11.6.10

Rianxo: o BNG insta a soterrar unha liña eléctrica de media tensión en Taragoña


Rianxo, 11 de xuño de 2010. O BNG de Rianxo demanda que o executivo se acolla á Orde da Consellería de Economía e Industria do 2 de xuño de 2010 (DOG do xoves 10 de xuño)  pola que se establecen as bases para a concesión das axudas para o soterramento de infraestruturas eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder)

A Orde permite viabilizar a moción do BNG presentada no pleno de maio do ano 2009. Nela aludiase á liña de media tensión que atravesa a parroquia de Taragoña e afecta especialmente ao  Campo de Pazos, onde a liña eléctrica pasa a moi escasa altura das vivendas, mantendo un evidente perigo sobre estas casas, a engadir a outros inconvenientes que supón convivir cunha liña eléctrica de media tensión. Ademais, argumentan os nacionalistas, "é un mal exemplo do chamado feísmo urbanístico".

Os cableados aéreos son unha constante en toda Galicia porque nunca houbo gobernantes que obrigasen ás empresas a soterrar as liñas cos seus propios cartos

O texto da Orde da Xunta sinala que a existencia de liñas e outras instalacións eléctricas aéreas de alta e baixa tensión en zonas poboadas xera unha crecente preocupación social polo seu impacto ambiental e sobre a seguridade pública, aspectos que afectan a calidade de vida dos cidadáns.

En virtude da dita competencia, é responsabilidade da Consellería de Economía e Industria apoiar as actuacións que teñen como finalidade a adecuación e mellora das infraestruturas eléctricas de alta e baixa tensión, así como apoiar as corporacións locais para que poidan acometer este tipo de proxectos, os cales sen este apoio por parte da Administración autonómica non se podería levar a cabo debido á situación económica actual.

Trátase de apoiar actuacións de soterramentos, recuamentos e outras accións dirixidas á adecuación de infraestruturas eléctricas xa existentes, que debido ao desenvolvemento urbanístico dos concellos en que están, precisan da súa adaptación a estes plans urbanísticos promovidos polas propias corporacións locais. Estas actuacións supoñen unha serie de beneficios de orde social, eliminación do impacto paisaxístico, maior calidade de vida, mellora das súas características técnicas e como consecuencia, unha mellora da calidade da subministración eléctrica, que contribúen ao desenvolvemento rexional da nosa comunidade autónoma.

Desde o BNG cren que "acae á liña de Taragoña como anel ao dedo acollerse a estas axudas polo que defenderemos a aprobación plenaria desta actuación que pode chegar a subvencionar até o 80% da obra civil".

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical