Administración Local
Provincial
Deputación Provincial da Coruña
Servizo de Fomento e Servizos Provinciais. Sección de Servizos Sociais
Bases I Concurso Viñetas Cómic “A Medias”, en conmemoración do 8 de marzo de 2010, Día das Mulleres Traballadoras
I CONCURSO DE VIÑETAS COMIC “A MEDIAS”
BASES DA I EDICIÓN, ANO 2010
PREÁMBULO:
A sensibilización da sociedade ante a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes é unha responsabilidade de todas/os, e por isto considérase necesario o apoio institucional para alcanzar a igualdade real na nosa sociedade. Co obxecto de xerar unha conciencia reflexiva e fomentar a participación social dos/as adolescentes, a Deputación da Coruña, no marco das actuacións para a conmemoración do 8 de marzo “Día Internacional das Mulleres Traballadoras”, convoca o I Concurso de viñetas baixo o título “A medias” para fomentar a implicación dun xeito activo do público xuvenil na importancia da igualdade de xénero, a conciliación da vida familiar, persoal e laboral e o reparto equilibrado das responsabilidades familiares e tarefas domésticas con visos a avanzar na consecución dunha sociedade máis equitativa e conseguir que todos os días sexan 8 de marzo.
BASES
PRIMEIRA.- Obxecto
O obxecto do certame é empregar a viñeta cómic ou tira de viñeta (máximo 4 viñetas) para resaltar actitudes positivas en materia de igualdade de xénero, conciliación e corresponsabilidade.
SEGUNDA.- Participantes
Poderán participar todas as persoas físicas con idades comprendidas entre 12 e 18 anos, de calquera nacionalidade, que se presenten individualmente ou en grupo.
Cada participante/s só poderá presentar unha única obra orixinal e inédita escrita en galego e non premiada con anterioridade.
TERCEIRA.- Temática
O premio concederase á viñeta que no marco da conmemoración do 8 de marzo como o Día Internacional das Mulleres Traballadoras pretenda sensibilizar e resaltar actitudes positivas sobre:
- Importancia de participar no reparto das responsabilidades familiares e das tarefas domésticas
- Conciliación da vida familiar, persoal e laboral
- Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes na inserción laboral e no desempeño de profesións tradicionalmente masculinizadas.
Os textos empregados deberán respectar os principios da lexislación vixente en Políticas de Igualdade de Xénero e Prevención da Violencia de Xénero.
CUARTA.- Formato
Medidas: A viñeta poderá presentarse en formato como mínimo DIN A 5 e como máximo en DIN A 4.Os traballos faranse en cartolina.
Técnica: poderá empregarse técnica libre.
A obra poderá estar composta por unha viñeta ou por un máximo de 4 viñetas cun fío condutor.
A obra non poderá ir asinada co nome.
O idioma empregado será o galego
QUINTA.- Premio
Outorgarase primeiro, segundo e terceiro premio.
- O primeiro premio consistirá nun ordenador portátil e unha colección de cómics.
- O segundo e terceiro premio consistirá nunha colección de cómics.
Os premiados recibirán na entrega un recordo da súa participación no concurso.
A Deputación resérvase o dereito a facer uso da obra premiada, cedéndolle o autor os dereitos para que a Deputación poida empregala para calquera campaña de sensibilización e información das actividades da Deputación da Coruña relacionadas co fomento da igualdade de xénero.
SEXTA.- Prazo e forma de presentación dos traballos
Prazo: o prazo de admisión de obras ábrese o 8 de marzo de 2010 e péchase o 8 de maio de 2010 ás 23.55 h.
Forma de presentación: os traballos entregaranse nun sobre cerrado no seu exterior (1) indicarase “I Concurso de Viñetas Cómic: A medias” e un pseudónimo como identificador do traballo. Dentro deste sobre métese o traballo e un sobre pechado (2) co pseudónimo no exterior, e no seu interior a folla de aceptación dos compromisos coa convocatoria cos datos requiridos.
As candidaturas presentarase no Rexistro Xeral da Deputación Provincial da Coruña, Avda. Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, ou no indicado no art.. 38.4 da Lei 30/1992, do 26 novembro, RXPAC, indicando no exterior do sobre: “I Concurso de Viñetas Cómic: A medias” Deputación da Coruña.
SÉTIMA.- Composición e actuación do xurado
O xurado estará presidido polo Sr. presidente da Deputación e formarán parte del a deputada delegada na área de Políticas de Igualdade de Xénero, a técnica de Igualdade e Políticas Públicas da Deputación, unha técnica da área de Servizos Sociais, e un profesional de recoñecido prestixio no eido das artes ou do deseño gráfico.
Actuará como secretario/a da corporación a persoa funcionaria en quen se delegue. Esta será a persoa encargada de abrir o sobre (2) da obra que resulte finalista.
O xurado actuará en pleno, sendo necesaria a asistencia de dous terzos dos seus membros. As súas deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. O réxime xurídico e de funcionamento do xurado será o disposto nos artigos 22 a 27 da Lei 30/92 do 26 de novembro.
A deputación resérvase o dereito de modificar as condicións en calquera momento, incluso podendo chegar a anulalo ou deixalo sen efecto sempre que concorra causa xustificada, en todo caso comprométese a comunicalo pola mesma vía.
Así mesmo, o xurado poderá declarar deserto o premio, e a súa proposta será obxecto de resolución da Presidencia desta Deputación, que é o órgano competente para resolver o premio.
OITAVA.- Prazos de concesión e entrega dos premios
A concesión do premio decidirase antes do 8 de xuño do 2010, e darase a coñecer a través dos distintos medios de comunicación.
A entrega de premios celebrarase nas dependencias da Deputación e avisaranse as persoas gañadoras cunha semana de antelación.
NOVENA.-
Non se devolverán os traballos presentados e non premiados. A partir do día seguinte á concesión do xurado dos traballos premiados os outros serán destruídos.
DÉCIMA.-
A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.
I CONCURSO DE VIÑETAS CÓMIC
“A MEDIAS” , ANO 2010
FOLLA DE ACEPTACIÓN DOS COMPROMISOS DA CONVOCATORIA
DATOS DA PERSOA PARTICIPANTE
Nome e apelidos
Data de nacemento
Enderezo
Localidade
Concello
Código Postal
Teléfono
NIF
Pseudónimo empregado
Outros datos:
Achégase fotocopia do DNI
A participación nesta convocatoria supón a total aceptación das bases, cedéndolle os dereitos para que a Deputación poida empregar o traballo para calquera campaña de sensibilización e información das actividades da Deputación da Coruña relacionadas co fomento da igualdade de xénero.
Lugar e data__________________________
(sinatura da persoa participante)
* Este documento engadirase no sobre pechado (2) depositado no interior do sobre (1) que contén o traballo.
A Coruña, 25 de febreiro de 2010
O presidente O secretario
Salvador Fernández Moreda José Luís Almau Supervía
2010/2897
Posted via web from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario