Boiro, 25 de febreiro de 2010. O Alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, acompañado pola Concelleira de Xuventude, Dores Torrado, asinou está mañá un convenio coa Fundación de Estudios e Análise (FESAN), para a realización dun curso de monitor de tempo libre no Concello de Boiro, homologado pola Xunta de Galicia. No convenio estableceuse como responsable da cesión de instalacións públicas e supervisión da execución ao Concello de Boiro, que desenvolverá o curso no Centro Social de Boiro, mentres que a Fundación FESAN será a responsable da xestión do curso (impartición, matriculación, etc.)
O curso de monitor de tempo libre está destinado a mozos de entre 18 e 30 anos, cun máximo de 25 participantes por curso, e consta de dúas partes: unha teórica de 250 horas e outra práctica de 150 horas. A parte teórica consta de sesións de 10 horas (xornada intensiva en fin de semana, sábado en horario de mañá e tarde), e a duración das prácticas será de 150 horas. Nesta parte práctica é onde o curso aposta por unha iniciativa innovadora proposta conxunta da Concellería de Mocidade e Medio Ambiente do Concello, pois os participantes poderán realizar as prácticas nun proxecto innovador denominado Campo de Traballo Urbano, que desenvolverá varias liñas de actuación, co obxectivo de promover a participación cidadá na mellora ambiental e desenvolvemento local.
As accións de traballo práctico serán as seguintes:
- Dinamización dunha patrulla ambiental no Medio Urbano.
- Exposición de fotografía de sensibilización ambiental, “Un antes e un despois”.
- Accións puntuais no casco urbano; paliar as consecuencias do “botellón”; “Macrolimpadón”.
- Accións puntuais no casco urbano; mellora de accesibilidade no Concello.
Estas liñas de actuación pretenden a promoción do emprego e apoio a empresas locais, ofertar unha formación sociocultural e do tempo libre e potenciar novas fontes de emprego para a xuventude. A duración do curso é de 20 semanas e o prezo por matrícula de 250 €, podendo realizarse o pagamento fraccionado da seguinte maneira: 100 € e tres pagos de 50 € cada mes.
O curso de monitor de tempo libre dará comezos a finais de marzo, polo que os interesados poderán inscribirse na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Boiro, sita no Centro Social, ou na sede da Fundación FESAN en Santiago de Compostela, ou nos teléfonos 981522426 / 981842635.
Na presentación, a concelleira de Xuventude, Dores Torrado Ares, resaltou que esta acción desenvolverase en colaboración co Departamento Municipal de Medio Ambiente, pois parte das prácticas teñen que ver con este ámbito. Pola súa banda, o Alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, manifestou que este tipo de formación “non só é boa para prepararse de cara a acceder ao mercado laboral, senón que, na súa parte práctica, contribúen á convivencia e a mellorar o medio no que vivimos”.
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario