Concurso de debuxo e lemas para escolares de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de Secundaria de todos os centros educativos galegos
O prazo de presentación dos debuxos e lemas rematará o vindeiro 30 de abril
(vía Xunta.es) Santiago, 20 de febreiro de 2010.- A Consellería de Sanidade xunto coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria organiza a segunda edición do Concurso de debuxo e lemas para escolares relacionado coa doazón e os transplantes neste curso escolar 2009-2010. O obxectivo é achegar esta realidade á poboación escolar galega, de modo que os rapaces sexan capaces de valorar os beneficios para a cidadanía do fomento da doazón de órganos.
Poderán participar neste concurso de debuxo e lemas o alumnado de 5º e 6º de educación primaria, e de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria (ESO) de todos os centros educativos galegos, tanto públicos como privados.
A Oficina de Coordinación de Transplantes (OCT) xa enviou a todos estes centros unha carta informativa na que explica o desenvolvemento do programa. En cada clase, os profesores realizarán unha actividade formativa respecto a doazón e transplante que facilite a creación de ideas e que propicie o desenvolvemento da imaxinación do alumnado á hora de elaborar o debuxo. Neste senso, a OCT facilitará a todos os centros que así o demanden material de apoio para realizar esta actividade didáctica.
Os debuxos cos que se concorre ao concurso –en color, e de técnica e estilo libres- deben tratar a doazón e transplantes e sobre todos os aspectos relacionados con estes; tamén deberán incluír obrigatoriamente unha frase ou lema relacionado co fomento da doazón. Cada centro educativo que desexe participar presentará unha selección de ata cinco debuxos e lemas por cada clase participantes, pola súa banda, cada rapaz só poderá presentar un traballo.
O prazo de presentación das obras rematará o vindeiro 30 de abril. Toda a información detallada sobre o concurso pode atoparse na páxina www.sergas.es
http://farm3.static.flickr.com/2683/4372049693_66740a6a28.jpg
Premios para os mellores traballos
O concurso establece dúas categorías, unha para escolares de Primaria e outra para escolares de Secundaria, con dous premios para cada unha delas.
Os primeiros premios de cada categoría consistirán nun vale para o centro docente por valor de 1.000 euros para a adquisición de material escolar, e nun ordenador portátil para o alumno autor da obra e para o profesor que titoriza o traballo.
Os segundos premios consisten nun vale para o centro docente por valor de 750 euros para a adquisición de material escolar, e nunha cámara de fotos dixital para o alumno autor da obra e para o profesor que titoriza o traballo.
Para a concesión dos premios, o xurado valorará que os traballos incidan na promoción e fomenta da doazón ou os transplantes nos debuxos e nos lemas; así como a calidade, cantidade e utilidade da información que ofrece.
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario