21.7.10

Deportes: Sálvora C.F. e Concello de Ribeira organizan campus de fútbol base para nenos

Ribeira, 21 de xullo de 2010. Ata sesenta rapaces do municipio nacidos entre 1999 e 2003 terán a oportunidade de participar, entre os días 2 e 6 de agosto, no Campus de Fútbol Base Cidade de Riveira: unha iniciativa coorganizada por primeira vez entre o Concello de Ribeira e o Sálvora Club de Fútbol, despois de que en anos pasados fose promovida en solitario por este equipo, cun notable éxito de asistencia. 

O concelleiro de Deportes, Miguel Ángel Vidal, e o directivo do Sálvora Club de Fútbol Francisco Romay foron os encargados de presentar hoxe as características desta iniciativa, que terá lugar en horario de 10 a 13 horas durante os cinco días citados, co espírito de promover valores como a cooperación, o civismo, a técnica e a formación. 

Tres grupos

Os rapaces participantes serán distribuídos en tres grupos, cada un dos cales levará  a cabo actividades deportivas específicas vinculadas co fútbol no campo de céspede sintético da Fieiteira ou ben outras accións de ocio e tempo libre (xogos, actividades no medio natural...). En caso de choiva, este último tipo de accións terá lugar nalgún dos polideportivos do municipio que estea libre nese momento. 

As 60 prazas convocadas serán cubertas por orde de inscrición. O prazo para anotarse comeza mañá día 22 e remata o 29 de xullo, e o importe por participar é de 15 euros, podéndose descargar o formulario de inscrición nas páxinas web do Concello ou do Sálvora. É requisito imprescindible levar a folla xustificativa do pagamento ao Auditorio Municipal.


 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical