Rianxo, 4 de febreiro de 2010. Segundo o Bng rianxeiro, "700.000 euros orzamentados se viñeron abaixo grazas á intervención do executivo local e agora fan falta por que se agrava a situación no camiño de Tanxil". Para os nacionalistas, "A negociación do PSOE e o BNG para apoiar os orzamentos do Estado do ano 2008 permitiron contar cunha cantidade de 700.000 euros adicionais para realizar amaños de urxencia nese ano que permitisen recuperar na medida do posíbel os cantís do camiño a Tanxil desde Rianxo e na zona Tronco, afectadas por frecuentes derrubes de terra que poñían e poñen en perigo a seguridade dos viandantes. O citado proxecto de orzamentos concretaba, dentro das melloras directamente engadidas, a recuperación deses espazos".
Ademais, engaden que "lonxe de apoiar o seu uso en Rianxo ou aproveitar eses fondos, o Alcalde contestou ao Goberno do Estado que se estaba a realizar un proxecto de senda litoral e que non era necesario recuperar acantilados ningúns. Esa foi a resposta que despois deu o goberno (recollida no Boletín das Cortes do 20 de marzo de 2009) e que impediu materializarse este investimento. A zona segue, á espera de actuacións futuras, nun lamentabel estado, degradándose cada día máis, con constantes caídas de árbores, desprendementos de terra (en todo o tramo e na finca dos Baltar), rotura, caída ou desaparicion dos dos pasamáns e proteccións de troncos, por non mencionar que se usa para tirar restos de podas de xardíns, etc. Iso malia ser o camiño a pé entre a vila de Rianxo e as praias de Quenxo e Tanxil".
O BNG diante do estado actual desa zona, cada vez peor a cada inverno que pasa, úrxelle ao alcalde que tente amañar o que rexeitou facer cos fondos estatais, que se preocupe polas tarefas cotidiáns, anque sexan proxectos pequenos e reclame de novo a actuación rexeitada á Demarcación de Costas, de urxencia, con independencia de se nun futuro se acomete ou non outra actuación maior. "O que está demostrado tamén é que non se da sostido o que se ten hoxe xa aberto de camiño a Tanxil: o executivo rianxeiro é incapaz de facer un mantemento mínimo anual deste camiño costeiro", conclúen.
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario