15.2.10

Porto do Son: piden que as instalacións de Salvamento Marítimo no Enxa tamén se aproveiten para loitar contra o narcotráfico

 
Monte Enxa dende Noia

Porto do Son, 15 febreiro de 2010 .- A parlamentaria do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, ven de presentar dúas iniciativa nas que lles demanda ao Goberno que o dispositivo de Salvamento Marítimo en Monte Enxa, Porto do Son, que cubre toda a costa galega, tamén se utilice para a loita contra o narcotráfico.

Olaia Fernández Davila advirte de que “as últimas actuacións do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galiza constatan un incremento do narcotráfico nas costas galegas nos últimos anos”.  Neste sentido, a deputada do BNG considera que “sería necesario incrementar os medios para a loita contra o tráfico de drogas nas costas galegas, dotándoas dun Sistema Integrado de Vixilancia Exterior (SIVE), similar ao que actualmente vixía as costas andaluzas ou canarias para controlar a inmigración ilegal ou o tráfico de estupefacientes”.

Sen embargo, Davila lembra que en Galiza existe un Centro Zonal de Coordinación de Salvamento Marítimo no monte Enxa (Porto do Son), dependente do Ministerio de Fomento, “que cubre case toda a costa galega, dende cabo Silleiro até Estaca de Bares, e conta con medios de alta tecnoloxía e sofisticación que actualmente son dos máis modernos do mundo no control do tráfico marítimo”.


Monte Enxa dende Lousame

“Estes medios do monte Enxa –subliña- son análogos aos do SIVE e permitirían detectar a longa distancia embarcacións que se aproximen ás nosas costas, identificar o tipo de embarcacións e tripulantes co fin de comprobar a posíbel actuación ilegal dos mesmos e coordinar o seguimento da embarcacións, utilizando para elo os medios marítimos, terrestres e aéreos dos que dispón o SVA en Galiza”.

Deste xeito, a deputada do BNG demanda a través das súas iniciativas no Congreso dos Deputados “a necesidade de que o Servizo de Vixilancia Aduaneira, dependente da Axencia Tributaria, e Salvamento Marítimo, dependente de Fomento, asinen un convenio para que os medios do Centro Zonal de Coordinación de Salvamento Marítimo situados no monte Enxa poidan ser utilizados tamén para a loita contra o narcotráfico”.
 
Por último, Olaia Fernández Davila salienta que “os funcionarios do Servizo de Vixilancia Aduaneira poderían asumir perfectamente estas funcións e, ao mesmo tempo, e dado que xa existen convenios asinados entre o Ministerio de Fomento e a Axencia Tributaria para a colaboración na busca e salvamento de náufragos, aumentaría a coordinación entre estes dous organismos no salvamento marítimo”.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical