Dodro, 9 de marzo de 2010. O Bng de Dodro presentou alegacións ao proxecto de paseo fluvial que Demarcación de Costas ten proxectado na banda de Laíño, no río Ulla cando pasa por Dodro. Os nacionalistas explican que parten "da idea que un concello coma o de Dodro non pode permitirse, e menos nestes tempos de crise económica, renunciar a un investimento no concello de máis de dous millóns de euros. Esta obra, de facerse, pode reactivar parcial e temporalmente a economía de Dodro. Ademáis, respondería a unha demanda social no concello de Dodro. Basta darlle un repaso aos programas electorais de todas as forzas políticas que se apresentaron en Dodro ás municipais do 2007 para comprobar que en todos figuraba un paseo fluvial polas veigas do noso concello". Porén, as alegacións que presentan son, segundo o Bng local "para mellorar o proxecto e facelo sustentábel". Consisten fundamentalmente en:
- Para un maior coidado do espazo natural no que se pretende intervir, declarado Lugar de Interese Comunitario (LIC) e Rede Natura 2000, a intervención de urbanización debe ser mínima e a intervención de protección de especies ameazadas, eliminación de especies exóticas invasivas, eliminación de verquidos, limpeza de gabias, regos e regatos debe ser preferente.
De cinco a tres aparcadoiros
Os nacionalistas solicitan que inclúan no proxecto unha partida orzamentaria para estes traballos "realmente medioambientais" e reduzan a partida de urbanización ao eliminar tres dos cinco aparcamentos previstos, ao substituir un sendeiro de pizarra por outro de igual percorrido pero de madeira e tamén que eliminen o sendeiro de madeira naqueles lugares onde o paseo pode facerse por camiños de terra xa existentes, sen máis intervención cá súa limpeza e que ademáis permitirá seguir usando eses camiños para usos agrícolas.
Praia fluvial, non. Aula da Natureza, si
Tamén propoñen eliminar a praia fluvial prevista. "Dodro non pode apostar por un turismo de sol e praia, senón por outro tipo de turismo de calidade que busque un espazo tranquilo e de alto valor ecolóxico para disfrutar das vacacións", argumentan dende o Bng.
E engaden: "Precisamente para poder atraer a este tipo de turistas é necesario que reubiquen o observatorio de aves ao estar nun dos peores emprazamentos posíbeis, que reubiquen o embarcadoiro para augas máis tranquilas e que creen un Aula de Interpretación da Natureza". "Con estas alegacións pensamos que o orzamento do proxecto non sufrirá un incremento, senon máis ben incluso pode descender. Sen embargo, a lonxitude do paseo non sufrirá variacións, o respecto medioambiental á zona da intervención será moito maior e ademáis a obra destínase a un tipo de turista máis acorde co que Dodro pode ofrecerlle", conclúen nos seus plantexamentos os nacionalistas de Dodro.
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario