O BNG de Rianxo quere que o executivo realice xuntanzas informativas dos técnicos municipais para informar da afectación do Plan de Ordenación do Litoral no Concello
Rianxo, 24 de marzo de 2010. (Nota íntegra do Bng) O BNG solicitará do executivo rianxeiro un calendario de xuntanzas polas parroquias afectadas polo Plan de Ordenación do Litoral da Xunta para explicar o alcance deste aos veciños e que estes estean preparados e informados cando teñan que realizar as súas alegacións particulares no período de información pública.
Nestes momentos o POL promovido pola Xunta do PP a través da Consellaría de Medio Ambiente está sometido a revisión e suxestións dos Concellos polo que é un bo momento para difundir un documento que pode conter non poucas inexactitudes e que ademais se modifica arbitrariamente de formato e cores varias veces mentres está colgado na web da Xunta.
Para garantir a maior transparencia posíbel e de cara á futura apertura do período de exposición pública para todos os particulares o BNG de Rianxo cre, tal e como nolo demandaron algúns colectivos veciñais, que se deben explicar as medidas que contemplan e que afectan non só ás parroquias costeiras rianxeiras, Rianxo, Isorna, Taragoña e Leiro, senón que contén medidas nos ríos de todo o concello, como é o Té ao seu paso polo Araño e Asados. Daí que reclamemos a posta a disposición dos técnicos e dos recursos municipais para facer unha análise do proposto no POL e que os veciños coñezan obxectivamente o que implica para as súas vivendas e/ou propiedades. Son moitas as vivendas incluídas nunha franxa chamada de Mellora ambiental e paisaxística que as deixa afectadas e en situación de inseguridade xurídica que compre dar a coñecer.
A ampliación do prazo de consultas aos concellos até o 10 de maio posibilita realizar esta tarefa de máxima divulgación do seu contido e de non prosperar a demanda do BNG nacional de que o goberno do PP retire o Plan, é preciso poñer todos os medios municipais para darlle á cidadanía toda a documentación e información posíbel e rachar co escurantismo co que naceu o POL e que pode dar moitas sorpresas aos cidadáns.
O BNG trasladará esta demanda á comisión informativa de urbanismo para que sexa esta quen programe o calendario concreto de xuntanzas en cordinación cos colectivos veciñais. Caso de non asumir o executivo este labor o BNG rianxeiro poñerase ao servizo dos veciños para divulgar e dar a coñecer o POL polas zonas afectadas. Máxima transparencia e información é de xustiza.
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario