5.8.10

Ribeira: lanzan a primeira guía de árbores presentes na Rede Natura 2000 e nos parques naturais locais

Ribeira, 5 de agosto de 2010.- A Casa Consistorial  aloxou hoxe a presentación da primeira guía realizada sobre as árbores existentes na Rede Natura 2000 en Ribeira e no Parque Natural. Trátase da Guía Básica das Árbores da Rede Natura 2000 en Ribeira, elaborada polo biólogo Miguel Ángel Conde Teira e o enxeñeiro técnico forestal Gabriel Lijó Pose. Esta publicación está editada polo Concello, que recibiu a colaboración no seu financiamento da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. 

A idea de publicar este libro xurdiu cando Miguel Ángel Conde se puxo en contacto co Departamento Municipal de Medio Ambiente, segundo explicou na presentación de hoxe (na que ademais dos autores estiveron presentes o alcalde José Luis Torres e a concelleira de Medio Ambiente Elvira Pereira). O municipio xa contaba con distintas publicacións que inciden sobre as súas especies florais e a súa fauna, pero non había ningunha obra específica sobre as súas especies arbóreas. A idea foi ben acollida polo Concello e, tras arredor dun ano medio de traballo de campo e de redacción e maquetación, finalmente viu a luz este estudo. 

Linguaxe accesible en 80 páxinas

A intención dos seus creadores foi realizar un libro que tivese unha linguaxe accesible para o gran público, no obxectivo de ofrecer información nova en canto ao patrimonio arbóreo da Rede Natura 2000 e sobre todo poñer en valor as fincas encravadas nesta área, ao obxecto de potenciar os seus usos forestais.

A publicación consta de 80 páxinas distribuídas en 11 capítulos nas que ademais de ofrecer información básica da Rede Natura 2000, inclúese un pormenorizado estudo de 42 especies arbóreas, con profusión de fotografías e recomendacións sobre os seus coidados, usos e interese natural. A obra remata cun glosario de termos técnicos que fagan comprensible o seu significado aos non iniciados. 

O alcalde destacou que ademais das cualidades didácticas deste libro (que xa foi enviado aos centros educativos do municipio) e do seu interese para os estudosos da botánica, esta obra é moi positiva desde o punto de vista turístico, e expresou neste sentido o seu coñecemento de que “moita xente vai vir a Ribeira para coñecer as nosas árbores”. 

José Luis Torres informou de que se fará chegar onde sexa posible esta publicación, da que se editaron 2.000 exemplares, e tamén felicitou aos autores e agradeceu a colaboración prestada pola Xunta de Galicia. 

Conde, biólogo e Lijó, enxeñeiro forestal

Miguel Ángel Conde Teira é biólogo e ten desenvolvido o seu traballo profesional na realización de inventarios de fauna e flora, impartición de cursos relacionados co medio ambiente e estudos pesqueiros. Tamén é coautor da “Guía Natural de Carreirón. Aves e Mamíferos”, da Illa de Arousa.  

Gabriel Lijó Pose é enxeñeiro técnico forestal. Dedicou o seu proxecto de fin de carreira ao estudo da distribución e composición florística dos bosques de Galicia. Colabora con varias asociacións conservacionistas de fauna e flora ameazada.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical