Boiro, 16 de novembro de 2010. O cineforum "Nada sobre nós sen nós", dentro do festival audiovisual Acción!, tivo lugar o 13 de novembro no Espazo Leña Verde do Concello de Boiro e colaboraron nel o Departamento de Cultura deste concello, o Foro de Vida Independente e Lapepa Producións.
"A volar" está producido por Lapepa: http://www.lapepaproducciones.com
A Asociación Ámbar organizou este cineforum que, na súa primeira edición, proxectou o documental 'A volar', que recolle as historias de vida de catro persoas con diversidade funcional, co fin de incidir na importancia da asistencia persoal como ferramenta social para a cidadanía e as novas perspectivas sobre a autonomía persoal e a vida independente dentro da comunidade, entre outros aspectos.
Tamén se proxectou a curtametraxe 'O pantallazo', que recolle a intervención dun grupo de cidadáns manifestándose sobre “os efectos da burocracia infinita sobre as vidas das persoas”. Durante a presentación, a presidenta de Ámbar, Milagres Rey, dixo que as persoas con diversidade funcional e os vellos “poden e deben vivir incluídos dentro dos nosos pobos, para o que precisan de apoios adecuados ás súas necesidades” e explicou que o obxectivo do cineforum é explicar e reflexionar sobre os instrumentos que mellor se poden utilizar na nosa comarca para “que ninguén se vexa apartado da vida na comunidade”.
Na actividade estiveron presentes os alcaldes de Boiro e Pobra, Xosé Deira e Isaac Maceiras, o concelleiro de cultura de Boiro, Xerardo Piñeiro, e as concelleiras de Asuntos Sociais, Natalia Laíño e Balbina Lojo. Entre os asistentes había diversas persoas que acudiron de distintos puntos da comarca barbancesa e de Pontevedra.
Tra-las proxeccións tivo lugar un interesante e vivo coloquio, no que tanto autoridades como público participaron con entusiasmo, percorrendo diversos temas relacionados cos contidos da mostra: exploráronse dende os anecdotarios persoais ata as políticas públicas e os recursos destinados á promoción da autonomía en diversos contextos e ámbitos, accesibilidade, vivenda, transporte e demais. O cineforum prolongouse ata as nove da noite e dende Ámbar califícano como un "éxito".
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario