22.11.10

Cultura: a editorial noiesa Toxosoutos participa na Feira Internacional do Libro de Guadalajara en México do 27 de novembro ao 6 de decembro

A Consellería de Cultura e Turismo promove o stand no que estará a editorial de Noia xunto con outras 17 de Galicia

Noia, 22 de novembro de 2010.- Un stand compartido pola Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Editores permitirá a promoción do libro galego na Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México), entre o 27 de novembro e o 6 de decembro. Este ano terá unha especial relevancia a celebración en Galicia do Ano do Libro e da Lectura, segundo di a Xunta, xa que se presentarán as novidades dun total de 18 editoriais galegas, entre elas a noiesa Toxosoutos.

Coñecida como a FIL, a Feira Internacional do Libro é un dos eventos máis importantes do xénero no mundo hispano e está organizada pola Universidade de Guadalajara. Trátase dunha feira non exclusivamente de carácter profesional senón aberta ao público. Na pasada edición asistiron a este evento uns 2.000 editores de 40 países, 17.000 profesionais do sector e 600.000 visitantes, o que amosa a importancia desta cita.

A representación institucional da Xunta de Galicia correrá a cargo do director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López. No stand galego, situado na zona internacional, estarán presentes, ademais de Toxosoutos, as seguintes editoriais: Luis Vives, Ideas Propias, Xerais, Kalandraka, Do Cumio, KNS Edicións, Rodeira-Edebé, Baía Edicións, Ir Indo, Everest, Obradoiro, Oqo, El Patito, Galaxia, Biblos, Amiris Edicións e Linteo.

Entre os libros destacados de Toxosoutos estarán os novos das súas colección Keltia, Anais e Trivium, así como o interesante "50 Anos de Pop, Rock e Malditismo na Música Galega", do ferrolán Fernando Fdez Rego ou a novela de Jorge Emilio Bóveda "A vila das ánimas".

Dentro do programa deseñado para a FIL de Guadalajara e para conmemorar neste foro a efeméride do Centenario de Gonzalo Torrente Ballester, o día 3 de decembro está prevista a presentación da edición en banda deseñada da súa obra Fragmentos de Apocalipsis, con guión de César Lombera e debuxos de Jaime Asensi. Nesta presentación intervirán o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura e a directora da Fundación GTB, Carmen Becerra.

Os escritores galegos José Antonio Neira Cruz e Xavier Alcalá participarán no programa Ecos de la FIL, un foro de encontro entre autores e os lectores máis novos. A través deste programa, posibilitarase que os narradores, poetas e xornalistas que acoden á Feira do Libro compartan espazo e tempo co público novo que non pode asistir ao recinto feiral. Será os días 30 de novembro e 1 de decembro, nos que Neira Cruz e Xavier Alcalá manterán un encontro con estudantes de Guadalajara. Ademais, José Antonio Neira Cruz participará o día 29 de novembro nunha entrevista cos lectores e público en xeral baixo o título El placer de la lectura.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical