26.2.10

Ribeira: vinte colectivos estiveron na reunión pola apertura da Casa da Xuventude

 

Ribeira, 26 de febreiro de 2010.- Vinte asociacións radicadas no municipio asistiron na noite de onte á reunión convocada dende as áreas municipais de Xuventude e Deportes con motivo da recente inauguración da Casa de Xuventude local. Entre as mesmas, figuraron colectivos de índole xuvenil, deportivo e cultural, así como ONGs e ANPAs. Ademais das asociacións, tamén acudiron media decena de mesmo mozos e mozas que quixeron estar presentes na cita.

 

Tras realizar un percorrido polas instalacións, o concelleiro de Xuventude, Vicente García, puxo en antecedentes aos asistentes sobre as distintas incidencias que provocaron o retraso na apertura do inmoble, entre as cales se contaron diferentes actos vandálicos ou mesmo a quebra da empresa encargada inicialmente da construción do inmoble.

 

Acto seguido, o edil municipal e o técnico de Xuventude explicaron o obxectivo xeral do encontro, que non era outro que amosarlles a pretensión do Concello de que as instalacións sexan coxestionadas cos propios colectivos, de tal xeito que o inmoble estea a disposición tanto de asociacións como de particulares para que fagan uso conforme as súas inquietudes dos espazos e equipamentos que alberga, sempre dentro dun regulamento e dándolle prioridade en todo caso aos mozos e ás entidades de natureza xuvenil.

 

A continuación abriuse unha quenda de preguntas nas que os edís e técnicos de Xuventude e Deportes tomaron boa nota das suxerencias postas enriba da mesa polos alí presentes, como por exemplo a posibilidade de modificar o uso previsto para algúns espazos para que sirvan de sede de asociacións.

 

O Concello comprometeuse a enviar dentro de quince días unha proposta de regulamento da casa: un documento que servirá de base para que a partir do mesmo se vaia definindo o funcionamento do inmoble conforme aportacións dos interesados. Para a súa elaboración teranse en conta as suxestións recollidas onte, e ademais os mozos e asociacións poden seguir aportando as súas ideas enviando un e-mail a xuventude@riveira.com.

 

A reunión, que dende o Concello se considerou moi frutífera, prolongouse durante algo máis dunha hora.


Antes publicamos:

Convocan o xoves 25 de febreiro a asociacións xuvenís e mozos do Concello

a unha xuntanza para presentar a Casa da Xuventude e escoitar suxestións


Imaxe de arquivo da Casa da Xuventude o día da súa inauguración

    Ribeira, 19 de febreiro de 2010.- A recentemente inaugurada Casa da Xuventude  vai acoller o próximo xoves, día 25 de febreiro, unha xuntanza entre os responsables municipais de Xuventude e Deportes coas distintas asociacións deportivas e xuvenís do municipio para, por unha banda, presentar e amosar aos presentes as novas instalacións e, por outra, escoitar as súas suxestións no obxectivo de dar actividade ao espazo.

   A este respecto, o compromiso do Concello reside en que este sexa un lugar de encontro onde os máis novos aporten as súas ideas e programacións e onde poidan levar a cabo as súas actividades, reunións de traballo ou de amigos, cursos, acceso ás novas tecnoloxías, etc...

   Con tal motivo, o concelleiro de Xuventude, Vicente García Rivas, estase a poñer en contacto cos distintos colectivos para a organización do encontro, que está previsto para as 20 horas do día citado. Non obstante, a xuntanza tamén está aberta a calquera mozo ou moza do concello, con independencia de que pertenza ou non a algunha asociación.

   Para calquera dúbida ou consulta, os interesados poden poñerse en contacto coa Áreas Municipais de Xuventude ou Deportes a través dos correos electrónicos xuventude@riveira.com ou deportes@riveira.com.

   Cabe recordar que a edificación consta de 723 metros cadrados construídos que se distribúen nunha planta soto, unha planta semisoto, unha planta baixa e unha alta. A zona verde exterior abarca unha superficie de 727 metros. O inmoble conta con dous dormitorios con capacidades para 40 mozos e outro adaptado para acoller a aqueles rapaces que teñan algún tipo de discapacidade. Ademais, tamén dispón de lavandería, aula polivalente, cociña, comedor polivalente, e sala para actividades.

Antes publicamos:

A Casa da Xuventude comezará a funcionar como centro de ocio

para os mozos e como albergue  para intercambios culturais


Vicente García, concelleiro de Xuventude, foi amosando as instalacións na inauguración


    Santa Uxía de Riveira, 29 de xaneiro de 2010.- Hoxe quedou inaugurada oficialmente a Casa da Xuventude de Riveira: unha instalación que pretende cumprir a dobre misión, por unha parte, de servir de centro de ocio e de reunión para a mocidade riveirense e, por outra, de albergue para acoller aos mozos e mozas procedentes doutros lugares que participen nalgún tipo de intercambio.

    Con motivo deste acto inaugural, acudiron ao mesmo Antonio Crespo, director xeral de Agader (Asociación Galega de Desenvolvemento Rural), e Guillermo Vergara, xerente da Asociación Deloa, os cales percorreron as instalacións acompañados dos edís municipais Vicente García e Dolores Elorduy, concelleiros de Xuventude e de Obras, respectivamente, ademais de diversos técnicos municipais e responsables da obra.

    A edificación consta de 723 metros cadrados construídos que se distribúen nunha planta soto, unha planta semisoto, unha planta baixa e unha alta. A zona verde exterior abarca unha superficie de 727 metros. Dos 860.000 euros que custou esta actuación, 500.000 foron aportados con fondos Proder.

    As instalacións contan con dous dormitorios con capacidades para 40 mozos e outro adaptado para acoller a aqueles rapaces que teñan algún tipo de discapacidade. Ademais, tamén dispón de lavandería, aula polivalente, cociña, comedor polivalente, e sala para actividades.

    Este completo equipamento permitirá a realización de cursos, obradoiros, charlas e demais encontros formativos. Tamén se favorecerá o encontro lúdico entre distintas xeracións e fomentarase a realización de actividades culturais. Así mesmo, promoverase a lectura ou o acceso das persoas á cultura actual, a través dunha sala de lectura e estudo, equipada con terminais de acceso a Internet. 

    Antonio Crespo manifestou que quedou sorprendido gratamente non só polas instalacións en si, senón tamén por todo o contido que se lle pretende dotar a esta casa. Pola súa parte, Guillermo Vergara resaltou a combinación de novas tecnoloxías e deseño atemporal deste edificio, ao que tan só lles falta “darlle calor” a través dos distintos usos que se pretende proporcionar.

    O edil de Xuventude Vicente García resaltou a dobre natureza como albergue e sede xuvenil da casa e declarou que con independencia de que sexa o Concello o encargado de xestionar a Casa “serán os mozos e mozas do municipio os que digan como queren que funcione e ata onde queren chegar”. Con tal motivo, xa a partir do vindeiro luns estarán traballando nas novas dependencias distintos técnicos municipais co fin de escoitar ás diversas asociacións culturais e entidades deportivas do concello que desexen aportar as súas ideas.

Antes publicamos:

--------------------------------

A Casa da Xuventude inaugúrase o venres 29 de xaneiro

    Ribeira, 27 de xaneiro de 2010. O concelleiro de Cultura de Ribeira, Luciano Fernández, anunciou no último pleno de Ribeira que a Casa da Xuventude entrará por fin en funcionamento este venres 29 de xaneiro, data na que vai ser inaugurada. O acto está programado para as 13 horas.  Acudirán ao mesmo a alcaldesa en funcións de Ribeira, Dolores Elorduy; o director xeral de Agader, Antonio Crespo; o xerente de Deloa, Guillermo Vergara, así como outros edís municipais e integrantes da asociación Deloa.


    O Bng asegura que foi o seu grupo o que conseguiu poñer data de inauguración á Casa da Xuventude, e facer que na súa xestión participe a mocidade ribeirense: no seu blog.

    Logo de continuos adiamentos, esta obra fora recibida o pasado setembro (como figura na información inferior) e ía ser inaugurada no Nadal, pero non puido ser. O proceso, dende a súa planificación, foi, en resumo, así:

     Adxudicación, por 860.000 euros (Proder 500.000 e Vicepresidencia no Bipartito, 360.000). Comezan as obras en outubro de 2005, cun prazo de execución de oito meses. Crebou a firma adxudicataria antes de rematar. Ata 2008, ficaron paradas. En setembro comezan onde quedaran os doutra empresa, ata que en novembro se recepcionaron. Mais aínda non estaba todo ben: houbo filtracións de auga e inundouse. Agora parece estar todo arranxado.

Outras intervencións no pleno

   O Bng reclamou a mellora das liñas eléctricas en Oleiros. Pode lerse a súa versión aquí

Antes publicamos:

O Concello recibiu a Casa da Xuventude, que destaca pola

súa "singularidade", segundo Torres Colomer


Hoxe tivo lugar a recepción oficial da obra cunha visita institucional

    Santa Uxía de Riveira, 4 de setembro de 2009.- O alcalde de Riveira, José Luis Torres Colomer, acompañado do secretario xeral de Agader, Isaías Calvo, do xerente de Deloa, Guillermo Vergara, da concelleira de Obras, Lola Elorduy, e de Hervé Fernández en representación da constructora Ageco, efectuaron esta mañá unha visita institucional á Casa da Xuventude de Riveira, que serve ao mesmo tempo de recepción oficial da obra, situada no barrio de Abesadas.

    A actuación ten un orzamento aproximado de 860.000 euros, dos cales os Fondos Proder aportaron 500.000 euros e a Xunta de Galicia, 330.000.

    O rexedor riveirense destacou a “singularidade e funcionalidade desta instalación, que pretende servir de centro social, laboral, cultural e intelectual para un segmento de poboación importante do municipio como é a súa xuventude”. Entre outros servizos, a Casa da Xuventude servirá de espazo para efectuar reunións, ofrecer cursos de formación ou ter acceso a internet, ao tempo que funcionará tamén como un lugar de intercambio con outros rapaces e rapazas de Galicia, España e outros países.

Todo listo a finais de ano

   As instalacións contan con dous dormitorios con capacidades para 40 mozos e outro adaptado para acoller a aqueles rapaces que teñan algún tipo de discapacidade. Ademais, tamén dispón de lavandería, aula polivalente, cociña, comedor polivalente, e sala para actividades.

   Segundo anunciou o alcalde, os Departamentos de Xuventude e Deportes sitos actualmente no Auditorio Municipal trasladaranse a estas instalacións, que probablemente estarán en pleno funcionamento a finais de ano, unha vez se equipen co correspondente mobiliario e dotación informática.

   Por outra parte, Guillermo Vergara, xerente de Deloa, subliñou que “fronte á cultura individualista que impera hoxe en día entre a xuventude, esta casa vai inspirar entre os seus usuarios a liberdade de movementos e o afán de creatividade acompasada coa tecnoloxía”. Isaías Calvo, secretario xeral de Agader, situou a obra “na vangarda en termos de servizo á xuventude” e mostrou o seu desexo de seguir colaborando co Concello de Riveira en todo tipo de proxectos.


Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical