A moza seleccionada para o intercambio fará un obradoiro de música galega tradicional en Sicilia Boiro, 23 de novembro de 2010. Segundo explica o Concello de Boiro en nota de prensa, "un dos compromisos da Concellería de Mocidade, que dirixe Dores Torrado, do ano 2009, cando comezou a formar parte do programa Xuventude en Acción, foi facilitar a participación dos mozos en programas de mobilidade europea, ofertándolles a oportunidade de ser partícipes en accións xuvenís a través da educación non formal. O primeiro paso foi poder acoller outros mozos europeos e enviar a 5 xóvenes do municipio a participar durante nove meses en programas de voluntariado europeo, pero sendo consciente da dificultade que teñen algúns xóvenes para participar nas accións xuvenís de longa duración por motivos laborais ou formativos, o Concello de Boiro, decidiu acoller outros programas europeos que posibilitasen o encontro con outros mozos durante estancias de curta duración e accións xuvenís que permitisen coñecer outras rexións e medios de vida". A primeira de estas iniciativas foi a participación nun seminario europeo en Holanda, no que participou un técnico municipal. Desta participación xurdiron varias iniciativas e contactos con diferentes organizacións, pero ademais da relación cos participantes procedentes de Italia, fíxose posible a participación do Concello nun novo intercambio xuvenil que se celebrará en Sicilia (Italia) do 26 de novembro ao 3 de decembro. Neste intercambio xuvenil participarán xóvenes menores de 25 anos de Bulgaria, Grecia, Portugal, Rumanía e Italia. O obxectivo principal deste encontro é establecer un espazo de debate sobre temas que lle interesan aos mozos de cada país, tales como o medio ambiente, as posibilidades de inserción laboral dos xóvenes, o acceso a vivenda ou a exclusión social e expresalas a través da arte (graffiti, reciclaxe, música, etcétera). Cada país deberá realizar un obradoiro artístico, mediante o que explicará a realidade cultural e os elementos tradicionais do país de procedencia. O Concello de Boiro enviará neste intercambio a unha moza con formación no eido social que ademais se encargará de realizar un obradoiro de música galega tradicional en Sicilia.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario