23.11.10

Noia: modifican o tráfico no barrio de Bergondo e limitarán a media hora o estacionamento na rúa de Galicia

Tamén hai un control de cumprimento de semáforos no que xa van 25 denuncias nunha mañá

Na rúa de Galicia o tempo de estacionamento permitido será só de media hora

Noia, 23 de novembro de 2010. A Concellería de Tráfico e Seguridade Cidadá noiesa vén de informar que dende este luns 22 retomouse o proxecto de sinalización do barrio de Bergondo, co que se pretende ordenar o tráfico rodado. Está prevista a colocación de sinais de Stop e de Ceda o Paso, cun total de máis de 20 sinais de tráfico "que darán orde e seguridade, no que a tráfico se refire, a esta zona", explican.

O cambio máis significativo é o de dar preferencia aos vehículos que suban pola rúa Carlos Aboy, que ten un cambio de rasante moi pronunciado e no cal, a partir de agora, os conductores que circulen por ela terán preferencia sobre os que o fagan pola rúa Ramón Lira Castro, os cales veranse na obriga de ceder o paso.

No barrio de Bergondo, e dentro do plan estatal deste ano, colocáronse xa dous pasos de peóns elevados para mellorar a seguridade dos viandantes. Agora, con este proxecto de sinalización, a Concellería de Tráfico busca "un complemento de mellora para a seguridade do tráfico rodado e tamén dos peóns".

Só media hora de párking na rúa de Galicia

    A rúa de Galicia sufrirá tamén modificacións nas zonas destinadas ao estacionamento. Ao longo desta semana colocaranse sinais con placas complementarias donde se informa aos usuarios destes estacionamentos que o tempo máximo permitido para deixar os vehículos será de 30 minutos.

No mes de agosto mantivo o Concello e o xefe da Policía Local unha reunión cos propietarios dos locais comerciais desta rúa  onde se acordou reducir o tempo de estacionamento a un máximo de media hora. Segundo a concelleira de Tráfico, Rosana Mariño, "eran moitas as protestas dos comerciantes da zona polas continuas sancións por parte da policía local na zona de carga e descarga; os comerciantes de rúa Galicia demandaban unha solución para que os seus clientes puidesen parar, sen risco de ser multados, a facer as compras nos locais da súa propiedade. O acordo ao que se chegou na reunión mantida fai uns meses foi colocar sinais que obriguen aos conductores a quitar os seus vehículos estacionados nestas zonas antes de trinta minutos. Deste xeito preténdese conseguir que sexan moitos os usuarios que utilicen estas zonas de estacionamento e non sexan acupadas por un único vehículo ao longo de toda a mañá. Esta rotación de vehículos axudará tamén a que a zona de carga e descarga se destine ao seu uso e os vehículos de transporte de mercadorías non quedará, como está pasando agora, no medio da rúa obstaculizando o tráfico ou sobre as aceras e impedindo o paso dos viandantes".

Rúa Besteiros: prohibido aparcar enriba das beirarrúas

    Na rúa Besteiros será prohibido, a partir de do día 2 de Xaneiro de 2011, estacionar vehículos enriba das beirarrúas. "Restablecerase o uso exclusivo das aceras para os peóns e serán sancionados todos aqueles vehículos que estacionen enriba delas. Foi a directiva de Noia Histórica a que solicitara que se permitise o estacionamento sobre as aceras de rúa Besteiros; fai uns días chegouse a un novo acordo cos representantes dos comerciantes do centro comercial aberto para que despois da campaña de Nadal as beirarrúas sexan de uso exclusivo dos peóns", explicaron dende Tráfico de Noia.

Ollo cos semáforos en vermello: 25 denuncias nunha mañá


A policía local de Noia comezou hoxe mesmo un operativo de control do uso dos semáforos. Ao largo da mañá de hoxe puxéronse 25 denuncias por non respectar os semáforos en vermello da rúa Pedra Sartaña. Este operativo repetirase no resto das zonas semaforizadas da vila de Noia para que conductores e viandantes respeten os semáforos.

Poranse tamén en funcionamento os semáforos ubicados na saída principal do barrio de Labarta que darán máis fluidez na incorporación e saída dos vehículos a esta zona. En Labarta levaranse a cabo unha serie de modificacións máis, que serán a continuación das xa iniciadas fai uns meses. Por un lado, poñerase sentido único ao tramo que falta da rúa Pintor Xenaro Carrero e invertiranse os estacionamentos na rúa Fernández da Ponte para ver se é posible manter o dobre sentido de circulación ou se se deixa un único sentido de saída. Na rúa Irmáns Labarta vaise pintar un paso de peóns que comunique a beirarrúa co parque infantil, co obxetivo de facer máis seguro o cruce das persoas para a parada de autobús ou para a área de xogo.

Por outra banda, a rúa Pontevedra pasará a ser de sentido único no tramo que vai dende o Outonil á avenida da Coruña e quedará como vía de saída e a vía de entrada será pola Travesía do Outonil.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical