítica Dolores Vilavedra e do amigo e membro do grupo Brais Pinto Herminio Barreiro.

Unha ferramenta didáctica para o profesorado
Ademais, o DVD acompáñase dunha unidade didáctica para afondar na figura e na obra do autor a partir do vídeo, dirixida, principalmente, ao alumnado de secundaria (ESO e bacharelato). As actividades que se propoñen neste material son orientativas, no sentido de que se entenden como suxestións ou ideas que o profesorado poderá seleccionar, adaptar e/ou completar para axustarse á realidade do seu centro e da súa aula.

Dada a importancia de Uxío Novoneyra na literatura galega do século XX, a Xunta de Galicia promoveu a elaboración deste material non só coa pretensión de sumarse ás homenaxes no ano dedicado ao autor, senón tamén coa de ser empregado en próximos cursos para achegar o alumnado á obra do poeta do Courel.

Á parte do bloque de literatura, os obxectivos perseguidos con esta unidade abranguen outros aspectos do currículo, como por exemplo os relacionados coas destrezas comunicativas orais e escritas en lingua galega.

Web de referencia:
http://uxionovoneyra.com
Web de referencia para o vindeiro ano:
http://loispereiro.com

Relacionada:


Lousame: Alumnos do "Cernadas Castro" recitan a Novoneyra

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: o Valedor do Pobo insta á Xunta a que atalle as claras irregularidades das oposicións do Sergas

O alto comisionado parlamentario, Benigno López González, dirixiu con data de hoxe a súa resolución á Consellería de Sanidade despois de constatar, por medio dos informes da inspección, incumprimentos e irregularidades en procesos selectivos do Sergas.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2010.O Valedor do Pobo, Benigno López González, entregou con data de hoxe á Consellería de Sanidade o seu escrito de resolución (achégase íntegro en .pdf) pola investigación aberta o pasado mes de maio sobre presuntas irregularidades rexistradas en oposicións do Sergas. Nel resúmense as actuacións emprendidas desde a institución para aclarar o sucedido e dáse conta dos sucesivos informes remitidos desde a administración. Como colofón, inclúe unha recomendación, que se reproduce a continuación, tras constatar a inspección algúns incumprimentos:

-Que, á vista dos incumprimentos e irregularidades nos procesos selectivos do SERGAS obxecto da presente queixa, constatados a través da inspección realizada pola Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e dos que se da detallada conta no informe correspondente elaborado por ese órgano, con urxencia se proceda a dar efectividade a todas as indicacións do referido informe. En concreto debera resolverse:

-A separación dos actuais procesos selectivos das persoas que forman parte dos tribunais e que deberan terse abstido de formar parte deles.

-A realización dunha avaliación estatística para comprobar ata que punto atopámonos ante unha casualidade moi improbable, de acordo co parámetro de comportamento dos concorrentes nas diferentes categorías.

-E a profunda revisión dos procedementos selectivos que inclúa a definición dun protocolo preciso de actuación que garanta a confidencialidade do proceso, as funcións e responsabilidades dos membros dos tribunais, concretando con nitidez as actuacións que en cada fase teñen que realizar, e a participación que, no seu caso, deba de ter o persoal da Dirección Xeral de Recursos Humanos do SERGAS encargado da organización dos procesos selectivos, asegurando en todo caso a designación formal deste persoal ben como membros dos tribunais, ben como persoal colaborador dos mesmos.

Finalmente deberan realizarse informes da DXARA para cada un dos tribunais nos que se valoren adecuadamente as eventuais responsabilidades dos opositores implicados, de acordo co xa concluído no informe de inspección, de tal forma que os tribunais podan coñecer con detalle as irregularidades individuais e decidan sobre as consecuencias que as mesmas podan ter para eses opositores implicados".

O Valedor do Pobo deu tamén traslado do escrito aos tres representantes do grupo socialista no Parlamento de Galicia,  promotores da queixa.

Vía http://www.valedordopobo.com

Antes publicamos, sobre este asunto, todo isto.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical