16.6.10

Ribeira: organizan este xoves 17 un simulacro de incendio no colexio "O Grupo"


Imaxe doutro recente simulacro perpetrado en Ribeira

Ribeira, 16 de xuño de 2010.-
Protección Civil de Ribeira vai coordinar mañá xoves, día 17 de xuño, un simulacro de incendio no CEIP O Grupo. Esta acción, que terá lugar a partir das 11.30 horas, ten como principais obxectivos poñer en práctica o plan de autoprotección do centro educativo, adestrar ao persoal do centro e do persoal exterior con implicación neste tipo de sinistros (protección civil, Grumir, Policía nacional, policía local e bombeiros), comprobar a capacidade de resposta dos medios que interveñen e observar os erros que se cometan para posteriormente emendalos e incluílos no plan de autoprotección.
No desenvolvemento do simulacro partirase dunha suposta alarma de incendio nunha aula baldeira sita na primeira planta do centro. O exercicio constará da evacuación total e correcta do centro educativo, o control de alumnos e persoal desaloxado no exterior, e a valoración dos tempos de evacuación e de resposta de medios externos.

Actividade codirixida por Protección Civil de Riveira e a dirección do centro educativo O Grupo, contará cos seguintes medios participantes: persoal interno do colexio, persoal de Protección Civil e do Grumir, bombeiros comarcais e persoal da policía local e da policía nacional.

Día do Samaín no colexio "O Grupo"

Desenvolvemento do exercicio

O desenvolvemento do exercicio terá lugar do seguinte xeito: ás 11 horas un responsable do centro educativo informará por teléfono ao 112 de que se está a producir un incendio nunha aula da primeira planta do edificio e de que proceden á súa evacuación. O 112 da aviso aos bombeiros comarcais, policías nacional e local, protección civil e Grumir para que se preparen para atender a suposta emerxencia. A policía local enviará unha patrulla ao lugar de aviso, onde acudirán tamén unha dotación de bombeiros, efectivos da policía nacional e un equipo de protección civil e Grumir cun camión motobomba e un vehículo dotado con medios de intervención e extinción en incendios urbanos. 

Mentres tanto, no centro estarase a realizar o desaloxo polos cauces establecidos no plan de autoprotección, e levarase a cabo unha estrita vixilancia tanto da evacuación como da orixe da emerxencia. Unha vez rematado o desaloxo procederase ao reconto de alumnos no punto de reunión, e o responsable máximo da evacuación esperará a chegada dos medios de intervención externos para informar ao responsable destes da situación. No caso de que á chegada do equipo de intervención externa aínda non se rematase coa evacuación ou co reconto dos alumnos, este equipo colaborará na finalización destas tarefas. 

A continuación, o equipo de intervención externa entrará no centro acompañado polo responsable do mesmo e revisarán o peche de portas e fiestras, así como o correcto desaloxo do edificio. Unha vez rematada o exercicio, valorarase o seu desenvolvemento con especial fincapé nos erros cometidos. 

De todo o desenvolvemento do exercicio, así como da súa finalización, informarase puntualmente á Central de Emerxencias 112 a través de Protección Civil de Ribeira, telefonicamente ou por terminal remoto.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical